9/11/12

Actividades de Fomento da Lectura 2012-2013


Na XXII Campaña de promoción da lectura as bibliotecas municipais de Oleiros ofrecen 24 actividades dirixidas ao alumnado dos centros de ensino público de Oleiros. Dende a Biblioteca Central Rialeda estase presentando, nos colexios e institutos, as diferentes actividades que o profesorado pode elixir durante este curso escolar para o seu alumnado, clasificadas en función dos cursos ou idades á que van dirixidas.

Para educación infantil e primaria preséntanse contacontos da compañía Trinke-Trinke, Pablísimo, Soledad Felloza, Ramiro Neira, Paula Carballeira ou Caxoto; espectáculos de contacontos teatral; unha adaptación da obra de Xabier P. Docampo “Un conto de tres noites”, etc. Ao cumplirse 10 anos do falecemento do escritor galego Carlos Casares, como unha sinxela homenaxe, figura un contacontos baseado na súa obra “As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas”.

Para educación secundaria ofértase un espectáculo titulado “Xeografía do imaxinario: contos e lendas da mitoloxía galega”; ou tamén un contacontos baseado en relatos de Edgar Allan Poe de “O corazón delator e outros contos” ; ou “Contos de candil que ninguén cre” que é un contacontos realizado a partir das obras de Ánxel Fole “Á lus do candil”, “Contos da néboa” e “Historias que ninguén cre” ; tamén “Cen anos de maxia”, que son actividades baseadas na obra “Merlín e familia” de Álvaro Cunqueiro ou “Feirantes” que é un contacontos que adapta a obra “Os outros feirantes” de Álvaro Cunqueiro; “Canción de Nadal” a partir da adaptación do libro de Charles Dickens ; “O neno preguntaba...”, que é un concerto poético da obra de Celso Emilio Ferreiro.

Para bacharelato, un recital de diferentes poesías de “La voz a ti debida” de Pedro Salinas ; ou a narración de diferentes pasaxes da obra dramática de Shakespeare “Macbeth”; ou “Las Ingeniosas del hidalgo: El Quijote en voces de mujeres” que é un espectáculo con varios monólogos curtos no que se dramatizan diferentes personaxes femininos de El Quijote.

Para diferentes idades tamén se presentan obradoiros sobre o escritor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas no ano 2013, Roberto Vidal Bolaño, sen esquecernos dos tradicionais obradoiros de ilustración ou talleres de iniciación á banda deseñada. Tamén se ofertan obradoiros infantís e xuvenís de poesía, visitas guiadas á Biblioteca Central Rialeda, etc

Actividades moi diferentes que se van a desenvolver na Biblioteca Central Rialeda en Perillo, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz ou na Biblioteca Municipal Manuel María; coa finalidade de fomentar a lectura e promover os libros e os obxectivos de que o alumnado dos centros de ensino público de Oleiros coñezan algunhas das bibliotecas do seu municipio; potenciar a súa asistencia non só como lugares de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica; espertar o gusto pola lectura, de forma que vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos; achegarnos pola vía da animación aos sectores menos dados á lectura, a aqueles nenos/as, adolescentes e mozos/as que non senten ningún interese por esta; incidir na importancia dos libros de contos, narracións e historietas no desenvolvemento da imaxinación e creatividade dos nenos/as, adolescentes e mozos/as; favorecer procesos de creación e expresión oral e escrita; fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva que os faga pensar e reflexionar como cidadáns/as máis libres e solidarios; vivir o libro en colectividade, enriquecéndose cunha lectura activa e participativa; promover a reflexión nos diferentes axentes educativos sobre a importancia da lectura como un enriquecemento individual e colectivo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario