1/3/13

Recomendacións en Radioleiros: 1 de marzo

- Infantil:
"La corona de cuernos"(serie Bone) de Jeff Smith, en Astiberri.
Serie sobre tres estraños seres expulsados de Boneville, cidade na que vivían e agora están no deserto. Conseguen chegar a un bosque no que coinciden cunha granxeira. Trama de sucesión constante de episodios novos e un debuxo magnífico, xunto con interesantes diálogos.
- Mozos-as e adultos-as:
"Banqueiros", coordenado por Francisco Pillado, editado por Laiovento.
Obra colectiva composta por vinte pezas teatrais doutros-as tantos-as autores-as coa temática común da
actual crise económica e social. Unha visión plural desde o punto de vista dos-das dramaturgos-as, formando un libro que foi presentado recentemente nas Torres de Santa Cruz contando coa participación de Francisco Pillado como editor e Diana Varela Puñal como autora do texto “Lúa de mel”. Mellor libro dramático do ano 2011 según os lectores-as do web “Fervenzas literarias”.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes
ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

27/2/13

Festival internacional de narración oral Atlántica: 5 a 16 de marzo

O Festival internacional de narración oral Atlántica terá lugar en Santiago de Compostela do 5 ao 16 de marzo. Dirixido pola actriz, fotógrafa e contacontos Soledad Felloza, trátase de máis de cincuenta eventos centrados na narración oral como forma literaria: seminarios, conferencias literarias, obradoiros para aprender a contar, mesas redondas sectoriais sobre a lectura, así como unha estensa e orixinal programación de contacontos para nenos/as, e para adultos/as, que ocuparán múltiples espazos en Compostela. Serán máis de cincuenta eventos. Contadores de historias de Galicia, Portugal, Inglaterra, Arxentina, Brasil, Uruguai… co Atlántico de fondo e de trasfondo e coa narración oral, o vello oficio de contar historias, convertido en protagonista.
Dentro deste abano de eventos celebrarase, O 16 de marzo ás 11:00 na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, a mesa de debate ”ProgrAmar en tempos revoltos”, moderada polo escritor
Xabier DoCampo, no que participarán Blanca Calvo, directora da Biblioteca Pública do Estado en Guadalajara; Carina Fernández Faya, directora da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal; A Reixa, dinamización cultural; Pili Fernández, responsable do Pub Atlántico; e Luz Corral, bibliotecaria municipal do Concello de Oleiros.

25/2/13

Tertulia literaria en Rialeda: 27 de febreiro (Grupo B)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)

Hora: 17,30 a 19,30 h.
Comentario da obra "Xente ao lonxe" de Eduardo Blanco Amor.
Documentación
Obras de Eduardo Blanco Amor nas nosas bibliotecas.

 Nesta sesión contaremos coa presenza da profesora e catedrática de lingua e literatura galega Rosa García Vilariño.

A seguinte obra programada é "La boda de Chon Recalde", de Gonzalo Torrente Ballester

25 de febreiro: Obradoiro de Teatro no IES Miraflores

IES Miraflores (Oleiros)
Ás 16:20 H

Actividade dirixida a alumnado de 4º C da ESO do IES Miraflores.
 

Obradoiro de teatro sobre obras de Roberto Vidal Bolaño, impartido polo escritor Rubén Ruibal.
 

Este obradoiro terá continuación o 4 de marzo.

Día de Rosalía: 24 de febreiro

As Bibliotecas Municipais de Oleiros súmanse ao río de actividades que se celebraron o 24 de febreiro en toda Galicia para conmemorar o Día de Rosalía. A proposta lanzada desde o ano pasado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  (AELG) coallou entre asociacións culturais, veciñais, institucións, centros de ensinanza, bibliotecas, etc.
O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura
En 2013, celebramos ademáis os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. 
O Concello de Oleiros únese a esta iniciativa, e o domingo día 24 de febrero, ás 12.00 h., nos xardíns de As Torres de Santa Cruz os/as gaiteiros/as da Asociación Cultural Santaia interpretarán varias pezas na honra de Rosalía.
Con este motivo, os actos tentarán proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais. Pola súa parte a Biblioteca de Santa Cruz, ubicada no mesmo recinto, e que leva o nome da escritora homenaxeada, regalará un libro en lingua galega e un marcapáxinas commemorativo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Na biblioteca mantense tamén unha mostra bibliográfica da obra de Rosalía.
Na Biblioteca Central Rialeda ofrecemos unha exposición bibliográfica coa obra rosaliana dos nosos fondos. Agasallaremos cun marcapáxinas conmemorativo aos/ás nosos/as usuarias/os. Na Biblioteca "Mª José Trincado" de Mera pódese contemplar unha exposición bibliográfica de Rosalía e tamén haberá "marcapáxinas rosaliáns" de agasallo. Na Biblioteca "Xograr Mendiño" de Lorbé, pódese visitar a expo adicada a Rosalía e os-as usuarios-as desta biblioteca tamén recibirán un marcapáxinas conmemorativo de agasallo.

     
   

                                         

22/2/13

Hora do conto: de 25 de febreiro a 1 de marzo

Aquí tes a programación da hora do conto de 25 de febreiro a 1 de marzo. 
Todas as sesións darán comezo ás 18:30 horas.
Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda
Luns 25 de febreiro
CONTACONTOS: Raquel Queizás
TÍTULOS:  Contos do cestiño:  “O amigo do pequeno tiranosauro”, “Orellas de coello”
 

Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros
Martes 26 de febreiro
CONTACONTOS: Ramiro Neira
TÍTULOS:       “Papá”, “Silencio”, “O inventor”
 

Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz
Mércores 27 de febreiro
CONTACONTOS: Pavís-Pavós
TÍTULOS: “A galiña roxa”, “O reiseñor”, “O computador da Mimí”, “Unha historia fantástica”, “A toupa que quería saber...”
 

Biblioteca Central "Rialeda". Perillo
Xoves 28 de febreiro
CONTACONTOS: Paula Carballeira
TÍTULOS:     "Mímatchka", "A pera da señora Pereira"
 

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera
Venres 1 de marzo
CONTACONTOS: Pavís-Pavós
TÍTULOS:       “O libro dos porcos”, “A galiña e o crocodilo”, “Os dous corcovados, “Nena bonita”, “A granxa”
(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente)

Novidades DVD na Biblioteca "Rosalía de Castro" de Santa Cruz

Presentámosche os once últimos títulos de DVD infantil chegados á 
Biblioteca Municipal "Rosalía de Castro" de Santa Cruz. Xa os podes levar a casa.
A que esperas? 
 

Recomendacións en Radioleiros: 22 de febreiro

- Infantil (menores de 8 anos):

Troco, de Roberto Castro ; ilustrado por Margherita Micheli
OQO

Á ovella Catarina rómpelle a súa cadeira de lectura e como non lle ve arranxo trata de facerse cunha nova, pero decatarase deseguida de que o asunto non será doado porque, sen dúbida, unha cadeira de lectura como a súa non é facil de substituír.

- Mozos/as e adultos/as:

Una vacante imprevista, de J. K. Rowling
Salamandra

No Consello parroquial da pequena vila de Pagford queda unha vacante pola repentina morte dun dos seus membros e a partir dese momento desatarase na pacífica comunidade unha pequena guerra de intrigas e traizóns para facerse coa praza.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

19/2/13

21 de febreiro: Presentación do libro "Banqueiros" en Santa Cruz


Centro Cultural As Torres de Santa Cruz
Ás 20 horas.

Presentación do libro “Banqueiros” da editorial Laiovento

O libro inclúe vinte pezas teatrais de Marcos Abalde, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Afonso Becerra, Lino Braxe, Marica Campo, Santiago Cortegoso, Ánxeles Cuña, Lois Diéguez, Manuel Lourenzo, Zé Paredes, Xosé Manuel Pazos, Olivia Pena, Gustavo Pernas, María Xosé Queizán, Henrique Rabuñal, Vanesa Sotelo, Diana Varela, Fidel Vidal e Roi Vidal que nos ofrecen unha visión crítica do momento que estamos a padecer.

”O teatro e a xente que o fai posíbel non poden ficar indiferentes diante da crise, espolio ou atraco que estamos pois a vivir. Cédolles pois a palabra. Que se faga o escuro e que a verba máxica da linguaxe teatral nos ilumine e desperte as conciencias, afectadas polo virus da berlusconización. Teño a certeza de que as obras recollidas neste volume perdurarán bastante máis no tempo que esas indemnizacións millonarias que recibiron certos banqueiros que, como diría don Antonio Machado van apestando a terra “ di Francisco Pillado, director de Edicións Laiovento, home de longa experiencia no mundo cultural e particularmente no teatro. 

Xunto con el, contaremos coa colaboración de Diana Varela Puñal, poeta e dramaturga, quen dará lectura ao seu texto Lúa de mel. Nada en Corme (1981) e avogada de profesión, Diana Varela Puñal ten publicado os poemarios Fíos e Animal abismo (Espiral Maior) e o infantil As trovas de Midas (Galebooks). Participou nos libros colectivos En defensa do poleiro (Toxosoutos), 15-M: o pobo indignado (Laiovento) e Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro (AELG). Asemesmo, recibiu os premios de poesía Díaz Xácome do Concello de Mondoñedo e Uxío Novoneyra do Concello das Pontes xunto co Premio Estornela para nenos 2012 pola obra “Arlequino Viceversa”. 

O acto, organizado polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros e a Editorial Laiovento, será presentado por Esther Garrido Pan, Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística.

Hora do conto: de 20 a 22 de febreiro

Aquí tes a programación da hora do conto de 20 a 22 de febreiro. Todas as sesións darán comezo ás 18:30 horas.
Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz
Mércores 20 de febreiro
CONTACONTOS: Pablísimo
TÍTULOS:  "A parte que falta", "É meu", "Cousas que pasan" e algunha sorpresiña...
 
Biblioteca Central "Rialeda". Perillo
Xoves 21 de febreiro
CONTACONTOS: Rato Camifuco da Compañía do Trinke-Trinke
TÍTULOS:            “Elmer”, “O león que non sabía escribir”
Biblioteca Pública Municipal "Ánxel Fole". Nós
Venres 22 de febreiro
CONTACONTOS: Soledad Felloza
TÍTULOS:       “Pronóstico: lluvia de albóndigas”, “Los leones no comen croquetas”, “Shrek”
 
(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente)

21 de febreiro: Poe x Felloza en Santa Cruz


Teatro As Torres de Santa Cruz
Ás 10,45 h.

Actividade dirixida ao alumnado de 1º ESO do IES Miraflores.

"O corazón delator e outros contos"
A actriz e contadora de contos Soledad Felloza dramatizará historias de Edgar Allan Poe, cun breve percorrido polos contos máis representativos do autor que revolucionou a literatura gótica, cos seus relatos de medo e terror psicolóxico.

Historias de persoas aparentemente normais, sinxelas, de vidas case grises, que se ven envoltas en acontecementos fantásticos, sobrenaturais ou fatídicos, que os levan a situacións límites.

Tertulia literaria en Rialeda: 20 de febreiro (Grupo A)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)

Hora: 17,30 a 19,30 h.
Comentario da obra "El sentido de un final" de Julian Barnes.
Documentación
Obras de Julian Barnes nas nosas bibliotecas.

Entregaráse a obra "A pensión Eva" de Andrea Camilleri.

15/2/13

Volveu a Hora do Conto: febreiro-maio 2013

A HORA DO CONTO volveu!!!
Un ano máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan a actividade da Hora do conto. Entre os meses de febreiro a maio realizaranse 60 sesións de contacontos.
Levaranse a cabo nas bibliotecas municipais, a través de narración ou dramatización dun ou varios contos, cun enfoque lúdico e unha vivencia activa e participativa cos libros, fomentando a imaxinación e a creatividade.
Os obxectivos que se intentan conseguir son que as nenas e nenos participantes se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito, que descubran a diversidade dos libros e o pracer pola lectura e que vivan o libro en colectividade xunto con outras nenas e nenos.
A actividade está dirixida a nenas e nenos menores de 10 anos.
Todas as sesións terán lugar ás 18:30 h. 
Os días festivos non haberá actuacións.
BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA. PERILLO 
Febreiro: os xoves, días 21 e 28
Marzo: os xoves, días 7, 14, e 21
Abril: os xoves, días 4, 11, 18 e 25
Maio: os xoves, días 2, 9, 16 e 23

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL “ROSALÍA DE CASTRO”. SANTA CRUZ
Febreiro: os mércores, días 20 e 27
Marzo: os mércores, días 6, 13, e 20
Abril: os mércores, días 3, 10, 17 e 24
Maio: os mércores, días 8, 15 e 22
Marzo: o martes, día 12
Abril: os martes, días 9 e 23
Maio: os martes, día 14 e 28

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL “Mª JOSÉ TRINCADO”. MERA
Marzo: os venres, días 1 e 15
Abril: os venres, días 5 e 19
Maio: os venres, días 3 e 24

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL “Mª JOSÉ RUSO”. DORNEDA
Febreiro: o luns, día 25
Marzo: o luns, día 11
Abril: os luns, días 8 e 22
Maio: os luns, día 13 e 27

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL “ÁNXEL FOLE”. NÓS 
Febreiro: o venres, día 22
Marzo: o venres, día 8
Abril: o venres, día 12
Maio: os venres, días 10 e 31
Abril: os martes, días 2, 16 e 30
Maio: os martes, días 7 e 21
Marzo: os mércores, días 6 e 20
Abril:  os mércores, días 3 e 17
Maio: os mércores, días 8 e 22

As contadoras e contadores Pablísimo, Paula Carballeira, Soledad Felloza, Fran Ínsua, Andrea Bayer, Pedro Brandariz, Inés Cuadrado, Ramiro Neira, Marisa IrimiaCaxoto, Raquel Queizás, Pavís-Pavós e a Compañía do Trinke-Trinke cos “Ratos da biblioteca” narrarán diversos contos, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de fantasía e imaxinación.

Con todos estes contacontos preténdese introducir ás nenas e nenos no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, que os faga gozar e divertirse. A través do universo máxico dos contos desenvólvese a imaxinación, a fantasía e a capacidade de fabulación de quen escoita, polo que se tratará de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, que os nenos e nenas vexan que tamén se poden divertir e pasar momentos moi agradables cos libros.

Recomendacións en Radioleiros: 15 de febreiro

- Adolescentes: 
"Cartas de inverno", guión e debuxos de Antonio Seijas. Baseada na novela de Agustín Fernández Paz. En Xerais. Tareixa recibe unha carta de seu irmán Xabier, na que lle envía no seu interior un sobre que lle pide que non o abra, baixo ningún concepto, pero se á semana de tela recibido non se puxo en contacto con ela, debe ir á comisaría de Vigo e entregarllo ao inspector Soutullo.
Xabier, despois dunha estadía en Canadá, cando volveu comprobou que tiña varias cartas do seu amigo Adrián, nas que lle di que mercou unha casa no medio da natureza, en Vilarmaior, pero segundo as vai lendo, cada vez preocúpase máis polo que lle conta. Fálalle de acontecementos raros, mensaxes misteriosas, voces estrañas, etc. 
Trátase dunha magnífica obra de suspense, misterio e terror na que as forzas do mal arrastran aos personaxes.
Antonio Seijas consegue trasladar ás viñetas e ás imaxes a tensión creada polas palabras e o ambiente de Agustín Fernández Paz, e manter ese espírito nos detalles da época en que a escribiu, ausencia de teléfonos móbiles e de Internet, etc.
Segundo nos di
Agustín Fernández Paz, esta obra de banda deseñada recolle a historia, ambiente e personaxes que el creou, pero está presente o estilo de Antonio Seijas. Trátase  da mesma historia, narrada a través da linguaxe da banda deseñada.

Recomendámola, principalmente, para adolescentes a partir de 13 ou 14 anos, pero debemos dicir que é unha obra para todos os públicos a partir desa idade.
- Mozas-os e adultas-os:
"Con el agua al cuello" de Petros Márkaris. Editado por Tusquets.
Presenta un novo caso do comisario de policía Kostas Jaritos, cun fondo dunha Grecia cunha gran crise económica.
Un caloroso domingo do verán de 2010 cásase Katerina, a filla de Kostas Jaritos, con Fanis, o médico que o atendeu cando tivo o infarto. A voda transcorre ben, pero, ao día seguinte, ao pouco tempo de chegar ao traballo infórmano do asasinato, con arma blanca e no xardín da súa casa, do director do Banco Central, ao que lle prenderon na camisa unha gran D. O xefe da Brigada Antiterrorista sostén que pode ser obra de terroristas e convence aos seus superiores que tamén se apuntan a esta teoría. Kostas Jaritos dubídao polo que terá que investigar pola súa conta, aínda que se lle presenta unha trama complicada.
A investigación deste asasinato coincide cunha campaña na que alguén anima aos cidadáns a que boicoteen as entidades bancarias e non paguen nin as hipotecas, nin as débedas que teñan. Isto preocupa máis aos banqueiros que o propio asasinato, porque temen que a xente deixe de pagar. Todo xunto cos problemas que ocasiona a crise económica, os recortes que provocan unha caída da economía de moitas familias, recortes que tamén lle afectaron ao propio comisario, manifestacións, folgas...
Estamos ante unha novela policial moi entretida, cunha historia realista, unha mirada moi escéptica sobre o que está a pasar en Grecia, con gran ironía e moitas doses de humor, vainos presentando o que acontece, ao mesmo tempo que sabemos de moitas cuestións do rescate grego.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo,todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.