La guerra ¡no es para mí!, de Éric Battut
Blume
Narrado en primeira persoa por Baki, o rei da pelota, un neno de 12 anos. Ten os mesmos que a guerra civil que soporta o seu país.
Unha mañá uns soldados chegaron á localidade onde vivía, rexistraron as casas e obrigárono a ir con eles. Dixéronlle "es forte! serás un bo soldado!", el preguntouse, “Será que os nenos aos 12 anos xa son soldados en todos os países?”.
Chegaron a un poboado nun claro dun bosque e ensináronlle a disparar cunha metralleta, non era de xoguete! Pola mañá puxeron rumbo as montañas, a súa arma pesaba tanto como el, pero, a pesar diso, tratou de seguir o ritmo dos demais soldados. Produciuse un combate, pola noite intentou durmir, aínda que fóra cun só ollo. Ao lonxe escoitábanse uns helicópteros que disparaban. Pola mañá volveron a atacalos, perderon a batalla. Tiveron que entregar as armas, a súa non chegou a disparar a ninguén. Leváronos a un bosque, pero el conseguiu escapar e unirse a unha fila de refuxiados. Viviu varios meses nun campamento de refuxiados baixo a protección da ONU. Alí aprendeu a ler e a escribir. Agora ten 25 anos e é Baki o mestre…
Unha fermosa obra que fala dos nenos soldado, da monstruosidade da guerra, pero cun toque de esperanza e un final feliz: el aprendeu a ler e a escribir e agora é o mestre da súa localidade.
Cunhas ilustracións moi coloridas, nas que predominan as cores vermella, amarela e negra e uns debuxos que parecen infantís, mergúllanos na historia dun neno que non quere a guerra.
Dinos “A paz é unha ave moi fráxil”.
- Mocidade e persoas adultas:
El infinito en un junco: la invención de los libros en el mundo antiguo, de Irene Vallejo
Siruela
Versión dixital en eBiblio
Audiolibro en eBiblio
Publicado en 2019, foi un fenómeno editorial, principalmente por tratarse dunha obra de ensaio de 449 páxinas que fala do libro no mundo antigo. Inicialmente ninguén agardaba que tivera tanto éxito. Van un millón de exemplares vendidos, con traducións a 35 idiomas e séguese a falar del.
Trata sobre a historia do libro como obxecto, sobre todo no mundo antigo, aínda que chega ata a actualidade. Céntrase principalmente en dúas cidades: Alexandría e Roma, sen esquecerse de Mesopotamia como a testemuña máis antiga da escritura, pasando pola invención da imprenta e ata chegar ao mundo editorial actual.
Presenta a gran supervivencia, ao longo dos séculos, dun elemento tan fráxil como un libro e as persoas que se esforzaron en salvalos, como garantía para toda a humanidade. Segundo nos di a autora, todo o que somos non se vai desvanecer no esquecemento, di tamén que é incrible como un simple xunco, transformado en papiro, cambiou a nosa capacidade para transmitir ideas ao longo do tempo e do espazo.
Ofrece mitoloxía, anécdotas de escritores, historias de bibliotecas, contadores de contos e de lectores,
resaltando o papel dos libros como vehículos de coñecemento, liberdade e resistencia fronte á censura e ao esquecemento. Dinos que os relatos antigos, os mitos e os libros non só están feitos de datos ou de información, senón tamén das emocións humanas, das nosas fraxilidades e esperanzas. Interésalle reflexar aspectos relacionados coa actualidade, unindo os clásicos co mundo contemporáneo e conectándoos con debates actuais: Aristófanes e os procesos xudiciais contra humoristas, Safo e a voz literaria das mulleres, por citar só algúns. Tamén compara obras do mundo antigo con películas, sempre reivindicando a importancia do papel das humanidades neste mundo tecnolóxico.
Estamos ante unha declaración de amor aos libros, cunha linguaxe precisa, evocadora, que transmite
emoción. É unha obra moi fermosa e interesante.
Para as persoas que non lles apeteza ler as máis de 400 páxinas desta edición, pero que si teñan interese
por este tema, recomendamos, a obra gráfica El infinito en un junco coa adaptación do texto e as ilustracións de Tyto Alba, publicada en Penguin Random House en 2023. Unha magnífica adaptación, que selecciona moi ben os aspectos máis salientables da obra orixinal.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario