30/1/13

A PAZ faise de palabras: Bibloleiros celebra o día da PAZ

O 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, data institucionalizada no aniversario da morte de Mahatma Gandhi. Esta día celébrase en numerosos centros escolares de todo o país coas máis diversas actividades. As bibliotecas municipais de Oleiros queremos sumarnos á conmemoración da loita pola paz, a solidariedade e o respecto dos Dereitos Humanos xa que como centros de cultura queremos ser instrumentos de paz e entendemento entre persoas de distinta formación, cultura, relixión, recursos económicos, etc.

Na Biblioteca "Rosalía de Castro" de Santa Cruz convidámosche a investigar na vida de grandes persoeiros que axudaron a construír a paz.


Na Biblioteca "Xograr Mendiño" de Lorbé haberá unha exposición de libros sobre o tema e entre os-as usuarios-as que acudan á biblioteca ao longo desta semana farase un mural en forma de pomba onde o público poderá poñer os seus desexos de paz.


Na Biblioteca "Federico García Lorca" de Montrove teremos unha exposición de libros para conmemorar o Día da Paz.


Na Biblioteca Central "Rialeda" contamos cunha escolma de libros da expo "Literatura infantil e xuvenil galega para a Paz" do Seminario Galego de Educación para a Paz - Fundación Cultura de Paz. Autores-as como Agustín Fernández Paz, Ramón Caride, Miguel Vázquez Freire, Gloria Sánchez, Antonio García Teijeiro, An Alfaya, e outros-as teñen presenza nesta expo que podes visitar na sala infantil e xuvenil da nosa biblioteca.
                        
                         "Todas as guerras son o fracaso do home...
                          ...Máis importante é sementar a historia,
                                              refacer as palabras,
                  reconstruír o aire que nos une, a tenrura anterior ao propio aire.
                               Sementar de corazóns a historia
                                         e de rosas os cascallos..."
                                                                                       do poema "Vietnam" de Uxío Novoneyra

No hay comentarios:

Publicar un comentario