13/5/22

Letras Galegas 2022 nas Bibliotecas de Oleiros

Para conmemorar o Día das Letras, nas Bibliotecas de Oleiros editamos un marcapáxinas coa vida e a obra do autor homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán. Podes achegarte á túa biblioteca favorita e levalo gratuitamente.

A continuación, lembrámosche as nosas actividades para celebrar este día:

Poesía e música para público mozo e adulto:

Xoves 19 de maio ás 20:30 h. no Teatro As Torres de Santa Cruz

As poetas Lucía Aldao e María Lado válense da retranca que as caracteriza para poñer sobre a mesa
unha reflexión sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro.
A combinación de recital de poesía, música en directo, xogos co público e improvisación é sempre característica dos espectáculos de Aldaolado. Nesta ocasión achégannos unha proposta na que unen emotividade e risas, e na que, dunha maneira desenfadada, se permiten rir de todo para facernos reflexionar sobre o que realmente importa. 

Desde unha perspectiva crítica e comprometida co idioma, as dúas poetas artellaron este espectáculo onde a poesía, a música e sobre todo o humor -presente na narración oral que o envolve todo- están orientados a reafirmar a nosa lingua como unha lingua moderna, síntoma de coñecemento e cultura e, sobre todo, con moitas primaveras por diante por obra e graza das persoas neofalantes.

Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo permitido, para que gocen coa palabra e a música destas poetas.

Actividades para público infantil:

Contacontos para nenas e nenos a partir de 6 anos
Ás 18:30 h. Aforo limitado. Imprescindible reservar praza na biblioteca ou chamando por teléfono. Inscrición desde 10 días antes da data de realización.

- 5 de maio: "Os monstros xa non queren asustar" con Fran Amil
- 12 de maio: "Anuncio por palabras" con Trémola Teatro
- 19 de maio: "Ven c@ntar" con Pakolas

- 4 de maio: "Contos diversos" con Miguel Alonso Diz
- 11 de maio: "Un saquiño de palabras" con Proyecto Bululú
- 18 de maio: "Extra!" con Paco Nogueiras 

- 9 de maio: "Contos de aquí para nós" con Ramiro Neira

- 10 de maio: "Contos escritos na nosa Terra" con Lía Magalia

- 13 de maio: "Contos de cerca" con Ana Carreira

- 19 de maio: "As fadas verdes" con Lía Magalia

- 20 de maio: "Contos de trasnos e maigallos" con Iván Davila

Actividades para alumnado dos centros de ensino:

"Florencio Delgado Gurriarán" con Trémola Teatro
A Compañía Trémola Teatro realizará unha narración oral centrada na biografía e obra do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas deste ano. Actividade dirixida a alumnado de 5º de primaria do CEIP Juana de Vega, que terá lugar o 12 de maio, ás 10:30 h. na Biblioteca Central Rialeda.

"Contos de aquí" con Ana Carreira
Actividade na que a actriz Ana Carreira narrará historias das seguintes obras: As porcas porquiñas de Xosé Antonio Neira Cruz, A noite dos animais de Agustín Fernández Paz e Xela volveuse vampira de Fina Casalderrey. Asistirá alumnado de 6º de primaria do CEIP Valle Inclán, os días 11 e 13 de maio, polas mañás na Biblioteca Central Rialeda.

"A miña historia" con Trémola Teatro
Trémola Teatro presentará a Andrea, unha xornalista do século XIX que sabe moito sobre Rosalía de Castro, unha das grandes poetas da literatura galega do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego. Asistirá alumnado de 5º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal, o día 10 de maio, pola mañá na Biblioteca de Santa Cruz.

"Extra!" con Paco Nogueiras
Espectáculo baseado no libro-disco de Paco Nogueiras, titulado Extra!
Sesión que recolle as novas máis curiosas, sucesos especiais con melodías e ritmos modernos, pegadizos e bailables que invitan á participación. Asistirá alumnado de 3º de primaria do CEIP A Rabadeira e de 5º de primaria do CEIP Luis Seoane, os días 3 e 18 de maio, polas mañás na Biblioteca de Santa Cruz.

"Ramona Órbita. A dona do tempo" con Pakolas
Espectáculo baseado no libro-disco de Pakolas, titulado Ramona Órbita: A dona do tempo.
Historia de Ramona Órbita, muller labrega que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, ademais de ter unha máquina do tempo coa que viaxa na procura da tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas. Asistirá alumnado de 1º e 2º de primaria do CEIP Luis Seoane e do CEIP A Rabadeira, os días 25 e 28 de maio, polas mañás na Biblioteca de Santa Cruz

"Hércules e o xigante: Unha torre de lenda" con Quique López
O arquitecto e ilustrador Quique López, autor da obra Hércules e o xigante: Unha torre de lenda, narrará, apoiándose nas ilustracións, como puido ser o encontro entre un heroe mitolóxico e un xigante colosal, que só podería dar como resultado o nacemento dunha torre de lenda...
Asistirá alumnado de 4º e 6º de primaria do CEIP Luis Seoane, o día 5 de maio, pola mañá na Biblioteca de Santa Cruz.

"A vella da botella" con Lía Magalia
A contadora Lía Magalia narrará a historia dunha vella caprichosa, que nunca está satisfeita con nada. Cando unha bruxa cumpre os seus desexos, de seguida se cansa co que ten...
Asistirá alumnado de 2º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal, o día 6 de maio, pola mañá na Biblioteca de Santa Cruz.

"Animaliños" con Ramiro Neira
O actor Ramiro Neira dramatizará diversos contos de tradición oral a través dos que coñeceremos a Gata Kisha, a unha tartaruga moi intelixente, a unha urraca moi larpeira, a un coello e a un loro que teñen unha granxa... Asistirá alumnado de 1º e 2º de primaria do CEIP A Rabadeira, os días 5 e 6 de maio, polas mañás na Biblioteca Rialeda.

Máis actividades nas bibliotecas:

“Aí ven o maio”. Libros e información sobre Florencio Delgado e as Letras Galegas, 

Mostra de libros sobre Florencio Delgado Gurriarán e pasatempos para cativas e cativos.

"Un feixe de poemas, poemiñas e poemoides". Escolma de textos de Florencio Delgado Gurriarán.
"Pintamos a Florencio". Actividade para nenos e nenas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario