5/3/13

Día internacional da muller traballadora nas bibliotecas de Oleiros


O Sistema de Bibliotecas Municipais de Oleiros programou diversas actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora: deste xeito reflexionaremos xuntas-os sobre a súa importancia e sobre temas, música e libros relacionados coa muller.
- 7 de marzo: na Biblioteca Central Rialeda, realizaranse tres sesións de contacontos titulados “Contos contados con todas e todos”, a cargo do actor Caxoto, para alumnado de 1º e 2º cursos de ensinanza primaria do CEIP Valle-Inclán de Perillo. A primeira terá lugar ás 9:30 horas, a segunda ás 11 h. e a terceira ás 12:20 h. En total participarán  125 alumnas/os e 8 profesoras/es.
Son contacontos nos que se tratan os relatos desde un punto de vista non sexista, desmontando moitos mitos adquiridos e facendo reflexionar a todas as nenas e nenos. As personaxes comprenden a importancia da igualdade de xénero, desempeñan roles non moi usuais... ensinan que todas e todos debemos ter as mesmas oportunidades.

- 13 de marzo: ás 19 horas, na Biblioteca Central Rialeda en Perillo, terá lugar a presentación do libro titulado “Teresa Alvajar  López: Memorias dunha republicana”. Neste acto intervirán a profesora e autora da obra Aurora Marco e o director de Edicións Laiovento e escritor Francisco Pillado.
A continuación proxectarase o audiovisual "Teresa Alvajar. Compromiso e paixón pola Terra" de
Pablo Ces.
Con este acto deséxase contribuír á “recuperación dunha voz máis da memoria democrática, unha voz necesaria que nos achega momentos transcendentais (República) e períodos verdadeiramente traumáticos (guerra e franquismo) da nosa historia”.
- 21 de marzo: ás 20 horas, no Teatro As Torres de Santa Cruz, levarase a cabo unha actuación musical de Jazz  por  Marian Ledesma&Tinaquero Brothers presentando  “As mulleres do jazz”. A cantante Marian Ledesma, acompañada por catro grandes músicos de bandas como Miki Nervio&The Bluesmakers ou May Thai&The Torino Rockets, ofrece un repaso por grandes cancións da historia do jazz interpretadas por mulleres. Escoitaranse temas de  Bessie Smith, Elizabeth Cotten, Minnie Memphis, Dinah Washington, Billie Holliday e a gran deusa Ella Fitzgerald. Ademais das súas cancións coñecerás tamén anécdotas da súa vida e do contexto social no que se desenvolveu un dos movementos musicais máis importante do século XX.

No hay comentarios:

Publicar un comentario