25/6/19

Recomendacións en Radioleiros: 21 xuño 2019

https://youtu.be/XCYK2Avh3MQ
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=952481- Infantil (menores de 6 anos):
"Un can e un gato", texto Paula Carbonell. Ilustracións de Chené Gómez. En Oqo.
Un can e un gato coñecéronse. O can dixo: Guau! E o gato, miau! pero non se entenderon. Comezaron a xogar. Era divertido. Mais nun momento ambos esquecéronse que estaban xogando e o can trabou o gato e o gato rabuñou o can. O gato escapou para o tellado e o can agardábao abaixo. Pasaron moitas horas. Os dous se botaban de menos...
Ás veces, isto tamén sucede nos xogos infantís, os nenos e as nenas pódense enfadar pero ao pouco tempo xa se esquecen. É un libro que fala da amizade e de animais.
 
 
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1208444- Mozas-os e adultas-os:
"Viva" de Patrick Deville. Editado por Anagrama.
Unha novela que nos presenta a historia de Trotski, principalmente desde 1937 en que chega exiliado a México fuxindo de Stalin, ata que é asasinado por Ramón Mercader en 1940.
Estamos en 1937 e no petroleiro noruegués Ruth chega Trotski e a súa muller Natalia Ivánovna ao porto de Tampico. Estaos agardando o xeneral Beltrán e a pintora Frida Kahlo quen os acollerá na súa Casa Azul. O pintor Diego Rivera convenceu ao presidente Lázaro Cárdenas que lles conceda un visado. Trotski e Natalia van camiño de Ciudad de México en “El Hidalgo”, o tren persoal do presidente, que lle fai lembrar os máis de dous anos que viviu no seu tren blindado cando foi comisario do pobo da Guerra enlazando os distintos frontes desde Moscú a Crimea. Nese momento comandaba a cinco millóns de homes e agora é un proscrito que ten
que fuxir e que busca estender a súa visión do comunismo a todo o mundo.
Paralelamente, por eses anos, en Cuernavaca,  o escritor británico Malcom Lowry bebe e escribe “Bajo el volcán”.
Entre o que lles acontece a Trotski e a Lowry irán aparecendo importantes personaxes públicos do século pasado desde Frida Kahlo e Diego Rivera, ata os escritores André Breton e Graham Greene, entre outros. O autor irá alternando a narración do que vai acontecendo en México, xunto coas lembranzas de Trotski e o que está a pasar nese momento en Rusia. Veremos como, tras a caída da República Española, sicarios a soldo de Rusia son enviados a México con identidades falsas para asasinar ao inimigo de Stalin.
Unha obra, cun estilo depurado e unha estrutura elaborada, na que figuran unha multitude de personaxes que nos achegan a este acontecemento histórico cun recorrido literario a través da vida de dúas persoas moi distintas (Trotski e Lowry) para narrar acontecementos fundamentais da primeira metade do século XX.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario