18/1/13

Recomendacións en Radioleiros: 18 de xaneiro

- Infantil (de 6 a 8 anos):
"A illa do tesouro" segundo a novela de Robert Louis Stevenson. Ilustracións de Sandrine Gambart, editado por Baía.
Edición  para nenos-as dun clásico ilustrado por unha das mellores profesionais de Europa: Sandrine Gambart. Formato grande cun texto resumido e cores próximas ao expresionismo dos anos vinte. Moi interesante desde o punto de vista estético.
- Mozos-as e adultos-as:
"Mujeres en el mundo" de Mary Nash, en Alianza.
Estudo sobre os movementos de mulleres no mundo contemporáneo. Unha ollada global ás loitas colectivas pola cidadanía, o feminismo, a reforma sexual e as mobilizacións sociais e obreiras. Comezando na Revolución francesa e chegando até hoxe, o libro estuda o sufraxismo do século XIX e XX, a situación en Europa, América, África e Asia, o papel de determinadas mulleres en todo este proceso e as múltiples vicisitudes que aconteceron.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

17/1/13

Recepción do Premio María Moliner

O día 21 de decembro de 2012, na Biblioteca Nacional de España en Madrid, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, acompañado da bibliotecaria municipal Luz Corral, recolleron o Premio Nacional María Moliner, correspondente ao ano 2011, na modalidade de municipio de entre 20.001 a 50.000 habitantes, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e a FEMP.

Este é un premio convocado a nivel de todo o Estado Español co obxectivo de premiar o mellor proxecto que incluíra as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecario, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías, valorando a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca e o esforzo realizado, os proxectos de extensión bibliotecaria levados a cabo, a colaboración cos centros educativos e outras entidades e en conclusión aqueles proxectos que fomentaran a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.

O Premio María Moliner é o galardón máis importante que existe na actualidade en España dirixido a bibliotecas e supón un importante recoñecemento e valorización do traballo realizado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros.
O agasallo consistiu nun lote de 200 libros e un premio en metálico de 12.000 €, financiado por la Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña.

O proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros denominouse “Lecturas refrescantes” e nel describíronse as principais actividades de fomento da lectura levadas a cabo durante o primeiro semestre do ano 2011, entre as que podemos destacar: a Hora do conto, os Talleres de Lectura e Tertulias Literarias, o Club de Lectura Xuvenil, os Encontros con escritores/as, a Campaña de Promoción da Lectura dirixida ao alumnado dos centros de ensino público deste Concello, os Obradoiros de iniciación á banda deseñada, os Talleres de iniciación á ilustración, a conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, do Día da Poesía, do Día Mundial do Teatro, do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, do Día do Libro e do Día das Letras Galegas. A celebración do centenario do nacemento do insigne escritor Álvaro Cunqueiro co título “Homenaxe a Álvaro Cunqueiro”, as actividades sobre escritores latinoamericanos: García Márquez, Borges, Galeano, Gabriela Mistral, Benedetti, Vargas Llosa, ... en Viaxe pola literatura hispanoamericana, o ciclo de conferencias titulado “Ler para saber: a ciencia” na que profesorado da Universidade da Coruña e dos centros de ensino de Oleiros e técnicos dos Museos Científicos Coruñeses impartiron gratuitamente charlas para adolescentes, ademais de que os propios nenos e nenas explicaran aos asistentes un tema científico que lles interesara, a colaboración con Radio Oleiros, todo os venres, no espazo “Todo, todo está nos libros”, “Proxecto 5-7-5. Haikus” na que as usuarias e usuarios recomendaron poemas que lles gustaban ou enviaron poesías da súa propia creación, talleres de Formación de usuarios/as e visitas guiadas á Biblioteca Central Rialeda, contacontos para as persoas maiores dos centros da Terceira Idade, titulado “Para os nosos maiores: o comezo do mundo”. Montáronse diversas exposicións bibliográficas coincidindo con conmemoracións, homenaxes, datas de interese, actividades, sobre as diversas épocas do ano, etc e tamén se elaboraron diversas guías de lectura, entre as que podemos destacar “Lecturas refrescantes” que foi a que deu título ao proxecto galardoado.

As Bibliotecas Municipais de Oleiros durante o ano 2011 realizaron un esforzo por achegarse á cidadanía, aumentar o número de actividades de promoción da lectura levadas a cabo para traballar en pro da difusión do libro e a promoción da lectura, co obxectivo de formar novos e mellores lectores e conseguir máis poboación lectora dentro do Concello de Oleiros.

Expresamos o noso agradecemento ás persoas, entidades, asociacións e centros educativos que colaboran habitualmente coas nosas bibliotecas, ás usuarias e usuarios que participan nas actividades e a todas as veciñas e veciños de Oleiros. Grazas por facer posible que Oleiros sexa un referente a nivel estatal na promoción lectora cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade.

14/1/13

Tertulia literaria en Rialeda: 16 de xaneiro (Grupo B)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)

Hora: 17,30 a 19,30 h.
Comentario da obra "El palacio de cristal" de Amitav Ghosh.
Documentación
Obras de Amitav Ghosh nas nosas bibliotecas.

Entregaráse a obra "La fiesta del chivo" de Mario Vargas Llosa.

Tertulia literaria en Rialeda: 2º trimestre: Programación e datas Grupo B

O vindeiro 16 de xaneiro comeza o 2º trimestre no grupo B das Tertulias literarias da Biblioteca Central Rialeda.

Programación Grupo B:
- La fiesta del chivo, de Mario Vargas Llosa
- El insólito peregrinaje de Harold Fry, de Rachel Joyce
- Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor
- La boda de Chon Recalde, de Gonzalo Torrente Ballester
- El sentido de un final, de Julian Barnes



Datas Grupo B:
- Xaneiro: días 16 e30
- Febreiro: días 13 e 27
- Marzo: día 13

Para apuntarse á actividade, é necesario chamar ao teléfono 981 639 511. Nestes intres o grupo está completo, polo tanto os/as interesados pasarían a formar parte da lista de espera.

11/1/13

Tertulia literaria en Santa Cruz: 14 de xaneiro

Na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" de Santa Cruz.
De 18,30 a 20 horas.

Comentario da obra "A miña planta de laranxa lima" de José Mauro de Vasconcelos.
Documentación
Obras de José Mauro de Vasconcelos nas nosas bibliotecas.

Entregaráse a obra "Berlín 1945" de Pierre Frei.

Tertulia literaria en Santa Cruz: 2º trimestre: Programación e datas


Programación:
- Berlín 1945, de Pierre Frei
- Bartleby y compañía, de Enrique Vila-Matas
- A vida fóra, de Miguel Sande
- Alguien voló sobre el nido del cuco, de Ken Kesey
- Aurora boreal, de Åsa Larsson



Datas:
 - Xaneiro: días 14 e 28
- Febreiro: día 18
- Marzo: días 4 e 18

Para apuntarse á actividade, é necesario chamar ao teléfono 981 626 338.

Recomendacións en Radioleiros: 12 de xaneiro

- Infantil (menores de 6 anos):

O meu avó Carmelo, de Dani Torrent
Kalandraka

Esta obra é un emotivo álbum que nos fala da relación dun neno co seu avó, como el  lle contaba historias de lugares afastados, pero agora todo cambiou. Presenta, con delizadeza,  unha nostalxia do pasado,  a transición da infancia á etapa adulta, e a relación coa morte.

Ten evocadoras ilustracións, predominando suaves tons verdes e ocres, que enchen totalmente as páxinas, nas que, a veces, altera as proporcións e debido a que nos fala de lugares lonxanos, abundan as referencias gráficas ao correo postal: restos de cartas, de sellos.

- Mozos/as e adultos/as:

¡Acabad ya con esta crisis!, de Paul Krugman
Crítica

Paul Krugman é un economista estadounidense e está considerado como un dos máis destacados da súa xeración. En 1991 concedéronlle a medalla John Bates Clark, o premio máis prestixioso entre os economistas norteamericanos; no 2004 o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais e no 2008 o Premio Nobel de Economía.

¡Acabad ya con esta crisis! é un interesante libro sobre a actual situación económica. Dunha forma clara, fácil de entender para a maioría das persoas e con exemplos sinxelos, explica o que está sucedendo, como se chegou a esta situación e aporta solucións. Dedícao “Aos que están en paro, que merecen algo mellor”.

Trata sobre a depresión económica principalmente en EEUU, pero tamén fala doutros países, entre eles España. Segundo el, estamos vivindo unha verdadeira depresión, aínda que recoñece que a resposta é moi distinta dependendo a quen se lle pregunte, pois non van contestar igual os gregos, os irlandeses ou os españois que os alemáns. Pensa que estamos sufrindo penalidades similares ás dos anos 30 e, tanto polas análises de Keynes como polo gran nº de estudos posteriores, sábese o que se debería facer agora para solventar as dificultades, pero  non se está usando ese coñecemento porque, por unha serie de razóns, demasiadas persoas de entre as que máis influencia teñen (políticos, funcionarios públicos de primeiro orden, comentaristas, etc) elixiron esquecer as leccións da historia e as conclusións de varias xeracións de grandes analistas económicos e optaron por prexuízos ideolóxica e politicamente convenientes.

Segundo Krugman : “A estratexia de austeridade non funciona. Con elevadísimos niveis de desemprego, a lóxica da austeridade xa parecía equivocada no 2010 e, máis de dous anos despois, demostrouse a súa ineficacia. Así que necesítase poñer en marcha estratexias que fomenten a creación de postos de traballo e crecemento; non unha estratexia que xa demostrou o seu fracaso”.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

9/1/13

Centenario Rialeda 1912-2012: este edificio segue fabricando emocións

Ao longo de varios posts deste blog e da web municipal, fomos dando a coñecer os diferentes actos que ofrecimos desde o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros para conmemorar o centenario de Rialeda, edificio que acolle a Biblioteca Central Rialeda, cabeceira do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros. 

Torriñas, ángulos, óvalos, claroescuros, azulexos, cores rechamantes... fan de Rialeda unha peza con engado. Esta singular construción é desde o 21 de novembro de 1998, día da súa inauguración, sede da Biblioteca Central Rialeda. O edificio, catalogado como patrimonio histórico-artístico municipal, está rodeado dun fermoso xardín con gran diversidade de árbores, no que destacan un cedro do Himalaia (cedrus deodara) e frondosos tileiros (tilia cordata). 

Ademáis da xoia arquitectónica que representa o edificio en si mesmo, a Biblioteca Central Rialeda alberga na sala infantil un mural realizado polo ilustrador e prestixioso autor de banda deseñada Miguelanxo Prado, no ano 2009. 

Deixamos unha mostra nesta galería fotográfica do que foron os eventos organizados para conmemorar esta especial efeméride, repercursión na prensa, artigos relacionados co edificio ou a Biblioteca Rialeda, co escritor Manuel Rivas, así como o enlace ás entrevistas do xornalista de RNE Ricardo Sandoval a Manuel Rivas (escritor), a Ángel García Seoane (alcalde do Concello de Oleiros), a Henrique Seoane Prado (arquitecto encargado da rehabilitación do edificio), a Mariluz Corral Uzal (bibliotecaria municipal do Concello de Oleiros) e a varias/os usuarias/os da Biblioteca Central Rialeda, o 12/12/2012.

8/1/13

10 e 11 de xaneiro: Visitas do alumnado do IES Miraflores á Biblioteca Central Rialeda

Os días 10 e 11 de xaneiro recibiremos na Biblioteca Central Rialeda ao alumnado de 2º de ESO do I.E.S. Miraflores de Oleiros.

Xoves 10:
- 9 a 11 h.: 2ª A ESO
- 11,15 a 13,15 h.: 2º B ESO

Venres 11:
- 10,45 a 12,45 h.: 2º C ESO

Explicaráselles a historia do edificio, coñecendo as diferentes salas e servizos, xunto cunha demostración audiovisual sobre o funcionamento do catálogo.

Ao remate da visita, o actor Ramiro Neira de Artestudio Teatro realizará unha dramatización baseada nos relatos de Álvaro Cunqueiro.

Aviso importante: o 2º andar da biblioteca (Sala de audiovisuais e ordenadores) verá restrinxido o seu uso durante a visita do alumnado.

7/1/13

Tertulia literaria en Rialeda: 9 de xaneiro (Grupo A)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)

Hora: 17,30 a 19,30 h.
Comentario da obra "El insólito peregrinaje de Harold Fry" de Rachel Joyce.
Documentación
Obras de Rachel Joyce nas nosas bibliotecas.

Entregaráse a obra "Las uvas de la ira" de John Steinbeck.

Tertulia literaria en Rialeda: 2º trimestre: Progamación e datas Grupo A

Comenza o 2º trimestre nas Tertulias literarias da Biblioteca Central Rialeda.

Programación Grupo A:
- Las uvas de la ira, de John Steinbeck
- El sentido de un final, de Julian Barnes
- A pensión Eva, de Andrea Camilleri
- La catedral, de Vicente Blasco Ibáñez
- Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor



Datas Grupo A:
- Xaneiro: días 9 e 23
- Febreiro: días 6 e 20
- Marzo: días 6 e 20

Para apuntarse á actividade, é necesario chamar ao teléfono 981 639 511. Nestes intres o grupo está completo, polo tanto os/as interesados pasarían a formar parte da lista de espera.

4/1/13

Recomendacións en Radioleiros: 4 de xaneiro

- Infantil (menores de 6 anos):
"Luis vai á praia" de Guy Delisle, en Faktoría K. Excelente cómic para os/as máis pequenos/as onde vemos un día na praia do neno Luís. Viñetas áxiles e divertidas, con uso de figuras simbólicas para plasmar os diálogos e un ritmo rápido. Obra do debuxante canadiano, Guy Delisle, coñecido pola súa obra para adultos/as e tamén polos seus traballos de animación.
- Mozos-as e adultos-as:
"Anatomía del miedo" de José Antonio Marina, editado por Anagrama.
Unha viaxe polo país do medo, comezando na neuroloxía e rematando na ética, comentando os medos normais e patolóxicos, os medos domésticos, os políticos e os relixiosos, revisando por último as terapias máis eficaces para loitar contra este problema. Un libro distinto sobre a nosa realidade diaria.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

28/12/12

Recomendacións en Radioleiros: 28 de decembro

- Infantil (menores de 6 anos):
"Veo veo ¿a quién ves?" de Guido Van Genechten, deseño de Tony Potter, en Edelvives.
Fermoso libro, con máxicas sorpresas, que fará o deleite das nenas e nenos máis pequenos da casa. Axeitado para xogar os maiores (pais, nais, irmáns, avós...) coas crianzas. Unha obra de adiviñas coa que gozarán intentando descubrir que animal se oculta tras cada pregunta.
Deseñado en formato grande, apaisado e con atractivas e coloridas ilustracións.
- Mozos-as e adultos:
"As voces baixas" de Manuel Rivas, editado por Xerais.
Deliciosa obra na que o autor nos fala de persoas e lugares queridos, xunto con lembranzas da infancia e mocidade. Unha homenaxe a súa irmá María.
“Unha novela da vida” (como a define a editorial), entrañable, intimista, escrita coa delicadeza que caracteriza a Manuel Rivas e coa mestría da súa prosa, que nos fala dunha época. Podemos dicir que é unha crónica dunha parte da sociedade galega de mediados do século XX.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

21/12/12

Lecturas para ilusionar: guía de suxestións para o nadal 2012

As Bibliotecas municipais de Oleiros elaboraron para este Nadal unha guía titulada "Lecturas para ilusionar", formada por 289 recomendacións de libros, DVD e CD.
Esta escolla foi realizada por todo o persoal das bibliotecas, polo que nela poderán atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas ou discos para gozar e compartir.
Desde as Bibliotecas municipais ofrecemos esta guía de lectura cun dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un CD, ou un DVD son tamén un bo agasallo.
Son 289 libros, CDs e DVDs que temos nas bibliotecas e que poden levar en préstamo para as súas casas.
Os libros figuran clasificados por idades, para as que consideramos que son máis axeitados. A idade para a que recomendamos cada obra é só de forma orientativa, xa que cada nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que debemos respectar.
Animamos a todas as persoas que vaian facer algún regalo por estas datas de Nadal ou Reis, a que obsequien aos seus seres queridos cun libro, ao mesmo tempo que lles lembramos da importancia da lectura na formación integral da persoa. A facultade lectora non é innata, vaise adquirindo pouco a pouco, por este motivo gustaríanos espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro.
Esta guía repartirase ao alumnado de ensinanza primaria dos centros de ensino público deste Concello, así como nas bibliotecas municipais.
Cos bos libros desta guía, desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros desexamos transmitir os nosos mellores desexos de saúde, felicidade e prosperidade, que o vindeiro ano traia boas novas e un mundo de ilusións convertidas en realidade.

Recomendacións en Radioleiros: 21 de decembro

- Infantil (maiores de 10 anos):
"La niña de la maleta" de Jacqueline Wilson, en Almadraba.
"Andrea ten que facer a maleta cada semana porque os seus pais están divorciados e ela non se decide por ningún dos dous. É tan complicado!"
- Mozos-as e adultos-as:
 "Mal de pedra" de Milena Agus, editado por Kalandraka.
"Cando atopou o amor desexado xa era unha muller madura, casada e sen fillos. Coñeceuno mentras se restablecia nun balneario do seu mal de pedra"

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.