13/8/21

Prezado Pancho, sempre nos nosos corazóns (En lembranza de Francisco Pillado, 1941-2021)

O Concello de Oleiros, e en especial o persoal das bibliotecas municipais, mostra a súa tristeza polo falecemento do prezado escritor, dramaturgo e editor Francisco Pillado Mayor e manifesta as súas condolencias. Desexan expresar o seu agradecemento polo seu magnífico traballo en prol da cultura galega, pola súa sempre disposta colaboración co Concello de Oleiros (e en concreto coas bibliotecas municipais), pola súa xenerosidade e por poder gozar da súa amizade. Un referente ético para todos/as, unha persoa que visitou en diversas ocasións as Bibliotecas Municipais de Oleiros e que sempre gustou pola súa magnífica erudición e oralidade, polos seus amplos coñecementos e pola súa defensa da lingua e cultura galega.

A súa figura é fundamental para coñecer e entender o teatro en Galicia. Promotor de diversos grupos de teatro como a Escola Dramática Galega, Luis Seoane, Elsinor Teatro (estas últimas xunto con Manuel Lourenzo). Co-fundador de Edicións Laiovento, da que foi editor literario ata 2014. Director dos Cadernos da Escola Dramática Galega. Publicou numerosas obras como por exemplo: Dicionario do teatro galego (1671-1985) (en colaboración con Manuel Lourenzo); O teatro galego (en colaboración con Manuel Lourenzo); Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro (en colaboración con Manuel Lourenzo); Antoloxía do teatro galego (selección de Francisco Pillado Mayor e Manuel Lourenzo); O teatro de Manuel Lugrís Freire; Na outra banda da ponte: (materiais para un espectáculo didáctico sobre Manuel Lugrís Freire); Camiño sen retorno: nota a xeito de diario informal: o inicio do espolio 2008-2009; Banqueiros; Cinco aspectos do teatro galego; Conversas en Compostela con Carballo Calero (en colaboración con Miguel Anxo Fernán-Vello); A nación incesante: conversas con Xosé Manuel Beiras (en colaboración con Miguel Anxo Fernán-Vello); A estrela na palabra: novas conversas con Xosé Manuel Beiras (en colaboración con Miguel Anxo Fernán-Vello).Verteu e traduciu ao galego obras fundamentais do teatro de Antón Chejov, Mario Benedetti, Michel de Ghelderode, Samuel Beckett, Molière, Niccolo Macchiavelli ou Eugène Ionesco.

Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos premios, galardóns e homenaxes como: Premio da Crítica en 1989 (polo seu labor de director dos Cadernos da Escola Dramática Galega); No País da Irmandade: Homenaxe Nacional a Francisco Pillado Mayor, no 2007; Premio de honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia en 2012; Premio da AELG á mellor obra teatral publicada no 2012, por Banqueiros;  Premio Ibán Toxeiro da A. C. Alexandre Bóveda no 2014, pola súa dedicación ao teatro; Distinción Republicano de Honra da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, no 2017.

Prezado Pancho, sempre te teremos nos nosos corazóns!

No hay comentarios:

Publicar un comentario