O Castro de Viladonga é un castro galaico-romano situado no concello de Castro de Rei (a 23 quilómetros da capital lucense). Ocupa o cumio dun monte desde o que se divisa gran parte da Terra Chá lucense. As escavacións iniciáronse en 1971, saindo á luz estruturas moi interesantes e grande cantidade de materiais. O xacemento é un exemplo moi importante para o coñecemento, estudio e comprensión do mundo castrexo trala conquista romana. O Museo do Castro de Viladonga adícase desde a súa inauguración á interpretación e explicación do xacemento e á exposición dos materiais procedentes das escavacións. Paga a pena unha visita virtual e, logo do peche cautelar, a visita real.
A visita sería incompleta sen a lectura de "Vento e chuvia", a novela de Manuel Gago Mariño (á túa disposición en GaliciaLe). Gago lévanos como ninguén ao interior das cabanas castrexas. Vivifica aqueles momentos da nosa historia, daquela sociedade da Idade de Ferro que non tiña nada de simple, de pobre ou atrasada senón que gozaba dun importante grao de desenvolvemento, monumentalidade e riqueza. Acompáñasnos?
No hay comentarios:
Publicar un comentario