23/9/11

Recomendacións en Radioleiros: 23 de setembro

Logo de Recomendacións en RadioleirosLibros recomendados o 23 de setembro:
- Infantil (de 10 a 12 anos):
O 21 de setembro celebrouse o Día Internacional do Alzheimer, así mesmo, 2011 é o Ano Internacional da investigación en Alzheimer, para conmemorar ambos eventos as Bibliotecas de Oleiros recomendánvos un libro que fala das persoas maiores, como unha pequena homenaxe a elas.cuberta do libro Galego. Á beira do mar

"Galego. Á beira do mar" de Juan Farias Díaz-Noriega, ilustracións de Xosé Cobas Gómez, en Kalandraka.
É un fermoso libro, tanto polo texto como polas ilustracións. Preséntanos as lembranzas dun home maior ao que lle chaman "O Rapaciño", o seu amor, os recordos do seu mellor amigo, como leva a vellez, a relación coa familia, principalmente co seu neto “O Pecas”, a soidade e a nostalxia. É unha obra tenra, emotiva, cun texto moi coidado e unhas delicadas ilustracións. Recomendámolo para nenas e nenos a partir de 10 anos, pero desexamos resaltar que é un relato que serve para todas as idades.

- Mozos/as e adultos/as:
"Purga" de Sofi Oksanen editado por Salamandra.
Narrcuberta do libro Purgaa a historia de Zara unha moza rusa vítima do tráfico de mulleres. Unha amiga convenceuna de que fora traballar con ela, que ao mesmo tempo tamén ía poder estudar, e, sen sabelo, veuse metida nunha rede de prostitución da que non podía saír. Un día en que a trasladaban de lugar consigue escaparse nunha zona rural de Estonia, en 1992, un ano despois de que este país recuperase a súa independencia da Unión Soviética. Agáchase nun xardín dunha casa solitaria. Atópaa, Aliide Truu, unha anciana que vive sola, á quen ela buscaba para pedirlle axuda. Con moita desconfianza acóllea na súa casa, co desexo de librarse dela canto antes, pero a través das súas conversacións iremos vendo o vínculo que as une. Narrada en capítulos que van alternando a actualidade e o pasado, fálanos dun amor non correspondido, de rivalidades familiares, pero tamén do medo, da tortura e de humillacións. É unha historia protagonizada por mulleres que foron sometidas á violencia. É unha novela interesante que nos fala de humillacións e de medo pero tamén da gran capacidade que ten o ser humano para sobrevivir nas circunstancias máis adversas.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario