1/3/23

Case que 3000 alumnos-as dos centros de ensino de Oleiros participarán nas actividades de fomento da lectura nas Bibliotecas Municipais

Un curso máis as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organizan a Programación de actividades de fomento da lectura dirixidas ao alumnado dos centros de ensino deste Concello, co obxectivo de fomentar a lectura, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos seus respectivos centros de ensino.
Levaranse a cabo na Biblioteca Central Rialeda (perillo), na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), no Teatro As Torres e na Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros). 
 
Comezarase o 1 de marzo e realizaranse ata finais de maio. Serán 148 sesións e nelas participarán cerca de 3000 alumnas-os de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato, acompañados do seu profesorado.
No dossier presentado aos centros de ensino figuran 35 actividades diferentes, das que o profesorado de cada un dos centros de Oleiros seleccionou un total de 19, que son as que mellor se adaptan á súa programación escolar. En función da idade, do curso que estean realizando e da escolla de cada profesor ou profesora, o alumnado poderá visitar a Biblioteca Central Rialeda, recrearse con contacontos e a narración de historias, achegarse á mitoloxía e coñecer algo da construción da Torre de Hércules, divertirse con espectáculos musicais, gozar con pezas de teatro, deleitarse coa poesía, coñecer a produción literaria de autores-as como Rosalía de Castro, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Álvaro Cunqueiro, Julio Cortázar, Yolanda Castaño e Francisco Fernández del Riego, que é o escritor homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas, etc.
 
Algunhas das actividades que se levarán a cabo son:
Contacontos como As aventuras de Mariña con Galeatro; A vella da botella con Lía Magalia; Avó e Contos no ar con Ramiro Neira; Pipo, o paxaro que non sabía voar con Trémola Teatro; Aprendendo a querer e Asociación de animais solidarios con Trinke Trinke.
Concertos como Contando números, cantando cores con Pablo Díaz; Brinca vai: de aquí a acolá con Paco Nogueiras e Pequena Ramona con Pakolas.  
Espectáculos poéticos coa escritora Yolanda Castaño.
Coñecer a vida e a obra da insigne autora Rosalía de Castro con A miña historia a cargo de Trémola Teatro.
Coñecer a obra de escritores-as como Álvaro Cunqueiro con Feirantes; de Fina Casalderrey e de Agustín Fernández Paz con Contos de aquí, ambas a cargo de Ramiro Neira.
Saber quen foi Ánxel Casal con Contos nosos a cargo de Ramiro Neira.
Coñecer o proceso creativo con Ilustrando en verso a cargo de Enrique López.
Descubrir un abano de obras pictóricas de todo o mundo con Aproximación á ilustración a cargo do ilustrador Óscar Villán.
Aproximarse á nova mitoloxía con Superheroes ou viaxar a través das viñetas en Viaxe en viñetas co ilustrador Miguel Cuba.
Achegarse á microficción con O bo, si breve... ou relacionar o humor e a linguaxe con Pártome e móndome... a cargo da poeta Isabel Andrés.
Aprender sobre a Torre de Hércules con Hércules e o xigante a cargo do arquitecto Enrique López.
Achegamento á vida e á obra de Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas con Unha viaxe vivida a cargo de Ramiro Neira.
 
Con todos estes actos pretendemos favorecer o acceso ao libro en condicións de igualdade para todos os cidadáns; promover a lectura; participar en procesos de creación e expresión oral e escrita; fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva e colaborar no proceso de desenvolver a imaxinación e a creatividade. Desde as bibliotecas municipais de Oleiros traballamos para conseguir novos e mellores lectores e lectoras que contribúan a crear unha sociedade máis culta, libre e solidaria.

Actividades de promoción da lectura: 1 a 3 de marzo 2023

Actividades de promoción da lectura: 1 a 3 de marzo 2023
Programa de actividades de promoción da lectura que Bibloleiros organiza para os centros de ensino do Concello, de 1 a 3 de marzo:
 
Na Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Venres 3 de marzo:
- 10:15: alumnas-os de 3º e 4º de Primaria do CEIP Valle-Inclán (Perillo).
"Brinca vai: de aquí a acolá" con Paco Nogueiras.
 
Na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)
Mércores 1 de marzo:
- 10:15: alumnas-os de 3º de EP do CEIP Luís Seoane (Mera).
"Brinca vai: de aquí a acolá" con Paco Nogueiras.
Xoves 2 de marzo:
- 10:20: alumnas-os de 4º de ESO do IES Miraflores (Oleiros).
"Espectáculo poético" con Yolanda Castaño.
 
Na Biblioteca Manuel María (Oleiros)
Mércores 1 de marzo:
- 10:15: alumnas-os de 4º de EI e 11:30: alumnas-os de 5º de EI do CEIP Rabadeira (Oleiros).
"Contando números, cantando cores" con Pablo Díaz.
Xoves 2 de marzo:
- 10:15 e 11:30: alumnas-os de 6º de EI do CEIP Rabadeira (Oleiros).
"Contando números, cantando cores" con Pablo Díaz.
Venres 3 de marzo:
- 10:15 e 11:30: alumnas-os de 3º de EP do CEIP Rabadeira (Oleiros).
"Contando números, cantando cores" con Pablo Díaz.
 

24/2/23

Hora do conto: de 27 de febreiro a 2 de marzo de 2023

Hora do conto: de 27 de febreiro a 2 de marzo de 2023
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das contadas/actividades.

Biblioteca Pública Municipal Mª José Ruso (Dorneda)
Luns 27 de febreiro, ás 18:30
Para nenas-os de 2 a 5 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 638)
TÍTULO: “Unha praia particular”
CONTACONTOS: Trinketrinke Teatro

Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz)
Mércores 1 de marzo, ás 18:30
Para nenas-os de 2 a 5 anos Aforo completo!!!
TÍTULO: “Contos da granxa”
CONTACONTOS: Lía Magalia

  

Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Xoves 2 de marzo, ás 18:30
Para nenas-os de 2 a 5 anos Aforo completo!!!
TÍTULO: “Chimpo de ra"
CONTACONTOS: Raquel Queizás

AVISO
O/A adulto/a responsable de cada un dos/as menores de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla o neno ou nena.

Recomendacións en Radioleiros: 24 febreiro 2023

- Infantil (a partir de 6 anos):

Nós estamos aquí: apuntamentos para vivirmos no Planeta Terra, de Oliver Jeffers
Patasdepeixe

Oliver Jeffers escribe este libro para o seu fillo Harland, durante os seus dous primeiros meses de vida, para axudarlle a entender algo mellor o mundo ao que acaba de chegar.
Emotivo e cativador álbum ilustrado cunha mensaxe de amor e de respecto polo Planeta Terra e polas persoas e demais seres vivos que habitamos nel.


- Mozas/os e adultas/os:

A culpa, de María Solar
Xerais

Versión dixital en Galiciale

A señora Gondar é unha anciá con aspecto miserable que emana un fedor insoportable. Posúe unha gran fortuna e cada seis meses, coma un cravo, visita unha pequena sucursal bancaria para controlar ata o mínimo detalle das súas contas millonarias. Amanda, unha novísima empregada da oficina, aténdea unha soa vez. Un mes despois do encontro, a señora Gondar falece e Amanda convértese inesperadamente na súa única herdeira.

Absorbente e fascinante relato, con tintes de  novela negra e thriller, no que hai unha herdanza e unha culpa que forma parte do legado.
XXXIX Premio Xerais de Novela

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

23/2/23

23 de febreiro: Día de Rosalía de Castro

23 de febreiro: Día de Rosalía de CastroRosalía ensínanos a mirar e a escoitar...
...Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma? do manifesto Cumpríuse a xustiza de Carme Adán para a AELG.
 
O 23 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, data do seu nacemento. Rosalía de Castro é un símbolo para o pobo galego, unha das grandes poetas da literatura galega e española do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego. Un ano máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros xuntámonos á iniciativa que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  e celebramos o aniversario do nacemento da autora. A  AELG propón á cidadanía desde 2010 que agasalle un libro en galego e unha flor. O lema escollido para este 2023 foi #cumpriuseaxustiza.
 
En 2023 Carme Adán foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, (sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, Santiago de Compostela). Podes ler o manifesto nesta ligazón e ao carón da expo adicada á Rosalía de Castro no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo). Para as-os máis novas-os, nesta biblioteca, celebraremos a Rosalía de Castro cunha sesión de contacontos, ás 18:30 para nenas-os a partir de 6 anos, a cargo de Trémola Teatro titulada "Rosalía de Castro: a miña historia".

Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) pódese gozar dunha mostra da obra rosaliana: sempre temos as verbas de Rosalía a nosa poeta máis popular, querida e admirada para que se faga xustiza co pobo.

20/2/23

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 22 febreiro 2023 (Grupo A)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo
17:30 a 19:30 h. (2º andar)

Comentario de "Virtudes (e misterios)" de Xesús Fraga
Coa colaboración da profesora xubilada de lingua e literatura galegas Rosa García Vilariño.
Documentación

Seguinte lectura: "El cuento de la criada" de Margaret Atwood.

17/2/23

Entroido 2023 e Hora do conto

Entroido 2023 nas bibliotecas de Lorbé e de Mera
Entroido 2023 en Bibloleiros
Obradoiros de sombreiros de Entroido
- Dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos
- Máximo de participantes en cada obradoiro: 20
- Hora: 17:30
- Imprescindible inscribirse na biblioteca na que desexen participar. Podes facelo telefonicamente ou achegándote á biblioteca correspondente. O prazo para inscribirse ábrese 10 días antes da data de realización da actividade.

 
Biblioteca Municipal Xograr Mendiño (Lorbé)
Xoves 23 de febreiro
Tlf.: 981 618 201
Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera)
Venres 24 de febreiro
Tlf.: 981 628 507 
 
Hora do conto: 23 de febreiro. Celebramos o Día de Rosalía
Hora do conto Celebramos o Día de Rosalía

Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Xoves 23 de febreiro, ás 18:30 
Para nenas-os a partir de 6 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 639 511)
TÍTULO: "Rosalía de Castro: a miña historia"
CONTACONTOS: Trémola Teatro
AVISO
O/A adulto/a responsable de cada un dos/as menores de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla o neno ou nena.

Recomendacións en Radioleiros: 17 febreiro 2023

Cuberta do libro "Doña Problemas" de El Hematocrítico. Ilustracións de Paco Roca
Recomendacións en Radioleiros: 17 febreiro 2023- Infantil- xuvenil:
"Doña Problemas" de El Hematocrítico. Ilustracións de Paco Roca. En Anaya.
Carlota é unha nena de 10 anos, moi intelixente e tremendamente empática. Isto concédelle un don case que sobrenatural para detectar e solucionar problemas. O patio do cole é a súa zona de actuación. Atoparemos situacións como unha mochila chea de iogur, un mural de ciencias que hai que preparar nos vinte minutos do recreo, etc. Sucesos moi de patio de escola que se misturan con temas tan importantes como o acoso escolar, a dificultade para facer amigas-os ou a soidade da terceira idade.
 
Cuberta do libro "Canto yo y la montaña baila" de Irene Solà
- Mozas-os e adultas-os:
"Canto yo y la montaña baila" de Irene Solà. Editado por Anagrama.
Un auténtico exercicio literario e de delicadeza. Dezaoito capítulos contados por dezaoito narradoras-es distintas-os. Porque non só falan as persoas: os cans, os corzos, as setas, as bruxas, as mulleres de auga, as pantasmas, mesmo a propia montaña terá algo que dicir. Todos formamos parte da natureza e todo o que existe ten algo que contar nesta novela. Unha novela que se desenvolve nas montañas dos Pirineos onde as paixóns son máis crúas e carentes de artificios. A insignificancia do ser humano para a natureza tamén porque calquera día pódenos partir un raio e ao día seguinte as flores seguirán medrando.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Libros de chulas, orellas, carautas e disfraces: todo o necesario para o Entroido, en Bibloleiros

Libros de chulas, orellas, carautas e disfraces: todo o necesario para o Entroido, en Bibloleiros
Nas Bibliotecas Municipais de Oleiros temos exposicións, como a da Biblioteca Central Rialeda (Perillo), con libros adicados a todo o necesario para gozar o Entroido: confección de disfraces, máscaras; platos típicos desta época do ano, festas emblemáticas do Entroido galego, etc.
Mostra bibliográfica “A cociña galega de Entroido”  na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. Santa Cruz
 
A mostra bibliográfica da Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), “A cociña galega de Entroido”, céntrase nos valores gastronómicos do noso Entroido: se por algo é coñecido é polos seus platos típicos: laconadas, botelos, filloas, orellas… cobran un valor especial e se converten en grandes protagonistas desta festa de festas.
Na Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera) podes visitar a mostra bibliográfica "Tempo de filloas e orellas" de libros do Entroido salientando os doces típicos desta festa. Na Biblioteca Municipal Mª José Ruso (Dorneda) a mostra "Peliqueiros e cigarróns" é unha escolla de contos, música, libros de disfraces e receitas entroideiras. Poderás poñer a proba o teu enxeño cos pasatempos de Entroido e colorear a túa propia máscara.
Na Biblioteca Municipal Xograr Mendiño (Lorbé) tes a mostra "Entroido na biblioteca", na Biblioteca Municipal Ánxel Fole (Nós) a expo de libros infantís "Moitos disfraces polo Entroido" e na Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros) podes contemplar a escolla bibliográfica “Viva o Entroido!!!” sobre as orixes e principais características desta festividade que inclúe saborosas receitas. En todas elas poderás recortar e colorear antefaces impresos en cartolina.
 
Clica na ligazón para ver as exposicións de recursos sobre o Entroido en Bibloleiros!!!


15/2/23

Presentación de "Las voces de mi cabeza. Conmoción" de Lois Calviño: 16 de febreiro 2023

Presentación de "Las voces de mi cabeza. Conmoción" de Lois Calviño: 16 de febreiro 2023
Día: xoves 16 de febreiro 
Hora: 20:00 h.
Lugar: Teatro As Torres (Santa Cruz)
Intervirán: o autor, Lois Calviño e o profesor da Universidade da Coruña, Luís Ángel Veiga.
 
"Las voces de mi cabeza. Conmoción" é unha novela con prisma psicolóxico e perspectiva social sobre a vida dun mozo reservado que intenta fuxir da rutina e da dura convivencia coa súa nai, pero as voces da súa cabeza non tardan en desprezalo. A súa vida dará un xiro de forma inesperada e todo cambiará.
 
Lois Calviño é veciño de Oleiros, cursou o grado de ADE e o mestrado en Banca e Finanzas. Actualmente alterna o seu traballo de asesor financeiro coa súa paixón por escribir e a súa outra gran afección: o baloncesto. 
 
Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir.