1/10/12

Recomendacións en Radioleiros: 28 de setembro

- Infantil (nenos-as de 10 anos en adiante):
"Mundo Arb" de Manuel Lourenzo González en SM Xerme, Premio O Barco de Vapor 2011
A comunidade ARB está formada por seres humanos que habitan nas pólas das árbores. Estes seres, denominados arborenses, están convencidos de que non existe outro mundo máis que o deles, ata que un día, un grupo de mozos decidíu emprender unha viaxe que os levará lonxe da súa terra e na que realizarán un descubrimento especial que cambiará a vida do seu pobo para sempre.
Mundo Arb é un relato de viaxes e aventuras, que defende a natureza e o deber de conservala, pero tamén unha homenaxe á loita polo coñecemento humano e á amizade.
- Mozos-as e adultos-as:
"El ruido de las cosas al caer" de Juan Gabriel Vásquez en Alfaguara, Premio Alfaguara de Novela 2011 e Finalista ao Premio Médicis 2012
Na Colombia de 1994 a 1996, Antonio Yammara coñece a Ricardo Laverde xogando ao billar e axiña sabe que estivera preso uns 20 anos. Yammara comeza a interesarse por el, e ese interese convértese en obsesión o día en que é asasinado, momento no que tamén Yammara queda ferido grave. Unha vez que se recupera, empeza unha investigación que o trasladará aos anos 70, cando unha xeración de mozos e mozas foi testemuña da aparición dun negocio delituoso que traería problemas mundiais: o narcotráfico.
O título da obra refírese ao ruído das bolas no billar, ao ruído que producen os avións ao caer, xa que a vida do protagonista está marcada por avións que caeron accidentalmente e segundo nos di o autor, tamén é unha metáfora de como cae a vida da xente, os seus proxectos familiares e todo un país dominado pola droga.
O tema principal é a historia dunha amizade frustrada, xunto cunha historia de amor en tempos convulsos, e, como nos di a editorial, unha radiografía dunha xeración atrapada polo medo.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario