A señorita Bubble, de Ledicia Costas e ilustrado por Andrés Meixide
Galaxia
Noa, unha nena de 9 anos soñadora e creativa que quere ser astronauta de maior e a súa irmá Sofi de 6 anos chegan tarde ao colexio ao non recibir o almorzo da súa coidadora. Noa tamén esqueceuse de coller o libro que tiña que devolver na biblioteca escolar. Ao chegar, dona Úrsula, a mestra encargada da biblioteca, castigaa sen recreo e sen poder levar libros da biblioteca durante un mes. A Noa gustáballe moito ler, e considerábao un castigo inxusto, polo que protestou co cal o castigo ampliouse a dous meses, ademais de ter que presentarse diante da directora. Por todo isto, as nenas deciden escapar do colexio e coñecen á señorita Bubble, unha muller rara, excéntrica, que levaba un vestido negro, longo, dos de antes, un sombreiro e un parche no ollo e ademais circula nun vehículo a motor de vapor recén atascado. Na vila onde vivían tíñanlle manía porque era unha muller diferente e ademais era inventora: embotellaba sorrisos en tarros de cristal, facía medrar bastóns de caramelo riquísimos...
O que sucede a continuación son unhas aventuras divertidísimas, pero os nenos e nenas que queiran coñecelas deben ler o libro.
Unha obra que trata con humor e fantasía a necesidade de aceptar ás persoas diferentes, de ser máis tolerantes, de loitar contra a ignorancia e da busca da felicidade.
Con esta historia, a autora quere reivindicar o papel da muller na ciencia. É unha homenaxe a todas as mulleres inventoras que, como aconteceu noutros ámbitos, foron invisibilizadas ao longo da Historia.
Tamén é unha homenaxe a diferentes escritores e cineastas como Julio Verne, Tim Burton ou Roald Dahl...
- Mozos/as e adultos/as:
O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro
Galaxia
Premio Manuel García Barros en 2017
Narra uns acontecementos que sucederon en Vilagarcía desde principios do século XX ata 1936 e que aluden ao "Xardín dos Ingleses" desa localidade. Está narrada en dous tempos, o actual do escritor (Modesto, un personaxe de ficción) que está escribindo un libro e que busca información sobre uns episodios que aconteceron na vila e o tempo da novela que está redactando.
Nos primeiros anos do século XX chegan a Vilagarcía mariñeiros ingleses e alemáns. Algúns relaciónanse coa poboación local, neste caso cunha moza (Delia Cores), xurdindo unha curta historia de amor. Paralelamente, asistimos ás repercusións que nesta zona tivo a 1ª Guerra Mundial, ao duro traballo das lavandeiras, aos conflitos dos obreiros e obreiras nas conserveiras, ao anarquismo e ao comezo da Guerra Civil Española coas súas tráxicas consecuencias.
Acompañaremos a Delia e ao seu fillo Edelmiro (o xardineiro dos ingleses, encargado por vontade propia do coidado deste xardín) polo seu recorrido vital e veremos as diferenzas entre as distintas clases sociais, tan evidentes nunha poboación pequena, pero ao mesmo tempo tamén nos intrigará o misterio que envolve unha tumba anónima do xardín dos ingleses e que tratará de desentrañar o escritor.
Cunha prosa áxil e linguaxe directa, Calveiro consegue unha obra sobre a busca da liberdade, pero tamén fala de xustiza e de vinganza xunto co que aconteceu en Vilagarcía nos terribles meses do ano 1936 despois do alzamento e como ninguén pode fuxir do seu pasado. É unha homenaxe a súa vila natal.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario