23/2/21

Día de Rosalía 2021: 24 de febreiro

Un ano máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros compartimos a iniciativa que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega: a celebración do 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Esta data está fixada no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora e a AELG propón á cidadanía desde 2010 que agasalle un libro en galego e unha flor.

A Biblioteca Central Rialeda (Perillo) convida a visitar a expo de libros e cedés situada no vestíbulo da biblioteca de/ou sobre Rosalía de Castro. Tamén en Rialeda, se levas calquer material en préstamo ao longo do día 24, agasallarémosche cun libro na nosa lingua.

Na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) podes gozar, ata o 2 de marzo, da exposición bibliográfica titulada  #Unha estrela, un cantar. Trátase dunha exposición de material infantil relacionado coa escritora galega que ten como base a estrela HD 149143 da constelación Ofiuco, da que parten multitude de estrelas que representan as obras da escritora. Animaremos ás-aos usuarias-os a que busquen entre os libros da exposición algún poema curto de Rosalía que fotocopiaremos para que as usuarias e usuarios o recorten e personalicen para despois pegalo na exposición. Encheremos a biblioteca de “estrelipoemas”, faremos a Constelación Rosalía

Recomendámosche a lectura do manifesto que para esta celebración encomendou a AELG á escritora Anna R. Figueiredo.

Non te perdas as ligazóns que propón a AELG: unha morea de actividades lindas e unha manchea de cancións para conmemorar este día.

Consulta as actividades que ao redor deste día celebrará a Fundación Rosalía de Castro e a proposta de actividades de Aulas Galegas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario