Hoxe, 2 de abril, é o Día Internacional do Libro Infantil. Todos os anos as Bibliotecas Municipais de Oleiros énchense de actividades para esta data ao redor do libro infantil e xuvenil. Este ano non é posible. "...As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma": verbas que son parte da mensaxe titulada Fame de palabras para conmemorar este día, escrita por Peter Svetina (da sección eslovena da IBBY) e ilustrada por Damijan Stepancic. A tradución ao galego corresponde a Gálix, como sección da OEPLI, así como da súa difusión en Galicia e foi realizada por Héctor Cajaraville.
Cada 2 de abril celebramos nas nosas bibliotecas a data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen con narracións de contos, exposicións bibliográficas, etc. Este ano farémolo de xeito virtual ofrecendo marabillosas iniciativas difundidas a través da Rede adicadas ás-aos lectoras-es infantís e xuvenís.
Dos Recursos con moita LIX para ficar na casa que reúne Gálix, o Proxecto euquedonacasa do equipo Comparte Marketing Social, a Pandemia de Contos do Colectivo Noga #narracionoralgalega, #MeQuedoEnCasa de La Casa Encendida, e moitas máis iniciativas solidario-culturais de editoriais, museos, bibliotecas, teatros, produtoras audiovisuais e un longuísimo etcétera de entidades públicas e privadas, facemos unha escolma que che ofrecemos a continuación.
Nesta primeira entrega, para ler, presentámosvos (hai moitas máis):
- Xerais ten na Rede catro títulos para abrir a fiestra da lectura en galego:
Un exemplo, "Feliz feroz" de El Hematocrítico (Recomendado en Radioleiros), a partir de 6 anos.
- Baía Edicións ofrece lecturas para nenas-os a partir dos 4 anos para a campaña #euquedolendo #baíaconnósnacasa. Se tes máis de 12 podes ler "Liliput" de Manuel Lugrís Rodríguez.
- Urco Editora, especialistas en novela gótica ofrece ás afeccionadas-os a este xénero:
“A pedra negra”, de Robert E. Howard e "A cidade sen nome" de H. P. Lovecraft.
- Aira Editorial ofrece o cómic "Carriandola".
- Autoras, como Olga de Dios ofrece, para as cativas-os, "Leotolda", "En familia", "Pájaro amarillo".
No hay comentarios:
Publicar un comentario