15/2/13

Recomendacións en Radioleiros: 15 de febreiro

- Adolescentes: 
"Cartas de inverno", guión e debuxos de Antonio Seijas. Baseada na novela de Agustín Fernández Paz. En Xerais. Tareixa recibe unha carta de seu irmán Xabier, na que lle envía no seu interior un sobre que lle pide que non o abra, baixo ningún concepto, pero se á semana de tela recibido non se puxo en contacto con ela, debe ir á comisaría de Vigo e entregarllo ao inspector Soutullo.
Xabier, despois dunha estadía en Canadá, cando volveu comprobou que tiña varias cartas do seu amigo Adrián, nas que lle di que mercou unha casa no medio da natureza, en Vilarmaior, pero segundo as vai lendo, cada vez preocúpase máis polo que lle conta. Fálalle de acontecementos raros, mensaxes misteriosas, voces estrañas, etc. 
Trátase dunha magnífica obra de suspense, misterio e terror na que as forzas do mal arrastran aos personaxes.
Antonio Seijas consegue trasladar ás viñetas e ás imaxes a tensión creada polas palabras e o ambiente de Agustín Fernández Paz, e manter ese espírito nos detalles da época en que a escribiu, ausencia de teléfonos móbiles e de Internet, etc.
Segundo nos di
Agustín Fernández Paz, esta obra de banda deseñada recolle a historia, ambiente e personaxes que el creou, pero está presente o estilo de Antonio Seijas. Trátase  da mesma historia, narrada a través da linguaxe da banda deseñada.

Recomendámola, principalmente, para adolescentes a partir de 13 ou 14 anos, pero debemos dicir que é unha obra para todos os públicos a partir desa idade.
- Mozas-os e adultas-os:
"Con el agua al cuello" de Petros Márkaris. Editado por Tusquets.
Presenta un novo caso do comisario de policía Kostas Jaritos, cun fondo dunha Grecia cunha gran crise económica.
Un caloroso domingo do verán de 2010 cásase Katerina, a filla de Kostas Jaritos, con Fanis, o médico que o atendeu cando tivo o infarto. A voda transcorre ben, pero, ao día seguinte, ao pouco tempo de chegar ao traballo infórmano do asasinato, con arma blanca e no xardín da súa casa, do director do Banco Central, ao que lle prenderon na camisa unha gran D. O xefe da Brigada Antiterrorista sostén que pode ser obra de terroristas e convence aos seus superiores que tamén se apuntan a esta teoría. Kostas Jaritos dubídao polo que terá que investigar pola súa conta, aínda que se lle presenta unha trama complicada.
A investigación deste asasinato coincide cunha campaña na que alguén anima aos cidadáns a que boicoteen as entidades bancarias e non paguen nin as hipotecas, nin as débedas que teñan. Isto preocupa máis aos banqueiros que o propio asasinato, porque temen que a xente deixe de pagar. Todo xunto cos problemas que ocasiona a crise económica, os recortes que provocan unha caída da economía de moitas familias, recortes que tamén lle afectaron ao propio comisario, manifestacións, folgas...
Estamos ante unha novela policial moi entretida, cunha historia realista, unha mirada moi escéptica sobre o que está a pasar en Grecia, con gran ironía e moitas doses de humor, vainos presentando o que acontece, ao mesmo tempo que sabemos de moitas cuestións do rescate grego.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo,todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario