22/11/16

24 novembro: Conferencia "A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo" en Santa Cruz

24 de novembro ás 19 horas

por Rebeca Baceiredo, filósofa e profesora de instituto

Segundo a autora “explicáronnos a historia como unha secuencia de feitos naturais, case biolóxicos, dos que indefectiblemente se deriva unha orde social, un estado de cousas. Así, o patriarcado pareceu ser algo necesario e non continxente. Dalgún xeito, desas premisas infírese que combatelo pode achegarnos a un estado máis civilizado mais que tamén pode implicar ir contra natura. Con todo, non só ese relato que nos presentaron como verdade única, tamén os propios conceptos empregados, son meras proxeccións do paradigma actual. A partir da análise do xénero como función subalterna e da súa relación coa existencia e a xestión da propiedade, nesta conferencia proponse unha revisión e un axuste dese mito.”

Rebeca Baceiredo é licenciada en Ciencias da Comunicación e doutora en Filosofía. Exerce de profesora de instituto. Foi premio extraordinario de doutoramento por: Achegas onto-éticas para a liberación do suxeito: unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze.

Algunhas das súas obras son:
O suxeito posmoderno, entre a estética e o consumo (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2005)
A revolución non vai ser televisada: devir imperceptible seguindo a Gilles Deleuze (Premio de Ensaio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega 2014).

Esta conferencia está organizada pola Fundación Euseino, en colaboración coas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros. Esta Fundación, é unha organización non lucrativa independente, declarada de interese cultural e de interese galego pola Xunta de Galicia e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Os seus obxectivos son “difundir e promover a filosofía e o pensamento non dogmático en idioma galego mediante a distribución e a transmisión libre das ideas, axudando dese xeito á creación dun ámbito de pensamento que fomente a actividade cultural arredor da filosofía e da literatura, ao mesmo tempo que tamén impulsa a súa relación coa ciencia e coa estética, esta última como ontoloxía xeral dos obxectos retóricos e materiais”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario