4/10/13

Recomendacións en Radioleiros: 4 de outubro

- Infantil (a partir de 10 anos):

Palabras de auga, de Marcos Calveiro ; ilustracións de Ramón Trigo
Edicións Xerais de Galicia

Fermosa obra que nos traslada a África. Amadou é un neno pertencente ao clan do Wakati da tribo dos Kimba, que teñen que abandonar o seu país en busca dunha terra que teña auga. Desde ese momento camiñan baixo un sol abrasador sen saber cal será o seu futuro. Amadou estraña a terra onde naceu e precisa a vos de seu pai para lembrar, pero Ngugi xa non lle conta ningunha historia desde Numba, seu irmán maior, desapareceu, por iso deciden ir buscalo ao campamento dos nenos soldado.

Conmovedor relato que nos achega ás dificultades da vida no continente africano, que nos presenta como viven outros pobos, ao mesmo tempo que esta viaxe se convertera, para Amadou, nun camiño de iniciación á madurez, tras a cal nada será igual.

- Moz@s e Adult@s:

El maestro del Prado y las pinturas proféticas, de Javier Sierra
Planeta

Unha novela narrada en primeira persoa polo protagonista e autor, na que relata o que lle aconteceu cando estaba estudando xornalismo en Madrid. Comeza en decembro de 1990, a Javier gustáballe visitar o Museo del Prado no seu tempo libre. Un día, cando estaba contemplando o cadro “La Perla” de Rafael achegóuselle un home que se presentou como Luis Fovel e que lle empezou a
comentar diferentes aspectos proféticos desta obra. A este seguirán máis encontros e o misterioso sabio iralle explicando mensaxes ocultos que encerran distintas pinturas: "La Visitación" da Escola de Rafael, "La Sagrada Familia del Roble" tamén de Rafael, "La Virgen de las Rocas" de Leonardo da Vinci, "La Escuela de Atenas" de Rafael, "La Gloria" de Tiziano (o emperador Carlos V encargoulle a Tiziano que o retratara como un espírito rogando para entrar no ceo, coa intención de preparar a súa alma para o máis alá), "Carlos V en la Batalla de Mühlberg" tamén de Tiziano (no que a lanza que empuña o emperador simboliza unha reliquia en poder da súa familia), "La última cena" de Juan de Juanes, "El jardín de las delicias" de El Bosco (a obra preferida de Felipe II, que levou con el para o Monasterio del Escorial cando xa estaba moi enfermo, segundo esta novela vese a nosa orixe, presente e futuro, pero nun tríptico só comprensible para iniciados dunha secta coñecida como "Los Hermanos del Espíritu Libre"), "El Triunfo de la Muerte" de Brueghel el Viejo (ao parecer, presenta un alfabeto oculto que utilizaba unha secta chamada "Familia Charitatis" ou "Familia del amor" que predicaba a inminente chegada do fin dos tempos), ou "La Encarnación" e "La crucifixión" de El Greco, etc.

"El maestro del Prado" realiza un percorrido por diferentes obras pictóricas, das que unhas vinte están no Museo del Prado, presentándonos os seus misterios, enigmas, profecías que agochaban, simboloxía oculta, conspiracións, herexías, visións místicas, xunto con mensaxes entre membros de sociedades secretas ou portas ao máis ala.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario