18/8/23

Recomendacións en Radioleiros: 18 agosto 2023

- Infantil e xuvenil:

Historias fascinantes da ciencia en Galicia, de Eduardo Rolland e Manuel Rey. Ilustracións de Andrea López Álvarez
Embora

Obra de divulgación científica formada por 40 historias de temas científicos, de curiosidades, de inventos, de estudos da natureza, da bioloxía, do medio ambiente, da astronomía, etc.

Presenta, dunha forma atractiva e sinxela, temas como os das seguintes preguntas, pero tamén moitos outros:
Sabías que un galego inventou a máquina multiplicadora e que se conserva no museo da compañía IBM en Nova York?
Sabías que nos montes de Lugo habitaron mamuts?
Sabías que outro galego deseñou, en 1865, un aparello que emitía sons que imitaban á voz humana, adiantándose á creación da voz sintética e ás "máquinas que falan"?
Coñeces a relación de Newton coa batalla de Rande? O ilustre científico cuñou libras co ouro e a prata capturados en Vigo en 1702, cando era director da Casa da Moeda de Inglaterra.
Gustaríache saber cando podes ver estrelas fugaces en Galicia?
Sabías que a fervenza do Ézaro, que cae desde 40 m de altura e nunha enseada do mar, é un fenómeno case único en Europa?
Sabías que ao pé duns dos cantís máis altos de Europa continental, os de Vixía Herbeira (na Serra da Capelada, en Teixedelo, preto de San Andrés de Teixido) pode verse unha das poucas praias de area negra non volcánica do mundo, debido ás características xeolóxicas da zona de Ortegal?

Unha obra moi interesante que recomendamos para todas as persoas, a partir de 11 anos aproximadamente.

- Mocidade e persoas adultas:

Una Odisea, de Daniel Mendelsohn
Seix Barral

Un emotivo relato sobre a relación entre pai e fillo a través da lectura do clásico de Homero, pero tamén unha análise extraordinaria de A Odisea, mesturando literatura de viaxes, estudo filolóxico e a memoria persoal.

Jay Mendelsohn, un matemático xubilado de 81 anos, decide inscribirse no seminario sobre A Odisea que imparte o seu fillo na universidade. Nese momento non se imaxinaba a aventura emocional e intelectual na que ambos estaban a punto de embarcarse. O pai, coa súa mentalidade científica, vai interrompelo nas súas clases, cuestionar as súas ideas, o que provocará diferentes reaccións no resto do alumnado, e o fillo, como profesor, terá que rebater esas cuestións, e interrupcións, para non perder o control da clase.

O pai ve o mundo cos ollos dun ríxido matemático, a volta ás aulas supón para el a última oportunidade para coñecer un dos grandes clásicos da literatura que sempre se lle resistira, pero, sobre todo, a última ocasión para tratar de entender o seu fillo, un prestixioso escritor, amante dos clásicos e homosexual. Non comprende como se pode considerar a Odiseo como un heroe, se perdeu a maioría dos seus homes, que confiaban nel, e foi infiel á súa esposa. Para el son a sorte ou os deuses os que o acaban salvando dos problemas nos que se mete.

Nun momento dado, ambos marchan de cruceiro temático polo Mediterráneo recorrendo lugares asociados ás peripecias de Odiseo. Xuntos van explorar os restos dunha vida e esas paisaxes novas, pero tamén as zonas escuras que Daniel non coñecía de seu pai, un home práctico e taciturno.

Cunha linguaxe moi coidada e diferentes símbolos, preséntanos o tema da busca do sentido da vida, a cuestión da paternidade e problemas que poden xurdir no ensino. O autor convéncenos da actualidade dos clásicos e da importancia da súa lectura.
Para ler esta obra non é necesario ter lido de antes A Odisea de Homero, pero si se vai acabar sabendo moito dela.
Estamos ante unha excelente novela, cunha lectura moi agradable, na que un pai busca o seu fillo, pero tamén o fillo intentará coñecer mellor o pai.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario