1/3/19

Recomendacións en Radioleiros: 1 marzo 2019

https://youtu.be/LWe0bUQx4aU
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1482091- Infantil (menos de 8 anos):

É tempo de Entroido!
, de Ramón D. Veiga e David Sierra
Xerais

Fermoso libro ilustrado infantil cunhas coloridas ilustracións e distintas rimas que presenta diferentes Entroidos e as súas comidas típicas. Co pretexto de preparar un bo cocido, percorre distintos lugares onde poderemos ver figuras como boteiros, volantes, pantallas, o loro Ravachol, choqueiros coruñeses etc. todos xuntos viaxando nun chimpín para organizar unha festa.

Con ilustracións de gran colorido e variados traxes, ao tempo que len o texto rimado, divertiranse pasando cada páxina e vendo os característicos traxes.


Un libro excelente para que as/os máis pequenos se vaian familiarizando cos singulares personaxes do Entroido galego.

- Mozas/os e adultas/os:

Antroidos e máscaras na Galiza rural, coordinación do monográfico, fotografías e comentarios de Alfonso García Santos
Sermos Galiza

Obra relevante para saber máis sobre o Entroido en Galiza. Comeza cun interesante texto do museólogo Felipe-Senén analizando esta conmemoración ao longo da historia e presentándoa como un tempo para a inspiración creativa, rexenerando tradición e innovación, sen esquecerse da importancia do encontro lúdico, como festa para compartir.

A partir desta introdución, cunhas magníficas e fermosas fotografías, Alfonso García Santos móstranos detalladamente como se celebra esta tradicional festa nas distintas localidades de Galiza. Son uns 50 personaxes, coas súas correspondentes fotografías e explicación: o lugar onde se realizan, como son os traxes, nalgúns casos que significaban, os actos e bailes que fan, etc. Comeza cos Xenerais do Ulla, pasa polos Cigarróns de Verín, os Peliqueiros de Laza, os Troteiros de Bande, ou as Madamas e Madamitos de Entrimo ata chegar a analizar as figuras dos animais no Entroido, para finalizar no folión, os Fareleiros e na queima do Meco.


Unha obra magnífica, cun enorme traballo detrás, que reflexa tanto as celebracións máis coñecidas como outras descoñecidas, que nos ensina as principais características deste ciclo festivo.
Unha excelente ocasión para convivir, compartir e divertirse.

Repetimos con Felipe-Senén, viva pois o Entroido galego!

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario