24/4/12

Biblioteca Central Rialeda ganou o premio Irmandade do Libro

A Biblioteca Central Rialeda ganou o premio Irmandade do Libro, na modalidade de Fomento da lectura, concedido pola Federación de Libreiros de Galicia.

O premio é unha escultura, dunha figura alegórica de bronce, realizada polo artista lucense Ismael López Fernández e foi entregado ao Alcalde, o sábado, día 21, na localidade de Lalín.

Ás Bibliotecas Municipais de Oleiros  xa lle concederan este premio no ano 1995, na modalidade de Institucións, e no ano 2009 na de fomento da lectura.

Este premio ten por obxecto premiar as actividades realizadas para a promoción e divulgación do libro e a lectura durante o ano 2011.

No apartado de Institucións recibiu o premio a Real Academia Galega, recoñeceron como libro do ano "Non hai noite tan longa" de Agustín Fernández Paz, mentres que Gonzalo Navaza levou o galardón ao mellor autor. A Mitoloxía de Galiza, de Vítor Vaqueiro foi recoñecida como obra editorial 2011, o CEIP Riomaior de Pontevedra na categoría de centros de ensino e a Libraría Cartabón de Vigo na de librarías.

Desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros damos as grazas á Federación de Libreiros de Galicia polo premio e ao Xurado por valorar positivamente o noso proxecto de fomento da lectura.

Unha vez máis desexamos compartir este premio coas veciñas e veciños de Oleiros, coas persoas, institucións, entidades, asociacións e centros  educativos que colaboran coas bibliotecas, coas usuarias e usuarios que participan nas nosas actividades, a todas e todos expresámoslles o noso agradecemento. Grazas por facer posible que Oleiros sexa un referente a nivel de toda Galicia na promoción lectora cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario