21/6/12

Lecturas para ti: guía de recomendacións para este verán

As Bibliotecas Municipais de Oleiros elaboraron unha guía con 278 recomendacións de libros, DVD e CD titulada "Lecturas para ti", na que se presentan recomendacións de obras que emocionan, divirten, entreteñen, informan, instrúen ou fan pensar; que invitan a coñecer mellor a nosa cultura ou outras diferentes; bos libros para ler, analizar ou mirar; películas ou discos para gozar e compartir. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades.

Os obxectivos que desexamos conseguir son: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un cd, ou un dvd son tamén un bo agasallo.

Son 278 libros, DVDs e CDs que temos nas bibliotecas e que poden levar en préstamo para as súas casas.

Os libros figuran clasificados por idades, para as que consideramos que son máis axeitados. A idade para a que recomendamos cada obra é só de forma orientativa, xa que cada nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que debemos respectar.
Agora que se achegan as vacacións do verán, animamos a todas as persoas a que dediquen parte do seu tempo libre a ler algún libro, ver algunha película ou documental ou escoitar música, pero principalmente aos nenos/as, adolescentes e mozos/as e lembramos da importancia da lectura na formación integral da persoa. A facultade lectora non é innata, vaise adquirindo pouco a pouco, por este motivo gustaríanos contribuír a espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro.

Esta guía repartirase a todo o alumnado de primaria dos centros de ensino público deste Concello, así como nas bibliotecas municipais ás persoas que a soliciten.

No hay comentarios:

Publicar un comentario