19/10/20

Premio Nacional de Poesía 2020: Parabéns, Olga!

A poeta lucense Olga Novo Presa (Vilarmao, 1975) foi galardoada co Premio Nacional de Poesía que concede o Ministerio de Cultura y Deporte.

A obra escollida polo xurado é "Feliz idade", que considera "un relato vitalista que celebra el amor y la existencia más allá del tiempo. El libro es una criatura viva que relaciona la maternidad y la muerte con una profunda presencia crítica de la memoria histórica".

Igualmente destaca que "la voz poética de Olga Novo, inconfundible y de gran potencia, conjuga autenticidad y verdad, y se distingue por su lenguaje visionario que trae a la contemporaneidad el eco ancestral de toda una tradición literaria"

"Feliz idade" recibiu no mes de maio o Premio da V Gala do Libro Galego 2020.

Olga Novo é doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. É autora dunha obra de gran vitalidade telúrica, marcada polo feminismo, a memoria do rural co seu progresivo abandono e o erotismo, todo elo nunha proposta surrealista radical e libertaria.

Anteriormente foi galardoada co Premio Losada Diéguez de Creación no ano 1997 polo seu segundo poemario "Nós nus" e co Premio da Crítica Española pola súa obra "Cráter".

Compaxina a docencia no Ensino Secundario coas labouras de creación literaria. Ademáis da súa obra individual, publicou "Magnalia" en colaboración co poeta Xoán Abeleira e a pintora Alexandra Domínguez e "Monocromos" co pintor Concetto Pozzati. Tamén ten colaborado en revistas e antoloxías.

Desde o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros queremos sumarnos a este grande recoñecemento á autora e á literatura na nosa lingua, animando a todas e todos a disfrutar da súa lírica a través das obras dispoñibles e expostas nos nosos centros:

- A cousa vermella (Espiral Maior, 2004)
- Cráter (Toxosoutos, 2011)
- Feliz idade (Faktoría K de Libros, 2019)
- Magnalia: auga, terra, lume, ar (Espiral Maior, 2001)
- Nós nus (Xerais, 1997)

Outras colaboracións:
- Por un vocabulario galego do sexo: a terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer. Edición de Olga Novo (Edicións Positivas, 1996)
- Unha tempada no paraíso, de Claudio Rodríguez Fer, con limiar a cargo de Olga Novo (Toxosoutos, 2010)
- Vivimos no ciclo das erofanías, de Yolanda Castaño, con limiar de Olga Novo (Espiral Maior, 1998)

Parabéns, Olga!!! 

fontes: nosdiario.gal, eldiario.es, axendacultural.aelg.gal, crebas.gal

No hay comentarios:

Publicar un comentario