Co obxectivo de conmemorar o Día Internacional para a erradicación da pobreza, o 17 de outubro, ás 18.30 horas, terá lugar no Teatro "As Torres" de Santa Cruz un espectáculo de contacontos coa compañía A Tropa de Trapo, que representarán a obra titulada “Antía, Wamba e o regato pequeno” co subtítulo de “Contos para todo o mundo e para un mundo de todos”.
Esta actividade de A Tropa de Trapo está patrocinada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Froito desta colaboración chega “Antía, Wamba e o regato pequeno”, dirixida a un público infantil e familiar, “conta a historia de dúas personaxes, Antía, unha nena galega, e Wamba un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos de Wamba e as merendas de Antía fundiranse nunha amizade que lle ensinará a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese de regatos pequenos”.
“Un feixe de historias e melodías, de realidades, de soños e moitas ganas de seguir dándolle vida a ese fío delicado que é a transmisión oral”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario