"Unha palabra para don Ricardo" son un conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Ricardo Carvalho Calero que conforman un retrato colectivo do protagonista do Día das Letras Galegas 2020. Estes microespazos audiovisuais contan coa participación de académicas-os de número, académicas-os correspondentes e distintas persoas que tiveron algunha relación co autor ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Cada participante elixe unha palabra que destaca a calidade que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado ou que retrata un trazo persoal, unha faceta ou unha obra do autor que valora especialmente. Compromiso, galego cabal, poeta, filólogo, galeguista, soñador, lingua, gramática, orador, ou independente son algúns dos termos a través dos cales irán debuxando un retrato colectivo que inclúe tamén nalgúns casos a lectura de poemas ou textos de referencia de Carvalho Calero. A emisión da serie comezou o 1 de maio, coa lembranza do homenaxeado que garda o académico Salvador García-Bodaño. O poeta evoca a celebración en 1963, no salón artesoado do pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, do primeiro Día das Letras Galegas, unha data histórica en que Ricardo Carvalho Calero pronunciou unha conferencia sobre a súa protagonista, Rosalía de Castro, e a obra Cantares gallegos.
Fonte: RealAcademiaGalega
Fonte: RealAcademiaGalega
Lembramos que na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) temos unha expo cos libros que temos nos nosos fondos, da autoría de Carvalho Calero e sobre a súa obra científica e literaria. Podes visualizar nesta galería de imaxes a bibliografía que hai ao teu dispor. Podes levalos en préstamo para ver detidamente en casa e saber máis de Carvalho Calero. Xa sabes, para levar materiais en préstamo ou para facer devolucións, has de pedir cita previa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario