Pilar Pallarés, unha das voces máis singulares da poesía galega actual é Premio Nacional de Poesía 2019 do Ministerio de Cultura y Deporte, pola súa obra "Tempo fósil".
O poemario constitúe unha magnífica obra, moi ben editada, na que reflexiona sobre a perda e a destrución, a partir da súa propia experiencia persoal, tras vivir o derribo da casa familiar a causa da ampliación do aeroporto de Alvedro. Fala da aniquilación dos soños dunha familia, pero tamén é sobre a derrota dos soños dunha clase social.
O xurado elixiuna "por transmitir con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e desgarrada, a experiencia da perda e da destrución do vivido, do que nos configura, desde unha conciencia da paisaxe como un corpo vivo".
Comezou a escribila a finais do 2011, cando a ampliación do aeroporto de Alvedro derribou a casa que o pai construíra coas súas propias mans e na que colaboraran todos os membros da familia. No primeiro poema menciona diversas árbores e plantas que había na horta e que desapareceron co derribo. No segundo fálanos dos ósos de animais domésticos pertencentes á familia que estaban enterrados na finca e que quedaron mesturados cos demais restos. Segundo di a autora, nunha entrevista publicada en Sermos Galiza “Os poemas ficaron alí (estes dous dos que falamos) e un ano ou dous despois escribín o terceiro. A partir de aí, lentamente, continúo o libro. A destrución da casa é un punto de partida e vaise mesturando cun proceso de aniquilación dunha familia moi pequena...”.
Vemos como a obra medrou arredor do lugar, da familia e da imposibilidade de deixar pegadas. Fala do paso do tempo e sente a aniquilación como unha cuestión colectiva.
Noutra entrevista que lle realizou El Ideal Gallego di “É un libro que case nin tiña pensado publicar e fala dun tema que me obsesiona: a posibilidade de que algo poida pervivir”. “O tempo sempre está na miña poesía, tamén a fugacidade e a capacidade que ten a natureza de destruírse e rexenerarse. Son moi pesimista con respecto á destrución do planeta, é o que máis me preocupa nestes momentos”, e recoñece “ter unha consciencia da morte desde a súa infancia e que marcou parte da súa poesía”.
Podes gozar das exposicións bibliográficas adicadas a Pilar Pallarés nas Bibliotecas Municipais de Oleiros e da recomendación na emisora municipal Radioleiros do seu poemario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario