23/8/24

Recomendacións en Radioleiros: 23 agosto 2024

- Infantil (a partir de 6 anos):

Onde nacen as apertas?, de BeiÑa
Babidi-bú

Da man desta escritora e ilustradora coruñesa, entramos no terreo dos afectos e as emocións para os máis novos. Unha aportación interesante tanto no contido como na estética.

- Mocidade e persoas adultas:

Barcelona: alma negra, guión de Denis Lapière e Gani Jakupi; ilustracións de Rubén Pellejero, Eduard Torrents e Martín Pardo.
Norma

O periplo de Carlos desde a postguerra até a morte de Franco nunha Barcelona que muda desde o estraperlo a reivindicación política. Unha historia social da man de varios ilustradores e guionistas en banda deseñada.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

16/8/24

Recomendacións en Radioleiros: 16 agosto 2024

- Infantil (a partir de 6 anos):

Gran festa de aniversario para tigre. Escrito e ilustrado por Janosch
Kalandraka

Janosch está recoñecido internacionalmente como un dos mellores autores e ilustradores de libros infantís.
Ten diversas obras nas que o protagonista é pequeno Tigre e que temos nas bibliotecas de Oleiros: Yo te curaré, dijo el pequeño oso, Correo para el tigre, El pequeño tigre y el osito en la ciudad, De cómo el tigre aprendió a contar, ¿Que bonito es Panamá!: la historia de como el pequeño tigre y el pequeño osito fueron a Panamá e a que recomendamos hoxe: Gran festa de aniversario para Tigre.

Un día tigre pequeno díxolle a oso pequeno que estaba de aniversario e que quere celebrar unha festa por todo o alto, invitando aos seus amigos e veciños.
Pero organizar unha festa non é doado, hai que escribir aos convidados, preparar a comida e a bebida, organizar a casa, seleccionar a música.
En total cen invitados. Oso pequeno axudáballe e escribiu as cen invitacións a toda présa. Todos se puxeron en camiño para ir á festa de tigre pequeno: o león dos pantalóns azuis, o sonecas, a galiña co seu ovo, as dúas ras do bosque Rin e Ran, o Mocoso e máis o seu cabalo, o home narigudo e o enorme elefante gris, etc. Os que podían levaban algo de beber, ademais das botellas de zume de tía gansa. Mentres tanto, tigre pequeno xuntou todas as potas que tiñan na casa para cociñar unha sopa de cebola, verduras e patacas, porque os convidados sempre teñen fame. Despois de tantos esforzos chega o momento de divertirse, de cantar, bailar e de facer novos amigos...


Unha fermosa historia acompañada dunha boa edición e unhas coloridas ilustracións, que nos lembran aos debuxos infantís.

Unha nova aventura destes entrañables personaxes, unha guía perfecta para preparar unha festa de aniversario inesquecible e na que pode suceder o máis inesperado.

Dispoñible tamén a versión en castelán co título ¡Feliz cumpleaños, pequeño tigre!

- Mocidade e persoas adultas:

Baumgartner, de Paul Auster
Seix Barral

Versión dixital en eBiblio

Paul Auster foi un escritor, tradutor, guionista e director de cine estadounidense, que faleceu o 30 de abril deste ano. Autor de libros como Trilogía en Nueva York, Leviatán ou Tombuctú. Foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Letras. Cando o seleccionaron, o xurado destacou a súa renovación literaria, que permitiu unir «tradición americana e europea» así como «pola súa capacidade para innovar o relato cinematográfico e incorporar á literatura algunhas das súas achegas» e destacou «a súa exploración de novos ámbitos de realidade que conseguiu atraer a novos lectores, ao dar un testemuño esteticamente moi valioso dos problemas colectivos e individuais do noso tempo».
O autor asegurou que nas súas novelas intenta ser realista e reflectir fielmente a realidade dun mundo «raro e impredecible».
Un dos escritores estadounidenses máis famosos deste século.

Preséntanos unha reflexión dun home viúvo, a través das lembranzas, sobre a soidade, a perda dun ser querido, o amor e o paso do tempo.

Baumgartner é un profesor universitario, algo excéntrico, que se enfronta á vellez, tras falecer a súa esposa, Anna, hai nove anos nun accidente nadando. A súa vida estivo definida polo amor que sentía hacia ela e polo seu traballo de profesor de filosofía; e como agora, con 71 anos, continúa loitando por vivir na súa ausencia e intenta superalo.

A través dos recordos, vemos como se coñeceron en Nova York, en 1968, sendo estudantes, ata construír unha vida xuntos.
Presenta as diferenzas entre a familia dela, pertencente á burguesía e cun bo poder económico, e a del, fillo dun emigrante de Europa do Este, con ideas revolucionarias e dunha nai, abandonada polos pais e criada por un tío...


Nas novelas de Auster podemos ver como inflúe o azar e as casualidades, cun estilo de escritura conciso e cunha gran capacidade para mostarnos imaxes con poucas palabras.
Unha obra de lectura áxil, que provoca distintas opinións. Un discurso a favor do amor e da superación da perda dun ser querido, que invita a pensar en como o amor define e dá forma ás nosas vidas. Un libro de amor pola vida e con esperanza, a pesar da dor, e cun final sorprendente.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

9/8/24

AVISO: A Biblioteca de Santa Cruz pechará o venres 9 de agosto ás 14 h.

Por razóns de servizo, a Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" de Santa Cruz pechará o venres 9 de agosto ás 14 h.

Pregamos desculpen as molestias.

Recomendacións en Radioleiros: 9 agosto 2024

- Infantil (a partir de 5 anos):

Sete dentes de león, de Ledicia Costas con ilustracións de David Sierra
Xerais

Versión dixital en Galiciale

Historia que sucedeu antes de que existisen as cores e que nos fala do nacemento do arco da vella.

- Mocidade e persoas adultas:

A noite das cebolas, de Rosa Aneiros
Xerais

Versión dixital en Galiciale

Abril Andrade recala na costa galega despois de recibir a herdanza dun vello faro que pertencera ao seu tío Bastián, co que tivera unha gran relación na infancia. Isto sucede no momento no que recibe a nova da irreversibilidade do seu cancro.

Lonxe do pesimismo, A noite das cebolas fala dunha muller que atopa, onde menos o agarda, un motivo e un motor para vivir intensamente ata o final.


Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

2/8/24

Recomendacións en Radioleiros: 2 agosto 2024

Recomendacións en Radioleiros: 2 agosto 2024
"Unha boa gatucada!" de Pilar Pallarés; ilustracións de Gaila González Pillado e Ana Pillado Vega- Infantil:
Unha boa gatucada! de Pilar Pallarés; ilustracións de Gaila González Pillado e Ana Pillado Vega. En Baía.
"El día D de Churchill" de Richard Dannatt e Allen Packwood

Un feixe de versos felinos con moito humor acompañados por magníficas ilustracións.


- Mocidade e persoas adultas:
El día D de Churchill de Richard Dannatt e Allen Packwood. Editado por Crítica.

A preparación de desembarco a través do traballo e das emocións de Churchill, un político de enorme importancia para entender o século XX.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

26/7/24

Recomendacións en Radioleiros: 26 xullo 2024

- Infantil (a partir de 6 anos):

Alcaldesa vermella, de El Hematocritico con ilustracións de Mar Villar
Xerais

Ana, unha nena valente e decidida que soña con transformar a súa pequena aldea nun lugar mellor, decide presentarse para o posto de alcaldesa. Co seu característico vestido vermello, Ana gaña o apoio dos habitantes ao propoñer ideas innovadoras e sostibles para mellorar a calidade de vida de todos. Ao longo da historia, a protagonista demostra que con determinación, creatividade e solidariedade, é posible lograr grandes cambios. A historia destaca valores como a empatía, o liderado positivo e a importancia de traballar xuntos polo ben común.

- Mocidade e persoas adultas:

Un trabajo para toda la vida, de Rachel Cusk
Libros del Asteroide

Versión dixital en eBiblio

A través dunha prosa íntima e reflexiva, Cusk comparte a súa experiencia de converterse en nai por primeira vez, explorando as alegrías, os desafíos e as transformacións persoais que acompañan este cambio de vida. A autora narra con sinceridade as súas inseguridades, a perda de identidade, a presión social e os momentos de pura felicidade, pintando un retrato complexo e realista da maternidade moderna. O libro é un testemuño sobre a realidade de criar a un fillo e a profunda conexión que se crea entre nai e fillo. É un libro que invita á reflexión e á empatía, ideal para quen desexe comprender mellor as profundas transformacións que trae consigo a maternidade.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

24/7/24

Cecilia Monllor recomenda... lecturas para o verán 2024!

Suxestións da coordinadora e moderadora durante 26 anos dos clubs de lectura da Biblioteca Central Rialeda e a Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz. Moitas grazas por todo, Cecilia!

 
Achégate ás 7 bibliotecas municipais e lévaas en préstamo.

23/7/24

Encontro coa escritora Bileysi Reyes: 23 xullo 2024

Teatro "As Torres" (Santa Cruz)
Martes 23 de xullo ás 18:00 h.

Intervirán: a escritora Bileysi Reyes e o xestor cultural Mon Rivas.

  • Breve panorama da literatura dominicana contemporánea.
  • A literatura a ollos de Bileysi Reyes.
  • Lectura de textos propios.

Bileysi Reyes (San Pedro de Macorís, 1993). É unha autora natural da República Dominicana, licenciada en Letras pola Universidade Autónoma de Santo Domingo (UASD). Pertence ao Obradoiro Literario Narradores de Santo Domingo e ao Obradoiro Literario César Vallejo. Foi gañadora do accésit no concurso de contos Juan Bosch TLNSD, 2018 e 1º posto en Conto da Feira Rexional do Libro e a Cultura Monte Plata 2019. Publicou o poemario Selva de palabras cortadas (2023) e textos seus aparecen en revistas como Scriptura, Awttar, Letras Salvajes e as antoloxías ‘Voces do Leste’, ‘Elas narran’, ‘Quinta dose’, entre outras. En 2023 foi convidada ao Festival Soria Expoesía (España) e desempéñase como coordinadora do Festival Internacional Semana da Poesía de Santo Domingo. Traballou na Feira Internacional do Libro de Santo Domingo como editora do programa xeral e como subcoordinadora do Pavillón de Poesía da FIL2023. No ámbito da edición é correctora de textos e traballou con editoriais tanto dominicanas como estranxeiras.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

19/7/24

Recomendacións en Radioleiros: 19 xullo 2024

- Infantil (a partir de 8 anos):

Eu tamén fun pequena, de Concha Blanco con ilustracións de Dani Padrón
Xerais

Versión dixital en Galiciale

A través das conversas coa súa avoa Concha, as nenas Ana e Mariña coñecen o significado do esforzo e da tradición: a infancia na aldea de Lires no mundo rural dos anos cincuenta, a nula presenza da tecnoloxía...

- Mocidade e persoas adultas:

Los exportados, de Sonia Devillers
Impedimenta

Versión dixital en eBiblio

Na Rumanía de 1958 a 1965 desenvolveuse unha trama que permitía saír a xudeos ao estranxeiro a cambio da entrada de animais destinados á produción cárnica (cochos, ovellas, etc.). A neta dunha destas familias, xornalista francesa, cóntanos como estaba estruturado este proceso entre a Seguridade do Estado e un traficante afincado en Londres.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

12/7/24

Novidades en libros para todas as idades (Xullo 2024)


Pulsa na imaxe para visualizalas

Recomendacións en Radioleiros: 12 xullo 2024

- Infantil (a partir de 3 anos):

O formigueiro, de Petra Bartíková con
ilustracións de Magdaléna Takáčová.
Baía

Unha formiga invítanos a entrar na súa casa, o formigueiro, que parece unha morea de arume mais en realidade é unha construción con moitísimas cámaras e galerías.

- Mocidade e persoas adultas:

La mala costumbre, de Alana S. Portero
Seix Barral

Versión dixital en eBiblio

Historia dunha nena, atrapada nun corpo que non sabe habitar, que intenta comprenderse a si mesma e ao mundo que a rodea.

A protagonista vive no barrio obreiro madrileño de San Blas, arrasado pola heroína nos anos oitenta. Aínda que na súa familia non faltan o amor e os coidados, as xornadas de traballo interminables deixan pouco tempo para conversar e prestar atención ao que queda á marxe da “normalidade”.

Unha novela sobre o  difícil que é chegar a ser un mesmo e os acontecementos e as persoas que moldean as nosas vidas.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

10/7/24

Divírtome. Suxestións para gozar do verán

Divírtome. Suxestións para gozar do verán
Divírtome. Suxestións para gozar do verán na sala infantil-xuvenil de Rialeda
é unha selección de libros cunha morea de recursos, actividades e plans bonitos para faceres durante as vacacións. Aquelas cousas para as que non tiveches tempo durante o curso e agora prestaríache compartir coas amizades.

Na casa ou ao aire libre, desfrutando da natureza que nos abrangue!

5/7/24

Recomendacións en Radioleiros: 5 xullo 2024

"Resúltame familiar" de Carmen Mateo; ilustrado por Lirios Bou
Recomendacións en Radioleiros: 5 xullo 2024- Infantil:
Resúltame familiar de Carmen Mateo; ilustrado por Lirios Bou. En Cumio.
"Hijo de un bastardo" de Sorj Chalandon
Un libro que fai un percorrido actual por diferentes formas de vivir en familia.


- Mocidade e persoas adultas:
Hijo de un bastardo de Sorj Chalandon. Editado por Seix Barral.

Cando o autor está cubrindo como xornalista o xuízo contra Klaus Barbie en Lyon en 1987 vese envolto nunha dramática investigación sobre o seu propio pai, na que descubrirá o escuro pasado do seu devanceiro durante a Segunda Guerra Mundial.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

3/7/24

Ismaíl Kadaré, 1936-2024: ecos kafkianos, historias desacougantes e alegorías políticas

Ismaíl Kadaré, 1936-2024: ecos kafkianos, historias desacougantes e alegorías políticas
Ecos kafkianos, historias desacougantes e alegorías políticas mesturadas cos soños e os mitos foron algúns dos vimbios cos que compuxo a súa obra o escritor do país das águias. Faleceu Ismaíl Kadaré, gañador do Man Booker en 2005, do Princesa de Asturias das Letras 2009 e do Neustadt International Prize for Literature en 2020. "El palacio de los sueños" foi unha suxestión das Recomendacións en Radioleiros aló por 2009. O 15 veces candidato ao Nobel de literatura dícia que "un gran escritor é alguén capaz de inventar as historias máis imposibles e inimaxinables. A literatura é un acto divino".

Visita a expo de Kadaré que temos para ti na Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

Obras de Kadaré en Bibloleiros