26/7/13

Recomendacións en Radioleiros: 26 de xullo

-Infantil (menores de 6 anos):
"Luna llena" de Antoine Guilloppé, en Macmillan.
Fermoso e espectacular álbum, realizado totalmente en branco e negro para acentuar máis o contraste, coas ilustracións troqueladas con láser, de forma que parecen belidos encaixes. É unha noite de lúa chea e hai algo que alerta aos animais do bosque. Que é ese ruído que os esperta? Baixo a temática da natureza, os animais e o misterio temos un espléndido libro para ler, mirar, regalar e sobre todo gozar con el.
Magnífica obra deste ilustrador francés no que combina unha tenra e sinxela historia cun excelente traballo para a elaboración do libro.

- Mozos/as e adultos/as:
"La ecuación de la vida" de Yasmina Khadra, editado por Destino
Novela de aventuras e ao mesmo tempo de suspense e intriga, narrada en primeira persoa polo protagonista, Kurt Krausmann, un médico alemán que leva unha vida tranquila e feliz,
casado con Jessica, da que está moi namorado, pero ela ultimamente volvérase moi distante, o que lle provoca a el un gran desasosego e preocupación, ata que un drama familiar o leva á desesperación.
Por este motivo, Hans, un amigo, invítao a que o acompañe nunha misión humanitaria, viaxar ás Illas Comoras, onde ten a intención de equipar un hospital para unha organización caritativa da que é membro. Pero, no transcurso desta viaxe, cerca da costa somalí, o barco é asaltado por piratas. Kurt e Hans son secuestrados e trasladados dun campamento clandestino a outro, vivindo en  lugares insalubres e en moi malas condicións e levando unha vida infrahumana. Obra que atrapa ao lector presentando uns europeos que se enfrontan a un mundo descoñecido, no que manda a violencia, a tortura e a arbitrariedade. O autor intenta achegarnos un pouco a África,  presentándonos as terribles situacións de guerra e pobreza, un continente de miseria e violencia, pero ao mesmo tempo cuns habitantes que teñen unha gran alegría de vivir.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo,todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

19/7/13

Recomendacións en Radioleiros: 19 de xullo

- Infantil:
"Acuario", texto de María Canosa e ilustracións de Dani Padrón, editado por Embora.
Acuario de María Canosa é un singular dramatis personae no que os protagonistas son os peixes e outros habitantes dos fondos mariños. Marta, Xoán e demáis amigos queren saber de todo ese mundo dos mares e océanos e achéganse ao acuario para coñecer a peixes, cetáceos e moluscos descritos con musical rima por Canosa e imaxinados polos ollos coloristas de Dani Padrón para conxuntar un diálogo creativo que se goza con sumo agrado.
- Mozos-as e adultos-as:
"La ciudad de Los Ángeles o el abrigo de Dr. Freud" de Christa Wolf, en Alianza
Christa Wolf, a escritora máis coñecida da Alemaña oriental, trasládase a Los Ángeles despois da caída do muro para unha estancia duns meses. Seguindo a pegada de Brecht, Mann, Schönberg e Adorno entre outros, Wolf reflexiona sobre o modo de vida americano e o acontecido nas dúas Alemañas das catro últimas décadas. Unha mestura entre a creación e o xénero de memorias que produce un libro distinto e á vez de total actualidade.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

12/7/13

15 e 16 de xullo: peche de Rialeda por reorganización da colección

O luns 15 e o martes 16 pecharáse ao público a Biblioteca Central Rialeda por traballos de reorganización da colección.

Os préstamos cuxa data de remate coincida cos citados días entenderánse ampliados ata o día 17 mércores.

Pregamos desculpen as molestias ocasionadas. Grazas.

Recomendacións en Radioleiros: 12 de xullo

- Infantil (menores de 10 anos):
"Bicos de música" de Mamá Cabra. Ilustracións de Kristine Sabaite, editado por Galaxia.
Libro + CD + DVD con cancións dirixidas a nenas e nenos. Formado por 10 cancións, das que algunhas son letra e música de Gloria Roel, ou de adaptacións de cancións infantís, tradicionais ou tamén doutras autoras. É unha publicación para ler, escoitar, cantar, bailar e aprender. Un traballo recente do Grupo Mamá Cabra que fará as delicias dos máis pequenos.
- Mozos/as e adultos/as:
"La bibliotecaria de Auschwitz" Antonio G. Iturbe, en Planeta .
Trata sobre a extrema dureza e o horror da vida nun campo de concentración nazi e a escola clandestina que formaron como maneira de escapar da realidade. Este libro xurde a raíz dos feitos reais que o autor coñeceu ao ler “La biblioteca de noche” de Alberto Manguel, na que describe unha pequena biblioteca no campo de concentración de Auschwitz. Ese foi o inicio para que comezase a investigar sobre ese caso, polo que a
novela parte de feitos reais contados pola propia protagonista, pero hai nomes e apelidos de personaxes que foron cambiados. Inspirada na historia real de Dita Polachova,  unha adolescente checa de 14 anos, que foi levada, xunto coa súa familia, a este campo de concentración e que se converte na bibliotecaria que custodiaba os libros nun lugar onde estaban prohibidos. Esta obra é unha homenaxe a  ela. Está moi ben documentada, a súa lectura a veces estremece, pero ao mesmo tempo podemos ver como nun lugar onde impera a brutalidade e a inxustiza, a través dos libros e por uns momentos, os nenos e nenas que asisten a esa escola poden escaparse da realidade e facer voar a súa imaxinación. 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

8/7/13

Poesía ten o seu punto

"Poesía ten o seu punto" é un novo espazo expositivo da Biblioteca Central Rialeda. Trátase dun lugar estable de exhibición de obras poéticas situado no piano que focaliza a mirada dentro do vestíbulo da biblioteca: obras de autor-a, compilacións cronolóxicas, xeográficas, creacións poéticas de todos os tempos, edicións bilingües co idioma orixinal e a versión ao galego ou castelán, etc. Este punto de encontro de libros de poesía é unha escolla de entre os aproximadamente 1600 volumes de poesía que existen na Biblioteca Rialeda, libros que se poden levar en préstamo para casa. Esta "exposición permanente de versos" é asiduamente actualizada con libros de poesía recén chegados á biblioteca, escolmas de autor-a con motivo dalgunha conmemoración, visita á biblioteca ou presentación dalgún libro, etc. Paga a pena achegarse a este piano e escoller un libro para ler demoradamente a musicalidade das estrofas. 
Como a poeta Pura Vázquez dixo "Os poemas son os cantos da vida, 
                                           os que nos din que estamos ainda vivos, 
                                                                   o canle da memoria e do sentimento"

5/7/13

Recomendacións en Radioleiros: 5 de xullo

- Infantil (menores de 6 anos):

Un loro en mi granja, de Pep Bruno e ilustrado por Lucie Müllerová
Editado por Edelvives

Un loro é o protagonista principal desta historia que se desenvolve nunha granxa. Unha suma de pequenas historias que remiten a unha máis grande. Premiado polas ilustracións da checa Lucie Müllerová.

- Moz@s e Adult@s:

Microbios e outros paquidermos, de Fernando Díaz-Castroverde
Editado por Galaxia

"Microbios e outros paquidermos" é un conxunto de cento vinte textos que, pola súa mínima extensión e máxima intensión, podemos considerar microrrelatos. Tratan temáticas moi diversas: a convivencia da fauna cidadá, o mundo felino, as alternativas aventuras de Aladino, as vivencias faquires e outras moitas cun estilo que podería vencellarse a Fole, Auster e Tabucchi. 
Premio Narrativa Repsol 2011.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

3/7/13

Aviso importante: Horario da Biblioteca de Santa Cruz do xoves 4 de xullo

A Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" de Santa Cruz terá o seguinte horario durante a xornada do 4 de xullo:

- Mañá: 10 a 14 h.
- Tarde: 17 a 20 h.

Pregamos desculpen as molestias

Durante o resto do mes o horario será de 8 a 21h. de luns a venres.

2/7/13

Horarios das Bibliotecas de Oleiros durante xullo, agosto e setembro

Informámosvos dos horarios das Bibliotecas para este verán, (clica na imaxe e accede aos horarios de todas as bibliotecas durante os meses de xullo, agosto e setembro).
Aproveitamos para recordarvos que na Biblioteca Central Rialeda poderedes renovar os libros e outros materiais daquelas outras bibliotecas que estean pechadas. Lembra que deberás facer a devolución dos libros ou o material que teñas en préstamo na biblioteca onde o retiraches. Se a biblioteca correspondente está pechada, espera a que abra para facer a devolución.

Como sempre, podedes contactar connosco ou consultar calquera dúbida sobre o horario chámandonos á Biblioteca Central Rialeda, no teléfono 981 639511, envíandonos un correo electrónico a biblioteca.rialeda@oleiros.org, ou a través de CONTACTA BIBLIOTECAS

Queremos desexar un feliz verán a todas as persoas que nos seguen a través do noso blog e da web do Concello de Oleiros, e por suposto a todos-as os-as nosos-as lectores-as e usuarios-as.

28/6/13

Recomendacións en Radioleiros: 28 de xuño

- Infantil (de 10 a 12 anos):
"As desgrazas de Sophie" de Valérie Dayre en SM-Xerme.
Un día cando voltan á casa, Félix, o fillo de Sophie pídelle que lle conte algo que lle fixese crecer. Esta decide que en vez de contestarlle con frases feitas que lle parecen bastante inútiles, escribirá para el unha pequena historia que lle sucedeu a ela mesma anos atrás cando só era unha nena e foi pasar unhas vacacións na compaña da súa nai a casa de tía Cora e dos seus curmáns Grégoire e Violaine. O tema principal da obra é a violencia exercida polos outros pero que ás veces a nosa propia indiferencia nos fai ser cómplices.
Libros como este desminten aos/ás que afirman que a literatura infantil e xuvenil é edulcorada e intrascendente. Atopámonos ante unha obra capaz de crear lectores-as e de poñer de relevo un dos conflitos máis inquietantes da nosa sociedade, o da violencia de calquera tipo.
- Mozos-as e adultos-as:
"Nada" de Janne Teller, editado por Seix Barral.
Publicado no ano 2000 en Dinamarca, causou moita controversia e acendidos debates polas dúbidas existenciais que plantea, incluso foi prohibido en Dinamarca por considerar que a súa lectura podería ser perniciosa para un público xove. Sen embargo, un ano máis tarde, gañou o premio ao mellor libro do ano do Ministerio de Cultura danés e hoxe é libro de lectura recomendada nos institutos de Dinamarca. A narración comenza cando Pierre Anthon deixa o colexio porque descobre que nada nesta vida ten sentido. Sóbese a unha ciroleira e clama a gritos desde alí as súas razóns para pensar que nada importa.
Este libro non só provoca emocións senón que tamén perturba interiormente a quen o le, como xa o fixo no seu momento outro libro “Tenemos que hablar de Kevin” ou o film “La ola” e é que as veces sacudir a conciencia e pararse a pensar nos porqués, é importante e necesario, aínda que dea medo.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.





21/6/13

Recomendacións en Radioleiros: 21 de xuño

- Infantil (a partir de dez anos):
"Non hai escapatoria e outros contos marabillosos" de Tim Bowley e Óscar Villán, en Kalandraka.
O narrador e contador británico Tim Bowley presenta dez historias sobre amores, humores e cobizas protagonizadas por criaturas máxicas, personaxes solitarios e membros da realeza con efectos sorprendentes. Bowley ten unha ampla experiencia como especialista en contos tradicionais e contador de historias. Coa colaboración de Óscar Villán, Premio Nacional de Ilustración (1999)
- Mozos-as e adultos-as:
"Magasin Général" de Loisel e Tripp, editado por Norma (3 volumes)
Compartindo guión e debuxo, estes dous autores canadianos traballaron en banda deseñada unha historia ambientada no Quebec rural nos anos posteriores á I Guerra Mundial. Aconteceres da vida diaria, novidades no pobo, afectos e liortas, todo visto cun
magnífico debuxo e uns textos moi logrados.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

19/6/13

Hai 1000 posts que nos coñecemos...

Cumprimos os mil primeiros posts. Comezamos o blog das Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros o 29 de abril de 2009. Con este, pasamos xa 1000 entradas, artigos... contigo. Este xeito de espallarse polo mundo encetou cunha breve nova, das 999 que viñeron logo, máis completas: máis información, imaxes, videos, ligazóns, etc. Máis experiencias que queremos que coñezas. Aquí seguiremos. Aí estaremos: no teu ordenador de sobremesa, portátil, tableta, teléfono intelixente. No mundo. Grazas por seguirnos. Grazas por facer biblioteca. 
Para celebralo compartimos contigo esta bonita historia dun somerxible...

14/6/13

Recomendacións en Radioleiros: 14 de xuño

- Infantil (nenos-as menores de 8 anos):
"Hay un cocodrilo debajo de mi cama" de Mercer Mayer, en Corimbo.
Un fermoso álbum, cunhas magníficas ilustracións, que nos fala dos medos infantís á escuridade, dos temores que moitos nenos e nenas teñen á hora de ir deitarse.
O protagonista sabía que antes había un crocodilo debaixo da cama, seu pai e súa nai nunca o viran,  pero el estaba seguro de que estaba alí. Cando se deitaba tiña que ter moito coidado. Ao mirar debaixo da cama, para velo, escondíase e nunca o atopaba. Como seus pais non lle crían, decidiu inventar unha estratexia para conseguir que o crocodilo marchara para outro lugar... 

 - Mozos-as e adultos-as:
"Lume de cobiza" de Miguel Anxo Fernández, editado por Galaxia.
É unha novela negra, a cuarta entrega das aventuras do detective de orixe galega, pero afincado en Estados Unidos, Frank Soutelo.
En agosto do 2006, Frank Soutelo veu pasar uns días á casa da súa tía en Muros e atópase con que hai unha vaga de incendios forestais que asolan todo. Alí, súa curmá pídelle se pode axudar a esclarecer a forma en que morreu o fillo dunha amiga de Sanxenxo, a
autopsia di que faleceu por sobredose de heroína, pero seus pais non o cren. Pouco a pouco, ao ir avanzando na investigación, vaise ir metendo nunha trama na que priman os intereses inmobiliarios...
As outras novelas referentes a esta serie son: "Un nicho para Marilyn", "Luar no inferno", "Tres disparos e dous friames".
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

O valor social e económico das bibliotecas: participa no estudo

As bibliotecas municipais de Oleiros colaboran con FESABID (Federación Española de Sociedades de Archivística, Biblioteconomía, Documentación y Museística) nun estudo sobre o valor social e económico dos servizos de información, entre eles, as bibliotecas públicas: estimación dos custos asociados a estes centros, beneficios obtidos polos/polas usuarios/as e os/as non usuarios/as, impacto económico que se disemina sobre o conxunto da economía local, rexional ou nacional derivado da actividade, etc. A finalidade do proxecto, co que colabora Bibloleiros, é coñecer mellor como utilizan os/as usuarios/as os servizos de información, como valoran os servizos que prestan e como contribúen ao benestar e desenvolvemento dos/das cidadáns/as. As conclusións recolleránse nun estudo que será elaborado por FESABID. Bibloleiros necesita a colaboración dos/das seus/súas usuarios/as para a realización dunha enquisa, unha das fases sobre as que se asentará dito estudo. Agradecemos por adiantado aos/ás usuarios/as a súa participación neste inquérito, ao que poderedes acceder desde o noso blog, ou a web das bibliotecas municipais de Oleiros. A enquisa estará aberta ata o día 15 de xullo de 2013. Ocuparávos menos de 10 minutos, e será de grande axuda para coñecer mellor e defender con máis razóns a importancia e o valor que as bibliotecas públicas teñen para a sociedade actual. 
Moitas grazas por participar!!!

13/6/13

Tertulia literaria en Rialeda: valoración final dos títulos da tempada 2012-2013

Unha vez rematada a tempada de Tertulias literarias na Biblioteca Central Rialeda, é hora de facer balance das propostas literarias que ofrecimos ao longo dos pasados meses.

Os 3 libros máis valorados polas participantes do Grupo A son os seguintes (dun total de 13):

- Las uvas de la ira, de John Steinbeck (8,8)
Forzados pola seca e o acoso dos bancos, os Joad, unha familia de granxeiros da Oklahoma empobrecida dos anos trinta, emprenden un angustioso éxodo ao longo da estrada 66 coa intención de atopar unha vida digna en California. No camiño só encontran miseria, fame, hostilidade, alí por onde pasan... Nada nen ninguén fará que abandonen o seu afán.

- El reflejo de las palabras, de Kader Abdolah (8,45)
Os lazos profundos e indestrutibles entre un pai e un fillo, capaces de perdurar a través do tempo e do espazo grazas ao poder aglutinante da arte e da lingua, son o fundamento narrativo desta novela orixinal e conmovedora, de marcado carácter autobiográfico. Así pois, por medio dos escritos do pai e os interrogantes do fillo, xorde a apaixonante historia do Irán do século XX, desde a implacable obstinación de Reza Kan en modernizalo ata a feroz represión do réxime dos ayatolás.

- Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor (7,93)
Froito dun excepcional alento anovador, “Xente ao lonxe” ensambla un amplo abano de tipos humanos e historias entrecruzadas e relatadas con eficaz técnica expresionista. Un ambicioso experimento literario no que se combinan 170 personaxes cunha concepción cinematográfica do relato. Alegato en favor dos desherdados, “Xente ao lonxe” é unha novela total na que se reconstrúe un universo e un tempo.                                                     

Os 3 libros máis valorados polas/os participantes do Grupo B son os seguintes (dun total de 14):

- La fiesta del chivo, de Mario Vargas Llosa (9)
Os ingredientes clásicos da gran literatura de ficción e a capacidade de Vargas Llosa para diseccionar a máquina de terror posta en marcha polo dictador dominicano Trujillo conforman unha novela que é moito más que un relato histórico. Estamos ante un magnífico tratado de psicopatoloxía social. 
Mario Vargas Llosa foi Premio Nobel de Literatura no ano 2010.

- La mancha humana, de Philip Roth (8,4)

Philip Roth lembra nesta novela a dobre moral da sociedade norteamericana con toda a complexidade do problema racial. Distintas caras dunha sociedade que ao aferrarse a valores como a raza, a relixión e a orientación sexual, na defensa do seu individualismo sobre todo na defensa dos seus mesquiños intereses, perde parte da liberdade conquistada.

- A miña planta de laranxa lima, de José Mauro de Vasconcelos (8,2)
A obra máis emblemática de José Mauro de Vasconcelos, é una novela en gran parte autobiográfica sobre as vivencias de Zezé, un pequeno de cinco anos con soños de poeta entre a miseria e a incomprensión. Un relato social que retrata ao Brasil máis desfavorecido pero tamén un relato cheo de lirismo e sensibilidade. Publicado en 1968, vendeu máis de medio millón de exemplares en Brasil.

Unha vez máis, agradecemos a fidelidade e interese amosado a todas e todos os participantes en ambos grupos, emprazándovos para unha nova tempada que empezará aló polo mes de outubro.