- Infantil (a partires de 11 anos):
"Kafka e a boneca viaxeira" de Jordi Sierra i Fabra
Editado por Galaxia
Emotiva obra de ficción escrita por Sierra i Fabra, a partir dun feito que contou Dora Dymant, a última compañeira de Franz Kafka, despois de morrer este, e que segundo ela lle aconteceu a él un ano antes da súa morte.
Kafka paseaba habitualmente polo parque Steglitz de Berlín e un día viu como unha nena, Elsi, choraba desconsoladamente porque perdera a súa boneca, chamada Bríxida. Para calmala, díxolle que Bríxida non se perdera, senón que marchara de viaxe, que el era o carteiro de bonecas e tiña unha carta para ela que lle levaría o día seguinte. Esa noite escribiu a primeira dunha serie de cartas que lle iría entregando e nas que narra as viaxes da súa boneca: Londres, París, Venecia, Pequín, Toquio, Nova York, Bogotá, etc. Bríxida recorría o mundo a toda velocidade.
Catorce cartas en dúas semanas. Despois virían outras dúas e na última, como despedida, regalaríalle unha boneca chamada Dora.
Recomendámolo para nenas e nenos a partir de 11 anos, pero esencialmente é un fermoso relato que serve para todas as idades.
Dispoñible en español baixo o título de Kafka y la muñeca viajera.
- Mozos/as e adultos/as:
"Ardores de agosto" de Andrea Camilleri
Editado por Salamandra
O comisario Montalbano ten que alugar unha casa fronte da praia, por encargo da súa moza Livia, para pasar as vacacións uns amigos dela. En Sicilia fai un calor asfixiante, son os ardores de agosto, durante o día o aire vólvese irrespirable. Despois de moito mirar, por fin a atopa e o 1º día de agosto vainos recoller ao aeroporto. A casa gustoulles, estaba nun alto, dende ela víase o mar e podíase acceder directamente á praia. Pero aos poucos días comezaron os problemas coa invasión de diferentes animais: escaravellos, ratos e arañas. A casa levaba un ano deshabitada e debera de sufrir algún movemento de dilatación e asentamento o que provocou algunha greta no chan, pola que subían. Cando pensaban que todo estaba solucionado o plan tórcese porque aparece un cadáver nunha artesa. O comisario terá que realizar a investigación...
Nesta nova aventura volvemos a atopar intriga e humor. Preséntanos un retrato da sociedade italiana, fálanos da mafia, da corrupción, pero tamén da gastronomía, do seu gusto pola comida e os bos viños, ao mesmo tempo que vemos como intenta escapar aos efectos que produce o avance da idade e os cambios do tempo.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario