23/10/15

Recomendacións en Radioleiros: 23 de outubro

 http://www.ipernity.com/doc/284673/40134884/in/album/748070
- Xuvenil:
"Escarlatina, a cociñeira defunta" texto de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Rivas, en Xerais.

Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil 2014, Premio Fervenzas Literarias á Mellor Portada de LIX 2014, Premio Neira Vilas ao mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 2015.

Unha divertida obra que nos presenta a Román Casas, un neno de 10 anos, que quería ser
 http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-search.pl?q=Escarlatina%2C+a+coci%C3%B1eira+defunta&idx=ti
chef. Cando cumpriu 10 anos pediulles a seus pais de agasallo un curso de cociña. Como o seu aniversario é o 2 de novembro, sempre coincide co Día de Defuntos, e todos os anos ten que acompañalos na visita ao cemiterio, algo que non lle apetece nada. Pero este ano non tivo que ir debido a que un mensaxeiro ía traer o seu regalo de aniversario e era necesario que alguén quedase na casa para recollelo. Cando o abriu levou un gran susto, porque era un agasallo especial, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, unha horrorosa, grande e peluda araña. A bordo do mortobús, viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos seus terroríficos esbirros...

Non só se van divertir lendo esta estupenda obra, senón que tamén poderán realizar e saborear riquísimas receitas, mesturadas dun humor macabro que esperta o gusto pola lectura e pola cociña e poderán coñecer o Aquén, ou mundo dos vivos e o Alén, ou o mundo dos defuntos.
 
Un delicioso libro que presenta valores como a tolerancia ou a amizade e que desmitifica a morte ao presentarnos o avó de Román, xa falecido, como un auténtico piloto de carreiras, feliz de vivir no Inframundo.
Este entretido texto está acompañado dunhas ilustracións totalmente acaídas, con tétricas imaxes.
 
O xurado do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil di que é “unha obra extraordinaria, humorística e rompedora no contexto da literatura infantil e xuvenil actual que destaca tamén pola súa fácil lectura, polo seu humor arrepiante, e pola habilidade para desmitificar o mundo da morte”.
Orixinal e divertido libro que recomendamos para adolescentes a partir de 11 anos, que nos fala da necesidade de “perseguir os soños e pelexar por aquilo no que un cre e non renderse xamais fronte as adversidades”.


- Mozos-as e adultos-as:
"La felicidad conyugal" de Lev Tolstói, traducido do ruso por Selma Ancira, editado por Acantilado.

Unha novela escrita  entre  1858 e 1859 que trata sobre o amor e o matrimonio. Céntrase no que o autor denomina amor verdadeiro, que é aquel que non está baseado unicamente na paixón. 
Transcorre na Rusia do século XIX  e narra a historia de Masha e Serguéi. Masha é unha
http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=117150
moza de 17 anos que se namora do seu titor. Ela é máis nova ca el, pero entre ambos xorde o amor e casan. Ao principio, mentres que residen no campo, transcorren tempos felices, pero os problemas comezarán cando marchan a vivir a San Petersburgo. O éxito de Masha na vida da alta sociedade provoca os celos do seu home e a alteración da felicidade conxugal. A relación deteriórase, aínda que grazas á honestidade dos dous, o matrimonio resistirá.
Podemos contemplar o namoramento destas dúas persoas, a ledicia e a ilusión dos primeiros momentos, pero tamén, as primeiras decepcións que darán paso ao verdadeiro amor.
Tolstói escribiu esta obra tres anos antes da súa voda coa súa futura esposa Sofía, e igual que na novela, el, un home maduro, casa cun moza nova.

Neste libro podemos admirar os magníficos retratos psicolóxicos dos personaxes e a preocupación do autor polas clases populares. Masha será a protagonista principal e a que irá narrando os acontecementos: a paixón dos primeiros momentos e a posterior relación de dúas persoas diferentes, un home maior decepcionado e unha moza nova que descubre a vida mundana e superficial de San Petersburgo (que tanto detestaba o escritor) e a súa evolución posterior.
Estamos ante un libro de só 173 páxinas, pero co que poderemos gozar da destreza narrativa deste escritor universal. 

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario