10/8/18

Recomendacións en Radioleiros: 10 agosto 2018

https://www.ivoox.com/28742462
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1208762- Infantil (a partir de 6 anos):
"Os fíos invisibles" de Montse Torrents, ilustracións de Matilde Portalés. En Tramuntana.
Un paseo afectivo con aquilo que nos conecta coas persoas que queremos, coas que xogamos e rimos a diario. Texto de grande interese pedagóxico para adentrar ás-aos primeiras-os lectoras-es no mundo da lectura da man desta logopeda con magníficas ilustracións dunha admiradora de Roald Dahl, á que lle gustan o Mediterráneo, o sol e o mar. Un libro que supón unha estupenda colaboración entre dúas autoras, con xogos complementarios.
 
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1429894- Mozas-os e adultas-os:
"Las especias: historia de una tentación" de Jack Turner. Editado por Acantilado.
Un ensaio moi documentado arredor dun produto cobizado durante séculos, moi valorado economicamente e orixe de múltiples expedicións e conflitos. Con presenza na medicina, na cociña, na relixión e outros ámbitos sociais. Desde Oriente a Occidente, Turner lévanos nunha viaxe histórica e literaria polos desexos humanos, que en ocasións alimentan procesos de grande transcendencia.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

3/8/18

Recomendacións en Radioleiros: 3 agosto 2018

https://youtu.be/gU7nr8OFnHEhttps://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1225200- Infantil (nenas-os menores de 6 anos):
"Sed amigos" de Salina Yoon. Editado por Corimbo.
Dennis é un neno que ten a habilidade de expresarse dun xeito totalmente diferente ao resto das rapazas e rapaces. Mentres estes berran, cantan ou bailan, Dennis fai mimo. O teatro é a súa paixón. Pero as diferenzas ás veces provocan distancias e Dennis sentíase só e invisible ata que un día lle dá unha patada a unha pelota imaxinaria que sorprendentemente alguén recolle. Un libro sobre a amizade, a soidade e o respecto á diversidade. Un precioso álbum con expresivas ilustracións que amosan as marabillas do teatro.
 
- Mozas-os e adultas-os:
"Detrás da máscara" de Louisa May Alcott. Tradución de Antía Veres Gesto. En Hugin e Munin.
Jean Muir é unha muller independente e de grande intelixencia que se presenta na aristocrática casa dos Coventry para traballar como institutriz de Bella, a filla menor. Grazas á súa astucia e habilidades, consegue, en tan só unha xornada de traballo, gañarse o afecto da señora Coventry, dos seus fillos menores e do acaudalado sir John, o tío. Pero Gerald, o fillo maior e Lucía, a curmá, desconfían dela, e razóns non lles falta, xa que a doce e https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1268063
atenta Jean, pronto se transformará nunha “femme fatal”. Esta novela escrita pola autora da afamada  obra “Mujercitas” foi rescatada tras 150 anos para dar a coñecer a outra faceta de Alcott, a adicada ao xénero negro.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

27/7/18

Recomendacións en Radioleiros: 27 xullo 2018

https://youtu.be/BER8Ykoww2Ihttps://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1211111- Infantil:
"Dicionario ilustrado-toleirán" de Mauri Kunnas. En Urco.
Don Castrón Durmiñón acompáñanos no mundo do inglés  con moitos personaxes arredor de xogos, deportes, viaxes espaciais e unha chea de posibilidades tamén en galego. Unha interesante aportación desde a literatura finlandesa para a xente máis nova.
 
 https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1233594&query_desc=au%2Cwrdl%3A%20Michael%20Jones- Mozas-os e adultas-os:
"La retirada: la primera derrota de Hitler" de Michael Jones. Editado por Crítica.
Partindo de fontes orais e escritas, o historiador inglés Michael Jones relátanos o primeiro episodio da derrota alemá en territorio soviético. Un conxunto de testemuñas dos protagonistas daquela barbarie que supuxo o maior desgaste para o exército de Hitler en todas as súas iniciativas. De grande valor humano e histórico.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

20/7/18

Recomendacións en Radioleiros: 20 xullo 2018

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1344330https://youtu.be/IWO9MDRHKaw- Xuvenil (maiores de 12 anos):

Corazones de gofre, de Maria Parr con ilustracións de Zuzanna Celej
Nórdica Infantil

Un ano completo de aventuras que terán como fondo a paisaxe dunha pequena aldea norueguesa chamada Terruño Mathilde, onde viven os protagonistas do relato. Theo e Lena, ela é aventureira, valente, temeraria e divertida, el pola contra, é quen pon o equilibrio e a serenidade. Na compaña dun avó marabilloso e unha tía avoa capaz de evadir aos mozos desas ideas endiañadas que se lles ocorren, co aroma a chocolate que desprenden as súas pilas e máis pilas de exquisitos gofres que precisamente dan título ao libro.

- Mozas/os e adultas/os:

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1357727Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales Santomé
Xerais

Marina, Carmela, Sara e Viviana ou Alicia, mulleres de diferente extracto social e pertencentes a xeracións diferentes, van aparecendo na novela, dun xeito aleatorio, coas súas voces resoando nun contestador que recibe as súas palabras sen intervir. Deste xeito a autora vai debullando cada unha das historias singulares, secretas, algunha delas terrible, construindo capítulo a capítulo as vidas destas catro mulleres sobre as que planea sobre todo o peso da soidade, demostrando o difícil que resulta a comunicación na era da tecnoloxía.


Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

13/7/18

Recomendacións en Radioleiros: 13 xullo 2018

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1429921https://youtu.be/xFEN8lV72lk-Infantil (a partir de 8 anos):
"A estraña aventura de Manoliño Singapur" de Xoán Babarro González. Ilustrado por María Brenn. Editado por Embora.
Manu vese no medio dun problema informático de primeira orde que o leva a unha chea de aventuras acompañado do can Cambises. Unha historia divertida e dinámica de Xoán Babarro, un prolífico autor galego co premio Pura e Dora Vázquez de narración e o Premio Arume de poesía.
              
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=947760&query_desc=ti%2Cwrdl%3A%20quemarropa- Mozas-os e adultas-os:
"A quemarropa. Una aventura de Parker" de Richard Stark. En RBA.
Parker cruza unha ponte vestido con roupa gastada. Chega á cidade, falsifica un carné e compra diversos artigos que despois empeña. De madrugada ten unha conversa cunha muller sobre Mal, un coñecido común e unha traición. Así comeza esta novela que xa é un
clásico escrita por Richard Stark, premiado varias veces co Edgar Allan Poe pola Asociación de Escritores de Misterio dos Estados Unidos.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

9/7/18

Sen maletas e ás toas: viaxes, descubrimentos e aventura para nenas e nenos intrépidas-os!!!

Na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) temos unha expo de libros recomendados para viaxar cada día sen saír da casa, libros para organizar unha viaxe, os mellores libros para facer as maletas e “ás toas” ir polo mundo adiante. 

Descubre, experimenta e coñece novos lugares, novos itinerarios, novos costumes e novas xentes.

6/7/18

Recomendacións en Radioleiros: 6 xullo 2018

https://youtu.be/Ejqgj3IVI4g
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-search.pl?idx=&q=vaca+puxo+ovo+cutbill&branch_group_limit=multibranchlimit-OLE- Infantil (menos de 6 anos):

A vaca que puxo un ovo, de Andy Cutbill, ilustracións de Russell Ayto
Patasdepeixe

Marjorie é unha vaca que se sinte triste e moi vulgar. Non sabe montar en bicicleta nin dar pinchacarneiros como as outras vacas da granxa na que vive. Marjorie non é especial. As súas amigas, as pitas, argallan un plan moi enxeñoso para axudar a Marge. Así, unha mañán, a granxa revolucionase cando Marjorie berra porque acababa de poñer un ovo. Un ovo branco con pintas negras igualiño que a nosa vaca.

As ilustracións de Russell Ayto mostran a unha Marjorie tenra e divertida, de longas pestanas e un sorriso que ilumina a súa expresión desde o momento que descobre que vai ser nai. Todos os personaxes son moi expresivos, trazados sinxelamente pero ben chamativos.

Rimas graciosas + ilustracións humorísticas = diversión asegurada!!

- Mozas/os e adultas/os:

La herencia de Eszter, de Sándor Márai
Salamandra

Eszter, unha muller nos albores da súa vellez, solteira, que vive na casa familiar con Nunú, a muller que a cuidou desde pequena, decide escribir sobre aquel día no que recibiu o telegrama informandolle que Lajos, un vello amigo da familia do que estivera namorada anos atrás, chegaría de visita. Eszter non sabe para que volve Lajos despois de tantos anos. Xa non lle queda nada, xa a despoxara de todo vinte anos atrás, tan só conserva a casa e o xardín do que viven ela e Nunú.

Unha novela que invita a reflexionar ao mesmo tempo de atraparnos desde o principio nas súas páxinas. Deses libros, que aínda sabendo como vai rematar todo, non se poden deixar de ler.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

2/7/18

Musicando na biblioteca: escolma de libros e música na Biblioteca de Santa Cruz

Na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz), presentamos unha selección de libros infantís con música incluída para empezar o verán con ledicia. 

A música é unha linguaxe máxica que che fai sentir e coa que podes dicir moitas cousas sen palabras!!!

29/6/18

Recomendacións en Radioleiros: 29 xuño 2018

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1305762https://youtu.be/cQKZ6pAasN0- Infantil (nenas-os a partir de 8 anos):
"De viaxe polo mundo" de Pablo Aranda; ilustracións de Ximena Maier; tradución ao galego, Anaír Rodríguez. En Xerais.
Unha proposta de viaxe polo mundo, sen saír da casa, acompañados dos protagonistas do libro: unha nena, un neno e un can que nos ensinarán características dun variado grupo de países e curiosidades de culturas descoñecidas. Pasearemos pola xeografía, a historia e a literatura de 22 países do mundo. 
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1088922- Mozas-os e adultas-os:
"Oso" de Marian Engel; tradución de Magdalena Palmer. Editado por Impedimenta.
A novela céntrase na historia de Lou, unha xove bibliotecaria, introvertida e cunha vida bastante solitaria e anódina, dedicada case por completo ao seu traballo. A oportunidade para escapar desta vida triste e frustrante, chégalle a Lou da man dun curioso legado.  A illa de Cary (totalmente ficticia) é legada íntegramente ao instituto para o que traballa e ela será  a encargada de pasar alí unha tempada coa fin de ordenar e catalogar a documentación que forma parte dunha importante biblioteca propiedade dun tal “Coronel Jocelyn Cary”, último descendente da familia propietaria da illa, asentada nun vello edificio octogonal. Así que o que se presentaba como un verán de traballo en soidade, dará un xiro inesperado cando Lou descubra que non é a única habitante da illa, que nun alpendre anexo á casa vive un gran oso, dócil e vello do que terá que facerse cargo, e que será o único que pode proporcionarlle algo de compañía.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

28/6/18

Grazas, Xabier!!!

http://xabier-docampo.gal/documents/24.html
"... Ler e escribir son dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, substáncianse no outro, por medio da entrega, da xenerosidade, do amor. Pero tamén o son contar historias e escoitalas, porque as primeiras palabras feitas instrumento da maxia de albiscar os misterios da vida chegáronme escoitando aquelas historias que contaba meu pai. Aquela cerimonia que axudaba a me instalar na harmonía con todos os que me precederan, que me facía depositario do antigo tesouro da palabra e da imaxe do mundo que ela representaba. Daquela mergullábame nun río que vén de moi lonxe, da memoria máis profunda, aquela que nos arrola a todos cunha gracia duradeira, eterna, infinita. Pero con esta carta quero axudarche a lembrar a responsabiblidade que adquirimos cada vez que alguén nos conta unha historia, e que tamén vale para as historias que lemos. Cada vez que somos admitidos a esa cerimonia máxica da narración, na que se nos entrega a palabra cunha xenerosidade e un desprendemento totais, sómolo coa intención de que nos convertamos en narradores desas mesmas historias, en xenerosos doadores da palabra, e así organizar a infinita areñeira de narradores que se van pasando os relatos a través do tempo e do espacio. Faino así e recibirás o pago de seres eterno, porque a túa palabra nunca perecerá.
Máis nada por esta. Unha forte aperta"


Do libro "Catro cartas", de Xabier P. DoCampo, ilustrado por Fino Lorenzo. En Anaya.

Queremos lembrar a Xabier P. Docampo con exposicións bibliográficas en todas as bibliotecas de Oleiros e convidar a todas-os nosas-os lectoras-es a que leven os seus libros en préstamo para gozar coa súa lectura.

26/6/18

Lembrando a Xabier P. DoCampo

O Concello de Oleiros, e en especial o persoal das bibliotecas municipais, mostra a súa tristeza polo falecemento do querido escritor Xabier P. DoCampo e manifestan as súas condolencias pola desaparición deste magnífico autor. Desexan expresar o seu agradecemento pola súa produción literaria, pola súa sempre disposta colaboración e por poder gozar da súa amizade.

Un dos escritores máis recoñecidos da literatura galega, un dos grandes renovadores da literatura infantil e xuvenil galega, que incorporou a numerosos lectores e lectoras con obras como: “O misterio das badaladas”, “A chave das noces”, “A casa da luz”, “Bolboretas”, “O país durminte”, “Catro cartas”, “O pazo baleiro”, “O país adormentado”, “A illa de todas as illas” ou “O libro das viaxes imaxinarias”. Recibiu numerosos premios, entre os que podemos destacar o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por “Cando petan na porta pola noite” ou o Premio de Narrativa da Gala do Libro de 2018 por “A nena do abrigo de astracán”.

Un autor que visitou moitas veces as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros e que sempre gustou e entusiasmou coa súa paixón pola lectura.

Un referente ético para todos/as, unha persoa que sempre defendeu a lingua e a cultura galega, fomentou a lectura e destacou o seu compromiso polo ensino público.

Prezado Xabier, sempre te teremos nos nosos corazóns.

Boletín novidades xuño 2018

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122717&name=DLFE-28523.pdf