31/10/13

Actividades de fomento da lectura 2013-2014

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16559.pdf
Un curso máis as Bibliotecas Municipais de Oleiros presentamos a Programación de actividades de fomento da lectura, dirixidas á poboación de Oleiros e ao alumnado dos centros de ensino público deste Concello, co fin de fomentar o gusto pola lectura e o amor polos libros, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos seus respectivos centros de ensino.
34 actividades diferentes para que seleccionen as que mellor se adaptan aos seus gustos e intereses;  a través das que poderán gozar con contacontos, espectáculos de música, baile, maxia, recitais de poesía e xogos de palabras; realizar obradoiros de ilustración, banda deseñada, poesía ou curtametraxes; ter encontros con escritores/as; visitar a biblioteca central  e aprender a realizar buscas no catálogo bibliográfico; coñecer quen foi e que escribiu, Xosé María Díaz Castro,  o escritor ao que se lle vai dedicar, no ano 2014, o Día das Letras Galegas; participar nos clubs de lectura infantís e xuvenís ou nas tertulias literarias para mozas/os e adultas/os; ou recorrer lugares do municipio nos que viviron mulleres e homes ilustres, como unha homenaxe a todos eles. Todas estas son actividades coas que fomentamos o acceso ao libro e á lectura en condicións de igualdade para todos os cidadáns e traballamos para conseguir novos e mellores lectores e lectoras que contribúan a crear unha sociedade máis culta libre e solidaria. 

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16559.pdf
- Obradoiro de curtametraxes: libros, imaxes, curtametraxes. Realización de curtametraxe a partir de textos de libros. Obradoiro creativo impartido polo xornalista e  director de documentais Xes Chapela.
 - Abrapalabra: espectáculo de maxia, poesía, contos e xogos de palabras coa  compañía Matapiollos Teatro.
-  Hip Hop poema pop, concerto e obradoiro interactivo de música, poesía, pintura e danza realizado por Modestos contos de Broadway.
-  Leixaprem, Martín Codax: un obradoiro de poesía, música e pintura a través do tempo (Século XIII - S. XXI). Unha actividade de creación poética a partir do poema de Martín Codax "Eno Sagrad´ en Vigo" (S. XIII), levado a cabo polo músico Juan Carlos Vázquez
XXIII Campaña de promoción da lectura: con contacontos da Compañía Trinke Trinke, Soledad Felloza, Paula Carballeira, Ramiro Neira, Caxoto ou Genma Pardo.
Contos terribles: contacontos teatralizado a cargo do actor e contador de contos Pablísimo
O cole de Lonxedetodo: contacontos teatralizado polo Rato Camifuco da Compañía Trinke Trinke
Viaxe a París: contacontos teatralizado pola artista Lilí Gruyère da Compañía Trinke Trinke
- Un conto de tres noites: contacontos a partir da adaptación desta obra de Xabier P. Docampo, a cargo do contador de contos Caxoto.
Xeografía do imaxinario: contos e lendas de tradición oral sobre mitoloxía e seres míticos de Galicia, a cargo da actriz e contadora de contos Soledad Felloza.
- Obradoiro Instantáneas de plastilina: obradoiro de creación de personaxes con plastilina. Introdución ao volume co modelado de personaxes e a creación dunha pequena escenografía a partir dunha historia coñecida ou unha creada nese momento, a cargo da monitora María Noel Toledo

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16559.pdf

- Obradoiros de ilustración: realizaranse talleres de ilustración a través dos cales as nenas e os nenos poidan analizar distintos tipos de ilustracións e dar a coñecer diferentes ilustradoras e ilustradores galegos. Contrataranse ilustradores/as  en función das programacións cos centros de ensino: Marina Seoane, Xosé Tomás, Fran Bueno, Óscar Villán, Marisa Irimia, etc.
- Talleres de banda deseñada: levaranse a cabo talleres de banda deseñada para que aprendan os aspectos básicos do cómic. Contrataranse ilustradores/as  en función das programacións cos centros de ensino: Xosé TomásFran Bueno, Manel Cráneo, etc.
- Encontros con escritores/as: encontros literarios con escritores e escritoras, para dar a coñecer e promover aos nosos autores e autoras e as súas obras. Realizarase a actividade en función das programacións e do autor/a que solicite cada centro de ensino.
- A extracción da poesía: obradoiro de poesía xa escrita. A través de técnicas de collage, poesía visual, ilusións óptico-poéticas, puzzlepoesía, autoría colectiva e, a partir do xa escrito, descubrimos a poesía e extraemos novos poemas e lecturas mesturando a palabra coa imaxe (fotografía, publicidade, pintura), traballando os conceptos de fondo e forma,  coa escritora Emma Pedreira.
- Obradoiro infantil de poesía: obradoiro de iniciación lúdica á linguaxe poética, dedicado a aqueles nenos e nenas que comezan a manifestar un gusto polas letras, unha imaxinación creativa e unha vontade de xogar coas palabras. Dunha maneira desenfadada e moi activa, xogarase a crear metáforas a partir da realidade circundante, imaxinarlle novas calidades a obxectos, a cargo da poeta Yolanda Castaño.
- Obradoiro xuvenil de poesía: traballarase tanto con prácticas de estimulación creativa como reforzándoas a partir de textos que conecten co seu mundo. O amor, o erotismo, a dor, a carraxe ou a liberdade son eixos temáticos que proporcionan, á vez, campos aboados para a experimentación poética, levado a cabo pola poeta Yolanda Castaño.
- O corazón delator e outros contos: historias de Edgar Allan Poe, cun breve percorrido polos contos máis representativos do autor que revolucionou a literatura gótica, cos seus relatos de medo e terror psicolóxico. Historias de persoas aparentemente normais, sinxelas, de vidas case grises, que se ven envoltas en acontecementos fantásticos, sobrenaturais ou fatídicos, que os levan a situacións límites,  coa actriz Soledad Felloza.
- Contos de candil que ninguén cre: contacontos baseado nas obras  Á lus do candil,  Contos da néboa e Historias que ninguén cre  de Ánxel Fole, por Artestudio Teatro.
Un conto de Nadal: contacontos baseado na célebre obra de Charles Dickens, a cargo da actriz Soledad Felloza.
- “La voz a ti debida”: recital de diferentes poesías desta obra de Pedro Salinas. A autenticidade, a beleza e o enxeño, os tres alicerces da poesía en que cría don Pedro Salinas, fanse verso e voz neste libro,  pola actriz Soledad Felloza.
- Visitas guiadas á Biblioteca Central Rialeda: con esta actividade preténdese ensinar e explicar o funcionamento da Biblioteca Central Rialeda, para que o alumnado a utilice fóra do seu horario escolar, presentar a páxina web municipal, o blog das bibliotecas e aprender a realizar buscas no catálogo. Esta actividade está levada a cabo polo persoal das bibliotecas e finaliza cun contacontos titulado Feirantes a cargo do actor e contador de contos Ramiro Neira. Realizado a partir da adaptación dun relato da obra Os outros feirantes de Álvaro Cunqueiro.
- A favor da igualdade. Conmemoración do día internacional da muller: realización de exposicións bibliográficas na Biblioteca Central Rialeda  e na Biblioteca Pública Municipal e Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro de Santa Cruz, conferencias e outras actividades sobre temas relacionados coa muller.
- “Príncipas e princesos”: divertida reflexión sobre a igualdade.  Espectáculo de narración oral interactivo con contos tradicionais e contemporáneos contados con kamishibai, monicreques de variña e música, a cargo do actor Pablísimo.
- Contos contados con todas e todos: contacontos no que se tratan os relatos desde un punto de vista non sexista, desmontando moitos mitos adquiridos e facendo reflexionar a todas as nenas e nenos. As personaxes comprenden a importancia da igualdade de xénero, desempeñan roles non moi usuais ... ensinan que todas e todos debemos ter as mesmas oportunidades, a cargo do contador de contos Caxoto.
- Mulleres que corren con lobos: recital de lendas baseado na recompilación de Clarissa Pinkola, interpretado por Inés Cuadrado, con acompañamento en clarinete de Xocas Meijide.
- Conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil: exposición de obras de literatura infantil e xuvenil e contacontos teatralizado titulado Contos con ovos, un espectáculo de narración oral, adiviñas, xogos de palabras, obxectos e bonecos a cargo do actor Pablísimo.
- Conmemoración do Día do Libro: mostra de diversas edicións da obra de “El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha”, exposición doutras obras de Miguel de Cervantes Saavedra, exposición de obras de autores/as que recibiran o Premio Cervantes e o espectáculo “Las Ingeniosas del hidalgo: El Quijote en voces de mujeres”  no que a actriz Soledad Felloza relata varios monólogos curtos nos que se dramatizan diferentes personaxes femininos da obra de Cervantes. Narra diversos capítulos de “El Quijote” nos que as mulleres teñen certo protagonismo.
- Conmemoración do Día das Letras Galegas: co obxectivo de achegar a figura e a obra de Xosé María Díaz Castro realizarase unha mostra de fondos bibliográficos de e sobre Xosé María Díaz Castro e para lembrar obras e escritores/as aos que se lles dedicase o Día das Letras Galegas levarase a cabo unha exposición de literatura galega, ademais dunha charla-coloquio sobre Xosé María Díaz Castro a cargo do profesor,  escritor e crítico literario Armando Requeixo, na que se comentarán os aspectos biográficos máis significativos deste autor, así como a importancia e características fundamentais da súa obra.
- Guías de lectura e recomendacións bibliográficas: recomendacións de obras pola súa calidade literaria, artística ou científica, infantís, xuvenís e de adultos. Relacións de libros, DVD, CD, por idades, temas ou contidos para difundir a súa lectura e tamén para suxerir como un bo agasallo.
- Club de Lectura Infantil e Xuvenil Rialeda: é unha actividade libre na que poden participar nenas e nenos a partir de 9 anos e adolescentes, onde se len ou comentan diferentes libros, coa que pretendemos fomentar a lectura, animar a ler, que se divirtan coa literatura, que o pasen ben e, en definitiva, formar boas lectoras e lectores.
- Hora do conto e narración de contos: actividade que se realiza en todas as bibliotecas municipais, para nenas e nenos menores de 10 anos, a través da narración ou dramatización dun ou varios contos, cun enfoque lúdico e cunha vivencia activa e participativa cos libros.
- Talleres de lectura e tertulias literarias para mozas/os e adultas/os: consiste no comentario dun libro, fundamentalmente do xénero narrativo, pero tamén se procura ler teatro, poesía e ensaio. Este libro é facilitado, previamente, pola biblioteca ás persoas participantes para que o lean. Dependendo de como sexa o libro coméntase o argumento, recursos literarios, tema que trata ou con que está relacionado, etc. Unha monitora e o persoal da biblioteca dirixen a actividade facilitan material complementario (artigos de prensa, entrevistas, películas, bibliografías, etc.) para o seu desenvolvemento.

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16559.pdf
- Roteiro cultural e literario: esta actividade organízase entre o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais, o Servizo de Normalización Lingüística e o IES Miraflores. Consiste no recorrido por distintos lugares do municipio nos que viviron diferentes mulleres e homes ilustres, como unha homenaxe a todos eles. Este curso comezamos en Dorneda, no antigo Pazo de Xaz, co ilustrado liberal e xornalista Manuel Pardo de Andrade, trasladámonos a Montrove onde naceu a matemática María Wonenburger, posteriormente desprazámonos a Oleiros onde traballou o escritor Manuel Lugrís Freire.

28/10/13

“Se de medo queres tremer mira ben o que vas a ler”: expo sobre o Samaín na Biblioteca de Santa Cruz, na de Montrove e Rialeda

Na Biblioteca "Rosalía de Castro" de Santa Cruz, Biblioteca "Federico García Lorca" de Montrove e Biblioteca Central Rialeda de Perillo, poderás atopar material relacionado co Samaín: as cabazas, as caveiras, bruxas e personaxes do Outromundo que che farán tremer pero que non poderás deixar de ler.
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=19787Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas clave para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do Outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas.

Tertulia literaria en Rialeda: 30 de outubro (Grupo A)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentario da obra "Amor de Artur" de Xosé Luis Méndez Ferrín
Documentación
Obras de Xosé Luis Méndez Ferrín nas nosas bibliotecas.

 Nesta sesión contaremos coa presenza da profesora e catedrática de lingua e literatura galega Rosa García Vilariño.

A seguinte obra programada é "La gran casa" de Nicole Krauss.

25/10/13

28 de outubro: Visitas do alumnado do IES Mosteirón á Biblioteca Central Rialeda

O día 28 de outubro recibiremos na Biblioteca Central Rialeda ao alumnado de 1ºe 2º de ESO do IES O Mosteirón.

- 8,45 h.: 1º ESO
- 12,00 h.: 2º ESO

Explicaráselles a historia do edificio, coñecendo as diferentes salas e servizos, xunto cunha demostración audiovisual sobre o funcionamento do catálogo.

Ao remate da visita, o actor Ramiro Neira de Artestudio Teatro realizará unha dramatización baseada nos relatos de Álvaro Cunqueiro.

Aviso importante: o 2º andar da biblioteca (Sala de audiovisuais e ordenadores) verá restrinxido o seu uso durante a visita do alumnado.

Recomendacións en Radioleiros: 25 de outubro

- Adolescentes (a partir de 12 anos): 
"La isla de Bowen" de César Mallorquí, editado por Edebé. Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2013, Premio Edebé de Literatura Juvenil 2012, Lista de Honor do IBBY, Premio El Templo de las Mil Puertas. 
Esta obra trasládanos ao ano 1920 en Noruega, o mariñeiro inglés Jeremiah Perkins, tripulante do vapor Britannia, foi asasinado. A policía interroga ao práctico do porto que o único que puido dicir, segundo a documentación, foi que o barco pasara o inverno ártico nunha illa case deserta perdida na fin do mundo, a menos de mil quilómetros do Polo Norte e que o Britannia fora a este porto para buscar provisións e volver á mesma illa. Pero o mariñeiro Perkins, antes de morrer, enviou un pequeno paquete a Lady Elisabeth Faraday.
O fotógrafo Samuel Durango, despois de ver un anuncio na prensa, decidiu unirse á expedición científica do profesor Ulises Zarco, director da sociedade xeográfica SIGMA.  Nela tamén irían, ademais do profesor Zarco e o fotógrafo, o axudante Adrián Cairo, o capitán Gabriel Verne e toda a súa tripulación, o químico García e dúas señoras inglesas (Elisabeth Faraday e a súa filla Katherine Foggart) e debían dirixirse, no navío Saint Michael,  á Illa de Bowen, máis aló do Círculo Polar Ártico...
Unha magnífica e fermosa obra de viaxes, aventuras e misterio, sen esquecerse dunha pequena historia de amor, que nos levará a unha travesía chea de sorpresas.
É de destacar que o capitán se chame Gabriel Verne, unha homenaxe a Julio Verne (que se chamaba Jules Gabriel Verne) por parte do autor,  ademais de menciónarnos varias veces ao Capitán Nemo e o seu Nautilus. No libro tamén nos fala da obra “El mundo perdido” de Conan Doyle. 
- Mozos-as e adultos-as:
"Intemperie" de Jesús Carrasco, en Seix Barral.
Narra a fuxida da súa casa dun adolescente a través da España central, nun país castigado pola seca e gobernado pola violencia. Un neno escapa da súa casa e agáchase nun burato
nas aforas do pobo, na zona das oliveiras. A maioría dos homes saen a buscalo. Non o atopan. Esperou ata o atardecer para saír do seu agocho. Despois de beber e comer algo das provisións que levaba no morral, no medio da noite púxose a camiñar en dirección ao norte tratando de evitar os sendeiros. Camiñando cara ao norte afastábase do pobo, do alguacil e de seu pai. Nese camiñar atópase a un pastor que o acolle e lle axudará...
Segundo transcorre a narración o autor vainos presentando unha paisaxe seca, árida, sen auga e con moi poucas árbores, baixo un clima duro, caloroso, sufocante, no que ten que sobrevivir á intemperie, como moi ben nos indica o título. Moitas persoas comparan a este autor con Miguel Delibes debido ao protagonismo e á importancia da paisaxe. Descoñecemos o nome dos personaxes, incluso o do protagonista, preséntanolos como: chico, pastor ou cabreiro, alguacil ...
Un excelente e conmovedor relato, cunha linguaxe sobria, na que a presenza da natureza é fundamental.
Intemperie é o debut literario de Jesús Carrasco, pero editores de trece países xa se puxeron de acordo para publicar simultaneamente esta obra.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


Hora do conto: de 28 a 31 de outubro

Salvo indicación, todos os actos terán lugar ás 18,30 h.
Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda
Luns 28 de outubro
CONTACONTOS: Marisa Irimia
TÍTULOS:  "A ovella negra", "O meniño Nito", "Miña tía é verde"
Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros
Martes 29 de outubro
CONTACONTOS: Caxoto
TÍTULOS:  “Unha melodía doutro mundo”: “Sabela na granxa”,

“Bailaches Carolina”
Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz
Mércores 30 de outubro
CONTACONTOS: Paula Carballeira
TÍTULOS: "Unine", "A vaca, a cabra e o can"
Biblioteca Central "Rialeda". Perillo
Xoves 31 de outubro
CONTACONTOS: Soledad Felloza
TÍTULOS: "Contos para nenas e nenos valentes” 
(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente)

21/10/13

Día da Biblioteca, 24 de outubro: celébrao connosco durante esta semana

O día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, co obxectivo de difundir a existencia dun servizo público de proximidade ao cidadán que contribúe de xeito eficaz a facilitar o acceso ao coñecemento a todas as persoas.
Para conmemorar esta data, nas Bibliotecas Municipais de Oleiros levaranse a cabo unha serie de actividades entre as que destacamos as seguintes:
BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA. PERILLO
Para mozas/os e adultas/os:
Uva e tinta: libros e películas na estación das vendimas: Selección de cine e literatura que ofrecemos para compracer os padais neste outono. Cátaos!
Outono e outras historias:
Exposición de películas con temática outonal. Unhas nas que o outono é o protagonista, outras cun tempo, cores ou luces outonais,  hainas tamén con romances de personaxes maduros, policiais, misterio ou terror...
Sobre sorpresa:
Suxerimos unha “cita a cegas” con diversos libros, discos ou películas, baixo  títulos ficticios como: “Menos é máis...”, “All that Jazz...”, “Voy cruzando el río...”, “Viaxes...”, “Bon appétit!!!...” etc. Queremos "xogar" coa curiosidade do lector ou lectora que leve o "sobre sorpresa" en préstamo e contar coa súa complicidade.
Para nenas e nenos:
O día 24, ás 18:30 horas terá lugar a Hora do conto a cargo de Pablísimo que contará “Ras!: contos batracios”.
Para todas/os:
Agasallo dun libro a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.    

@bibloleiros: o 24 de outubro,  Día da Biblioteca, comezarán a "piar" as bibliotecas municipais de Oleiros na rede social twitter. Faremos o noso primeiro chío (tuit) neste servizo de microblogging. Daremos a coñecer as nosas actividades, convocatorias, programacións e todas aquelas novas que consideremos de interese.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ROSALÍA DE CASTRO. SANTA CRUZ
O día 23, A Compañía Trinke Trinke na actividade da Hora do conto  realizará un contacontos teatralizado titulado “O cole de Lonxedetodo”.
Os teus debuxos: As nenas e nenos que o desexen están convidados a realizar unha ilustración ou un debuxo sobre o último libro que leron.
Cal é a túa opinión sobre o último libro que liches:
Aos mozos/as e adultos/as preguntarémoslle a súa opinión sobre o último libro que leron.
Sorteo de libros a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ÁNXEL FOLE. NÓS
O día 18, a actriz Soledad Felloza na Hora do conto narrará "La escoba de la viuda”, “¡Shrek!”, “Yo mataré monstruos por ti”.
Obradoiro de marcapáxinas:  Cada usuario/a decorará un marcapáxinas ofrecido pola biblioteca. 
Exposición de marcapáxinas: Todos os marcapáxinas realizados no obradoiro serán expostos nos taboleiros da biblioteca.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ TRINCADO. MERA
O día 25, o actor Ramiro Neira na Hora do conto, narrará os contos titulados: “A granxa”, “A aposta “ e “O cubo de leite”.
Obradoiro de marcapáxinas: As nenas e nenos que o desexen están invitados a  pintar e decorar os marcapáxinas do Día da Biblioteca. Os máis creativos tamén poderán elaborar os seus propios marcadores coa axuda dos libros de manualidades que temos na biblioteca.
Libro de agasallo: Todas as persoas que ese día  se fagan socias ou  leven algún fondo bibliográfico en préstamo recibirán un libro de agasallo.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL XOGRAR MENDIÑO. LORBÉ
O día 23, o actor Ramiro Neira  na Hora do conto contará “Quero unha fantasma”, “Bolboretas”, “Preparados, listos, xa”.
Concurso de debuxos: “Ti e a biblioteca”, dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. 
Obradoiro de marcapáxinas: Para usuarios/as de entre 3 a 14 anos.
Agasallo dun pin de Bibloleiros
  a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL FEDERICO GARCÍA LORCA. MONTROVE
O día 22, a actriz Paula Carballeira na Hora do conto narrará “Contos de Cabo Verde”.
Bibliotecas cheas de libros e libros cheos de bibliotecas:
Exposición de fondos bibliográficos especiais que falen das bibliotecas ou nos que algún personaxe é bibliotecario/a.
Agasallo dun libro a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ RUSO. DORNEDA
O día 28, a contadora Marisa Irimia na Hora do conto narrará  "A ovella negra", "O meniño Nito", "Miña tía é verde".
Realiza o encrucillado: a biblioteca e o seu contido: Entregaremos pasatempos, (encrucillados, sopa de letras...) que deberán resolver para atopar nuns casos a palabra oculta e noutros as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.
Exposición bibliográfica: para ler e encantar
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL MANUEL MARÍA. OLEIROS
O día 29, o contador Caxoto na Hora do conto narrará  “Unha melodía doutro mundo”.
 
Realiza o encrucillado: a biblioteca e o seu contido: Entregaremos pasatempos, (encrucillados, sopa de letras...) que deberán resolver para atopar nuns casos a palabra oculta e noutros as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.
Os teus debuxos: Todas as nenas e nenos que o desexen están invitados a realizar unha ilustración ou un debuxo sobre o último libro que leron.
Elabora un cartel: Elaboración de carteis alusivos á celebración.

18/10/13

Hora do conto: de 22 a 25 de outubro

Salvo indicación, todos os actos terán lugar ás 18,30 h.
Biblioteca Pública Municipal "Federico García Lorca". Montrove
Martes 22 de outubro
CONTACONTOS: Paula Carballeira
TÍTULOS:  “Contos de Cabo Verde”
Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz
Mércores 23 de outubro
CONTACONTOS: Gato Camifuco da Compañía Trinke Trinke
TÍTULOS: O cole de Lonxedetodo: “Matías debuxa o sol”, “As curuxiñas”

Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño". Lorbé
Mércores 23 de outubro
CONTACONTOS: Ramiro Neira
TÍTULOS: “Quero unha fantasma”, “Bolboretas”, “Preparados, listos, xa” 

Biblioteca Central "Rialeda". Perillo
Xoves 24 de outubro
CONTACONTOS: Pablísimo
TÍTULOS: “Ras!: contos batracios”        
Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera
Venres 25 de outubro
CONTACONTOS: Ramiro Neira
TÍTULOS: “A granxa”, “A aposta “, “O cubo de leite”
(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente)

Recomendacións en Radioleiros: 18 de outubro

- Infantil:
 
Un paseo con el señor Gaudí, de Pau Estrada
Juventud

Percorrido biográfico artístico pola vida e obra de Gaudí, un dos arquitectos máis influíntes desde finais do XIX. Ilustracións do mesmo autor que fan deste libro unha opción interesante tanto para nenos como para adultos no contido e na propia presentación estética. Reseña final moi completa sobre Gaudí. 
 
- Moz@s e Adult@s: 
 
 
Considerada unha xornalista especializada na cultura pop británica, Caitlin Moran ofrécenos unha mestura entre libro de memorias e manifesto feminista con grandes doses de ironía. A depilación, o sobrepeso, os tacóns, as vodas, o aborto pasan por este libro nunha reflexión sobre o feito de ser muller na Grande Bretaña de hoxe. Bon aparello de notas da tradutora Marta Salís.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

21 outubro: Inicio tempada Tertulia Literaria na Biblioteca de Santa Cruz

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro"
Hora: 18,30 a 20 h.

Comenzamos o 1º trimestre coa seguinte programación:


Datas:
- Outubro: día 21
- Novembro: días 4 e 18
- Decembro: días 2 e 16

Pode apuntarse á actividade:
- Persoalmente na Biblioteca de Santa Cruz.
- Por teléfono (981 626 338) no horario da biblioteca.


Nestes intres o grupo está completo, polo tanto as/os interesada/os pasarán a formar parte da lista de espera.

As Bibliotecas homenaxean a Clara Sánchez e César Mallorquí


Nacéu en Guadalajara o 1 de marzo de 1955. Trasladouse a Madrid, onde reside, e licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidad Complutense. Adicouse durante anos ao ensino universitario, ata que se volcou de cheo á profesión de escritora. Participou no programa de televisión Qué grande es el cine, ademáis de colaboracións noutros medios como o xornal El País e a revista literaria El urogallo.

Obras de Clara Sánchez nas nosas bibliotecas
- Últimas noticias del paraíso (2000) - Premio Alfaguara 2000
- Presentimientos (2008)
- Lo que esconde tu nombre - Premio Nadal 2010 , Premio Mandarache 2013

César Mallorquí, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2013

O escritor barcelonés César Mallorquí gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa obra La isla de Bowen. O premio dotado con 20.000€, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes para distinguir o traballo dun autor español, escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e publicado en España en 2012

La isla de Bowen é unha historia de aventuras no estilo de Verne e Conan Doyle, con illas misteriosas, homicidios, minerais preciosos, heroes e manuscritos medievais. Mallorquí con esta novela foi galardoado co Premio Edebé 2012.

Obras de César Mallorquí nas nosas bibliotecas 
- La catedral (2000)
- La piedra inca (2005)
- La mansión Dax (2005)
- Leonis (2011)



En todas as Bibliotecas Municipais do Concello de Oleiros presentámosche diferentes mostras coas obras dispoñibles de ambos autores. Non chas perdas!

17/10/13

Outono e outras historias: guía de cine na Biblioteca Central Rialeda

Sensacións brumosas, romances tardíos, cores e ventos de outono, todo esto e máis podes atopalo nesta selección de títulos en dvd que che ofrecemos no 2º andar da Biblioteca Central Rialeda.

Pincha sobre a imaxe para descargar a guía.

15/10/13

Uva e tinta: libros e películas na estación das vendimas

Miles de mans colleitaron xa os acios acugulados que algún día se convertirán en caldos suculentos. Uva e tinta: libros e películas (con toques delicados, notas saborosas, aromas punxentes) na estación das vendimas, é unha selección de cine e literatura que vos ofrecemos na Biblioteca Central Rialeda para compracer os padais neste outono. Cátaos!

14/10/13

Alice Munro: Nobel de Literatura 2013

A escritora Alice Munro foi galardonada co Premio Nobel de Literatura 2013
"Desta mestra do relato breve apréciase o seu ben afinado arte de narrar historias curtas, caracterizado por un estilo claro e un realismo psicolóxico. Algúns considerárona como unha Chéjov canadiana. As súas narracións desenvólvense con frecuencia en pequenas cidades de provincias onde a loita das persoas por unha existencia decente causa a menudo dificultades nas súas relacións e conflitos morais, problemas que teñen a súa orixe en diferencias xeracionais ou ambicións vitais contrapostas. Hai a miúdo nos seus textos descricións de acontecementos cotiáns pero decisivos, unha especie de epifanías, que botan luz sobre a narración que as rodea e permiten que cuestións existenciais aparezan de súpeto como iluminadas pola luz dun lóstrego". (Palabras obtidas da web oficial dos Premios Nobel)

PARABÉNS ALICE!!!