"Violeta ás agachadas" de Ramón D. Veiga. Ilustracións de Abi Castillo. Editado por Xerais.
Dispoñible en GaliciaLe
Un fermoso álbum ilustrado, de gran formato e moi ben editado que explica que a Violeta, a protagonista da obra, o que máis lle gusta é xogar ás agachadas.
Na casa, sempre busca o mellor lugar onde esconderse: debaixo das camas, dentro dos armarios, nas lacenas da cociña, no xardín...
Cando xa non lle queda ningún espazo sen que xa se escondera, ten que buscar outros novos e diferentes...
Posúe unhas coloridas e simpáticas ilustracións, xunto cunha letra grande, ideal para os menores de 6 anos, idade para o que o recomendamos.
Estupendo libro co que as nenas e os nenos máis pequenos poden aprender os meses do ano e as súas características, seguindo os soños de Violeta.
"El fulgor de la pobreza" de Luis Mateo Díez. En Alfaguara.
O xurado do Premio de Literatura en lingua castelá Miguel de Cervantes outorgou a Luis Mateo Díez o Premio Cervantes 2023 e entregaranlle o galardón o próximo 23 de abril, Día do Libro. Destacou que se trata “dun dos grandes narradores da lingua castelá, herdeiro do espírito cervantino, escritor fronte a toda adversidade, creador de mundos e territorios imaxinarios”.
Un libro formado por tres historias: El fulgor de la pobreza, que lle dá título á publicación, La mano del amigo e Deudas del tiempo.
El fulgor de la pobreza, a primeira das narracións e a máis inquietante.
A enigmática desaparición de Cosmo Ferrado Ucieda, presidente do Consello de Administración da Banca Ferrado, que tivo a súa sede central na cidade de Armenta, e accionista maioritario de diversas empresas, provoca unha serie de preguntas entre a súa familia, amizades e coñecidos. Este empresario fixera fortuna, pero vivía co anhelo de renunciar totalmente ás súas posesións. Co tempo, só a súa filla chegou a intuír que significaba o enigmático sorriso paterno que tiña no seu 25 aniversario, que era como unha despedida...
La mano del amigo, segunda narración do libro, indaga nos límites entre dous sentimentos: a amizade e o odio.
O relato localízase en Oceda, cidade veciña de Armenta, sobre Elio e Roncel, uns amigos durante moitos anos, que se coñeceron na adolescencia, ata que un acto de desconfianza acabou con esa amizade e coa vida de Roncel...
A última é Deudas del tiempo, presenta a memoria dun emigrante atrapado entre dúas fuxidas: a primeira, cando abandonou a súa localidade de Buril, na mesma provincia de Armenta; e a outra cando regresa de América, onde quedan os seus negocios e a súa familia...
Tres novelas curtas escritas cunha excelente prosa e un brillante dominio do idioma. Amosan relacións interpersoais, e reflexionan sobre a condición humana e a súa fraxilidade, ofrecendo personaxes en situacións extremas e con profundos conflitos morais.
Desde a editorial, fan as seguintes preguntas que nós trasladamos aquí porque poden provocar diferentes reflexións:
“¿Pode a pobreza ser unha semente que medre no corazón dun home rico?
¿Que límite de compromiso pode alcanzar a amizade?
¿As débedas morais prescriben co tempo ou perséguennos durante toda a vida?”
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario