12/11/21

Cristina Peri Rossi, Premio Cervantes 2021. Parabéns!!!

O venres 12 de novembro, Cristina Peri Rossi cumprirá 80 anos. Esta semana foi a terceira voz uruguaia en recibir o Premio Cervantes de Literatura, despois de Juan Carlos Onetti (1980) e Ida Vitale (2018).
Naceu en Montevideo en 1941, e conta que foi “rara” desde cativa. Gustáballe gabear polas árbores e quería ser escritora. Lía e escoitaba Tristán e Isolda ou algunha canción de Mina, a diva italiana. Usaba pantalóns no canto de saias.
O xurado do Premio de Literatura en lingua Castelá Miguel de Cervantes propuxo a Cristina Peri Rossi para ser galardoada co Premio Cervantes 2021 concedido polo Ministerio de Cultura y Deporte.
O premio outorgado a Peri Rossi “recoñece nela a traxectoria dunha das grandes vocacións literarias do noso tempo e o alcance dunha escritora capaz de plasmar o seu talento nunha pluralidade de xéneros. A literatura de Cristina Peri Rossi é un exercicio constante de exploración e crítica, sen fuxir do valor da palabra como expresión dun compromiso con temas claves da conversación contemporánea como a condición da muller e a sexualidade. Así mesmo, a súa obra, ponte entre Iberoamérica e España, quedará como lembranza perpetua do exilio e as traxedias políticas do século XX”.
Ofrecémosche os títulos dispoñibles de Peri Rossi na Biblioteca Central Rialeda (Perillo): "La nave de los locos", "El amor es una droga dura", "Playstation", e "Moderato cantabile" de Marguerite Duras, cuxo limiar é da autoría da escritora uruguaia.

Parabéns, Cristina!!!

Fontes: ladiaria.com.uy e culturaydeporte.gob.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario