- Xuvenil (a partir de 14 anos):
Centauros do norte, de Marcos Calveiro
Editado por Rodeira
O seu protagonista chámase Rafael e só ten 16 anos. É músico e abandonara México hai case un ano, despois de que unha partida de “colorados” mataran a seu pai. Despois de viaxar nun vagón baleiro dun tren, entrou en EEUU na vila de El Paso. Logo achou traballo e polas noites acudía a tocar coa súa corneta a algunhas cantinas e garitos onde gañaba algúns dólares que lle permitirían tomar rumbo a California. Foi nun deses lugares onde coñeceu a Pancho Villa. Ao cabo dun tempo propúxolle que volvese con el a México para facer a revolución. Eran os derradeiros días do mes de abril de 1913 e regresaban a México para conquistalo.
Engaiolante libro que nos fala de loita, vinganza e paixón. A loita propia da revolución, a vinganza dun rapaz que se debate entre o seu desexo de vingarse (asasinaran ao seu pai) e o seu respecto pola vida e a paixón na historia de amor que se desenvolve entre Rafael e Reina Huarte. Asistimos á evolución de Rafael e Reina, de idades similares pero con maneiras distintas de ver o mundo e de reaccionar ante el.
Centauros do norte é unha fermosa novela que coa súa forza literaria consigue introducirnos na revolución mexicana e retratarnos a vida de diferentes personaxes, algúns baseados en persoas reais e outros inventados polo autor.
Premio Raíña Lupa no ano 2010.
- Para mozos/as e adultos/as:
Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo
Editado por Biblos
Unha edición revisada da sua primeira obra titulada Valentín Paz-Andrade, a memoria do século e publicada en Ediciós do Castro no ano 1998.
Este libro parte das preguntas realizadas por Tucho Calvo a Valentín Paz-Andrade nunha longa entrevista levada a cabo nos anos oitenta. Como nos di na contraportada, neste longo diálogo narra as vivencias desta persoa que tivo unha importante presenza non só na política galega, senón tamén na cultura e no mundo empresarial.
Valentín Paz-Andrade, foi un avogado de prestixio, director do periódico “Galicia”, dirixente do Partido Galeguista. Candidato ás Cortes Constituíntes en 1931, xunto a Castelao, colaborou una redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia presentado polo Seminario de Estudos Galegos. Debido aos seus artigos e ás súas posicións políticas foi perseguido e represaliado tanto nos primeiros anos da guerra como na posguerra. Director da revista “Industrias pesqueras”. Un dos impulsores de Pescanova, da que foi vicepresidente. Traballou como técnico da FAO e xa en 1960 alertou dos perigos das 200 millas para as flotas españolas e foi o primeiro especialista español proposto por esta organización para misións internacionais en Hispanoamérica. Formou parte da “Comisión dos Dez” (Comisión negociadora da Oposición Democrática) representando a Galicia. Elixido senador por Pontevedra nas eleccións de 1977, por Candidatura Democrática Galega. Foi membro da Real Academia Galega e da Academia Galega das Ciencias.
En palabras de Xosé Díaz, que é quen fai a introdución da obra “Valentín é un referente icónico da loita por unha Galicia próspera e dona do seu destino.”
Cando Tucho Calvo lle pregunta a Valentín polo seu ensaio titulado “Galicia como tarea”, el contéstalle que “é o momento de pasar da denuncia lírica á construción dun pensamento socio-económico”.
Coa lectura deste libro poderá verse a versión da historia de Galicia do século XX segundo un dos seus grandes protagonistas.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario