- Infantil (a partir de 4 anos):
Entrañable álbum ilustrado sobre a vida dunha árbore.
Fálanos dunha árbore que vivía feliz nun bosque, ata que un día todo cambiou. Con fermosas ilustracións a toda cor, que ocupan a totalidade das páxinas e moi pouco texto, vainos mostrando como vivía esta árbore, os cambios que se producían nela nas distintas estacións, como era feliz no medio doutras árbores...
Un conto sobre o ciclo da vida, que ensina aos nenos e nenas a amar a natureza e a importancia de respectala, coidala e conservala.
- Mozos-as e adultos-as:
Simpática novela que trata dun científico, o doutor Alfred Jones, membro do Centro Nacional para o Fomento da Piscicultura, ao que lle encargan a introdución do salmón en Iemen, proposta que, inicialmente, el rexeita rotundamente debido as características naturais que necesitan estes peixes: de auga, temperatura, etc.; pero detrás dese proxecto está un “jeque” árabe que, custe o que custe, quere levar ao seu país natal esta pesca deportiva. Todo se complica co asesor do Primeiro ministro que ve unha maneira de proxectar o seu futuro político e segundo di el, de mellorar a imaxe do Reino Unido en Oriente Medio. Convénceo de que ese proxecto comprende moitos aspectos positivos: ecoloxía, vínculos deportivos cun país árabe aínda non suficientemente alineado cos intereses británicos, tecnoloxía occidental laica que aporta melloras a un país islámico, etc.
No Centro ameázano, ou se encarga do proxecto ou o despiden, polo que o encargo ponse en marcha e o científico ten que reconsiderar o seu informe. Para levar a cabo este desexo hai que construír un hábitat artificial nos ríos iemenís e trasladar eses peixes alí desde as frías augas de Escocia, Islandia,... Este traballo, con todos os seus avatares, farao cambiar persoalmente así como a relación coa súa muller.
Ao ir lendo vemos que todo está contado con diferentes formas: cartas, correos electrónicos, notas internas, o diario do propio doutor, actas de sesións, etc, incluso algún texto de Al-Qaeda que considera a implantación do salmón contraria ao espírito do Islam.
Divertida obra que nos presenta con humor unha historia de amor, xunto cunha crítica política ao mesmo tempo que nos fala dos encantos da pesca deportiva do salmón. Unha narración que engancha e que nos obriga a seguir lendo.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario