Coñecer a natureza é o primeiro paso para amala e protexela. Imos coñecer o noso entorno ambiental da man do CEIDA: tres espazos senlleiros de Oleiros dignos de seren percorridos e amados. Non te perdas estes paseos virtuais porque vas descubrir unha morea de datos interesantes sobre o marabilloso patrimonio que temos ben preto: "Durante os 20 anos de actividade da institución, o CEIDA leva traballando en moitos espazos, pero hai tres que son a nosa casa, por onde pasaron centos de grupos educativos, familias e outros colectivos, e sentiron xunto a nós a necesidade de conservalos: o Castelo de Santa Cruz, a Costa de Dexo e os Faros de Mera". A través deste programa de visitas guiadas virtuais "revivimos" estes tres significativos lugares de interese ambiental, histórico e artístico do noso concello. Aquí vai a programación:
O xoves 30 de abril tivo lugar "O Castelo de Santa Cruz: Unha viaxe de 400 anos de historia".
O venres 8 de maio. "A Costa de Dexo: sobrevivindo entre a terra e o mar". Declarado Monumento Natural e Rede Natura 2000, ocupa o tramo costeiro comprendido entre os faros de Mera e o porto de Lorbé, tamén na costa oleirense, e os seus cantís son o refuxio de moitos sobreviventes de mar e aire e o venres 15 de maio: "Os Faros de Mera: de casa do fareiro a Aula do Mar". Transformada no Centro de Recepción de Visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo, a Aula do Mar está chea de historia e convértese na porta natural deste espazo protexido.
As visitas serán retransmitidas en directo, ás 19:00, a través da canle de Youtube do CEIDA.
Fonte: CEIDA
Cando volvamos a vernos, convidámosche a visitar o Fondo Local de Oleiros de cada unha das Bibliotecas Municipais, que son centros de interese onde poder consultar e levar en préstamo documentos relacionados con Oleiros desde distintos puntos de vista: historia, arte, roteiros culturais e literarios, medio ambiente, natureza, datos económicos, socio-demográficos, publicacións municipais, etc.
No hay comentarios:
Publicar un comentario