Esta escolla foi realizada por todo o persoal das bibliotecas municipais e nela poden atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para diferentes idades, distintos gustos, intereses e preferencias. Os libros que se recomendan para nenos/as e adolescentes figuran clasificados por idades, para as que se considera que son máis axeitados. A idade para a que se suxire cada obra é só de forma orientativa, xa que cada nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que debemos respectar.
Desde as Bibliotecas municipais ofrécese esta guía de lectura cun dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un CD e un DVD son tamén un bo agasallo.
Nesta época en que hai máis tempo libre, na que nos deleitamos co sol e o mar, desexamos compartir libros, discos e películas que nos agradaron. Boas historias e bos libros para divertir e emocionar, reflexionar e aprender, mirar e observar, ver e escoitar.
Son 262 libros, DVD e CD que hai nas bibliotecas municipais e que se poden levar en préstamo para as casas. Uns divirten, outros emocionan, fan pensar, provocan a reflexión ou aportan novos coñecementos.
Realizáronse dúas publicacións distintas:
Unha formada por todas as recomendacións infantís e xuvenís da que se editaron 3000 exemplares que se repartiron a todo o alumnado de educación infantil ( a partir de 3 anos) e a todo o de ensinanza primaria dos centros de ensino público deste Concello.
Outra que é a guía completa, coas recomendacións infantís e xuvenís, pero tamén as de libros, DVD e CD para adultos/as que se está a repartir nas bibliotecas municipais, pero que tamén se vai enviar en formato dixital a todos os socios e socias das bibliotecas que teñan correo electrónico.
Agora que se achegan as vacacións do verán, animamos a todas as persoas a que dediquen parte do seu tempo libre a ler algún libro, ver algunha película e escoitar música, pero principalmente aos nenos/as, adolescentes e mozos/as que teñen máis tempo libre e lembramos a importancia da lectura na formación integral da persoa. A facultade lectora non é innata, vaise adquirindo pouco a pouco, por este motivo gustaríanos contribuír a espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro, ver unha boa película ou escoitar un bo disco.
Feliz verán e un cordial saúdo desde as bibliotecas municipais de Oleiros!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario