11/7/14

Tertulia literaria en Rialeda: valoración final dos títulos da tempada 2013-2014

Unha vez rematada a tempada de Tertulias literarias na Biblioteca Central Rialeda, é hora de facer balance das propostas literarias que fomos ofrecendo ao longo dos pasados meses.

En total léronse 17 títulos de autores/as galegos/as, españois e internacionais, dos que os mellor valorados polos participantes foron:

Grupo A: 


1º) La ignorancia de Milan Kundera
Unha muller e un home atópanse por casualidade durante a súa viaxe de regreso ao país natal do que emigraron fai vinte anos. Poderán reemprender unha estraña historia de amor, apenas iniciada entón na súa terra?

2º) Claus y Lucas de Agota Kristof
Coa simplicidade sórdida dun conto de fadas, esta triloxía explícanos a historia de dous irmáns xemelgos, Claus e Lucas, condicionados por un vínculo agonizante, que se converte tamén nunha alegoría das forzas que separaron a Europa desde a Segunda Guerra Mundial.

3º) Una temporada para silbar de Ivan Doig
Ivan Doig está considerado como un dos mellores cronistas contemporáneos do Oeste americano, alumno avantaxado de autores como Wallace Stegner ou Norman Maclean. Una temporada para silbar é unha das súas mellores novelas, froito do seu particular xeito de entender a vida e a impoñente natureza de Montana.

4º) El proyecto esposa de Graeme Simsion
Don Tillman, profesor universitario, é un home atrapado nunha visión da realidade tan ríxida que nunca tivo unha segunda cita cunha muller. Coñecedor dos estudos que demostran que os homes que viven en parella son máis felices que os solteiros, embárcase no que bautiza O Proxecto Esposa para atopar a parella perfecta. Un relato hilarante e irresistiblemente romántico.

5º) La noche de los tiempos de Antonio Muñoz Molina

Grupo B:

1º) La noche de los tiempos de Antonio Muñoz Molina
En outubro de 1936 o arquitecto español Ignacio Abel chega a Pennsylvania procedente de España, deixando atrás a súa familia incomunicada nun país crebado pola guerra. Durante a viaxe lembra a historia de amor clandestino coa muller da súa vida e a crispación e desconcerto que precederon ao conflito fratricida.

2º) Una temporada para silbar de Ivan Doig


3º) El reflejo de las palabras de Kader Abdolah
Os lazos profundos e indestrutibles entre un pai e un fillo, capaces de perdurar a través do tempo e do espazo grazas ao poder aglutinante da arte e da lingua, son o fundamento narrativo desta novela orixinal e conmovedora, de marcado carácter autobiográfico. Así pois, por medio dos escritos do pai e os interrogantes do fillo, xorde a apaixonante historia do Irán do século XX, desde a implacable obstinación de Reza Kan en modernizalo ata a feroz represión do réxime dos aiatolás.

4º) Antoloxía do conto galego: século XX
Esta Antoloxía pretende ser unha panorámica do conto literario galego ao longo do século XX, desde a Xeración Nós aos escritores que comezaron a publicar durante os últimos anos do franquismo. Un período fundamental no que o conto galego acadou gran variedade de temas e unha extraordinaria e singular riqueza expresiva.

5º) La gran casa de Nicole Krauss
Imaxinemos un gran escritorio roubado, unha peza impoñente, con 19 caixóns cheos de segredos de todos os seus usuarios. Puido pertencer a Federico García Lorca, o primeiro dunha insólita cadea que conecta ao poeta con Daniel Varski, un autor chileno desaparecido baixo o terror de Pinochet e trasunto de Roberto Bolaño, veciño ocasional de Nova York que presta o escritorio a unha narradora en crise.

No mes de setembro abrirase de novo o prazo para inscribirse na próxima temporada desta actividade. As sesións comezarán a principios de outubro na Biblioteca Rialeda e serán os mércores, ás 17:30 horas.
Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz comezarán a mediados de outubro e terán lugar os luns ás 18:30 horas.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario