17/1/13

Recepción do Premio María Moliner

O día 21 de decembro de 2012, na Biblioteca Nacional de España en Madrid, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, acompañado da bibliotecaria municipal Luz Corral, recolleron o Premio Nacional María Moliner, correspondente ao ano 2011, na modalidade de municipio de entre 20.001 a 50.000 habitantes, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e a FEMP.

Este é un premio convocado a nivel de todo o Estado Español co obxectivo de premiar o mellor proxecto que incluíra as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecario, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías, valorando a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca e o esforzo realizado, os proxectos de extensión bibliotecaria levados a cabo, a colaboración cos centros educativos e outras entidades e en conclusión aqueles proxectos que fomentaran a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.

O Premio María Moliner é o galardón máis importante que existe na actualidade en España dirixido a bibliotecas e supón un importante recoñecemento e valorización do traballo realizado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros.
O agasallo consistiu nun lote de 200 libros e un premio en metálico de 12.000 €, financiado por la Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña.

O proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros denominouse “Lecturas refrescantes” e nel describíronse as principais actividades de fomento da lectura levadas a cabo durante o primeiro semestre do ano 2011, entre as que podemos destacar: a Hora do conto, os Talleres de Lectura e Tertulias Literarias, o Club de Lectura Xuvenil, os Encontros con escritores/as, a Campaña de Promoción da Lectura dirixida ao alumnado dos centros de ensino público deste Concello, os Obradoiros de iniciación á banda deseñada, os Talleres de iniciación á ilustración, a conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, do Día da Poesía, do Día Mundial do Teatro, do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, do Día do Libro e do Día das Letras Galegas. A celebración do centenario do nacemento do insigne escritor Álvaro Cunqueiro co título “Homenaxe a Álvaro Cunqueiro”, as actividades sobre escritores latinoamericanos: García Márquez, Borges, Galeano, Gabriela Mistral, Benedetti, Vargas Llosa, ... en Viaxe pola literatura hispanoamericana, o ciclo de conferencias titulado “Ler para saber: a ciencia” na que profesorado da Universidade da Coruña e dos centros de ensino de Oleiros e técnicos dos Museos Científicos Coruñeses impartiron gratuitamente charlas para adolescentes, ademais de que os propios nenos e nenas explicaran aos asistentes un tema científico que lles interesara, a colaboración con Radio Oleiros, todo os venres, no espazo “Todo, todo está nos libros”, “Proxecto 5-7-5. Haikus” na que as usuarias e usuarios recomendaron poemas que lles gustaban ou enviaron poesías da súa propia creación, talleres de Formación de usuarios/as e visitas guiadas á Biblioteca Central Rialeda, contacontos para as persoas maiores dos centros da Terceira Idade, titulado “Para os nosos maiores: o comezo do mundo”. Montáronse diversas exposicións bibliográficas coincidindo con conmemoracións, homenaxes, datas de interese, actividades, sobre as diversas épocas do ano, etc e tamén se elaboraron diversas guías de lectura, entre as que podemos destacar “Lecturas refrescantes” que foi a que deu título ao proxecto galardoado.

As Bibliotecas Municipais de Oleiros durante o ano 2011 realizaron un esforzo por achegarse á cidadanía, aumentar o número de actividades de promoción da lectura levadas a cabo para traballar en pro da difusión do libro e a promoción da lectura, co obxectivo de formar novos e mellores lectores e conseguir máis poboación lectora dentro do Concello de Oleiros.

Expresamos o noso agradecemento ás persoas, entidades, asociacións e centros educativos que colaboran habitualmente coas nosas bibliotecas, ás usuarias e usuarios que participan nas actividades e a todas as veciñas e veciños de Oleiros. Grazas por facer posible que Oleiros sexa un referente a nivel estatal na promoción lectora cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario