12/3/10

Recomendacións en Radioleiros

Títulos recomendados o venres 12 de marzo:
- Adolescentes (a partir de 14 anos):
"Blanca oscuridad" de Geraldine Mc Caughrean editado por Alfaguara.
Impresionante e á vez dura historia sobre a Antártida.
Sym é unha adolescente moi imaxinativa, pero que está algo illada a causa dunha xordeira. Está obsesionada pola Antártida e especialmente polo seu querido Titus (que é o capitán Oates, un explorador da Antártida xunto a Scott).
A protagonista irá contando unha experiencia que a leva ata o Polo Sur.
Unha novela xuvenil na que Sym demostra a súa capacidade de supervivencia e superación.
- Mozos-as e adultos-as:
"Paraíso inhabitado" de Ana María Matute
en Destino.
Unha obra que recrea o paso da infancia á madurez. A protagonista, Adriana, vainos contando distintos sucesos acontecidos durante a súa infancia. Como as persoas máis próximas a ela eran dúas mulleres que traballaban na casa: a Tata María (unha muller maior que xa coidara a súa nai) e a cociñeira Isabel. Ambas dábanlle e demostrábanlle agarimo, líanlle (no caso da Tata) ou contábanlle contos, ocultaban as súas trastadas, etc; xunto coa súa tía Eduarda, transgresora e que representa a liberdade. Por outro lado estaba súa nai, unha fermosa, pero fría e distante muller moi preocupada polas aparencias e as intransixentes monxas do colexio onde estudaba.
Faise amiga de Gavi. Un neno que vive no mesmo edificio, que é coidado por Teo un home que se encarga de todo o da casa e da súa titoría.
Adriana e Gavi sofren a soidade polo que se refuxian en imaxinativos xogos, diferentes fantasías ou na lectura. Fronte a eles están “os Xigantes” que son os maiores.
Este libro reflexa a vida cotián dunha nena da burguesía española nos anos previos á Guerra Civil.
É unha fermosa e emotiva obra, que podemos chamar autobiografía novelada, na que mestura realidade e imaxinación, escrita coa mestría que caracteriza a Ana Mª Matute, que presenta a infancia como unha etapa delicada e marabillosa, pero, como dixo a propia autora “que marca para toda a vida”.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario