28/5/10
Recomendacións en Radioleiros
Títulos recomendados o venres 28 de maio:
- Infantís (a partir de 10 anos):
"Pesadelo no tren Chocolate" de Fina Casalderrey e ilustracións de Patricia Castelao en Galaxia.
O avó Manuel é xefe de estación en León, antes foi revisor e coñece moi ben o funcionamento dos trens. Están con el os seus netos, pero teñen que marchar para Vigo a reunirse cos seus pais, polo que van realizar a súa primeira viaxe en tren sos.
Cando chega o tren á estación o avó ten un agoiro de que algo malo vai suceder. É como se os avisase dun perigo inminente, mais os nenos non lle fan caso.
É unha narración de intriga e misterio, escrita coa mestría característica desta autora, na que consegue manter o suspense ata o final, dirixida a nenas e nenos a partir de 10 anos
- Mozos-as e adultos-as:
"A esmorga" de Eduardo Blanco Amor editado por Galaxia.
A Esmorga está considerada unha das obras cumes da literatura galega, unha novela de gran dramatismo e de gran intensidade expresiva.
Segundo se nos di ao principio, parte dun suceso que oíu contar o autor e que sucedera uns noventa anos antes. A narración divídese en cinco capítulos e conta a troula que viviron tres mozos, durante vinte catro horas. Os feitos desenvólvense en Auria (que polos datos podemos dicir que é Ourense) e son narrados por Cibrán, un dos protagonistas que participou en todo o acontecido e que o está contando nun xulgado, a un Sr que debe ser o xuíz. Podemos ir lendo as respostas que da Cibrán, pero nunca coñecemos directamente as preguntas, inda que si as intuímos, e con estas respostas vai narrando os feitos.
Cibrán é un mozo que ten unha amante, que foi prostituta, e coa que tivo un fillo. El traballa nunha estrada que están facendo na zona e ela convénceo para que formalice a súa vida con ela e lle entregue o xornal, para poder vivir os tres. O luns cando vai para o traballo atopa a outros 2 compañeiros, o Bocas e o Milhomes, que o invitan a que tome algo con eles, ao principio non quere, pero como fai moi mal tempo e non vai poder traballar, acepta..... O que segue débeno coñecer lendo este libro.
Podemos dicir que ten un final tráxico pero, ao mesmo tempo, algo ambiguo porque cada persoa pode pensar de forma diferente o que aconteceu, pero que ten un fin que é poñer de manifesto o papel represor das forzas da orde da época e tampouco non deixa nada ben o papel da xustiza nese tempo.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario