21/2/25

Recomendacións en Radioleiros: 21 febreiro 2025

- Infantil (a partir de 8 anos):

El libro de las habilidades olvidadas,
escrito por Elaine Batiste e Natalie Crowley e ilustrado por Chris Duriez.
Flamboyant.

Libro que proporciona unha chea de ideas divertidas para xogar ao aire libre. Ademais explica, paso a paso, como crear e reparar diferentes obxectos e practicar habilidades esquecidas.

Con el podemos aprender a facer toda clase de nós para amarrar e atar case calquera cousa, arranxar a roda da bicicleta, facer tinturas naturais, pasteis, trucos con moedas, diferentes tipos de avións de papel, comedeiros para aves, usar o compás para orientarnos na dirección correcta... e moitas cousas máis.

As explicacións son moi claras e sinxelas e van acompañadas dunhas fermosas ilustracións que axudan a entender o texto e o enriquecen.

Unha moi boa opción para desfrutar do tempo libre en familia ou cos amigos.

- Mocidade e persoas adultas:

Lecciones de química, de Bonnie Garmus.
Salamandra.

Versión dixital en eBiblio.
Audiolibro en eBiblio.

Elizabeth Zott é química e, no ano 1952, traballa no Instituto de Investigación Hastings en California nun ambiente ferozmente machista.

Poucos anos despois é despedida e convértese en nai solteira e presentadora de televisión dun exitoso programa de cociña. A ela non lle entusiasma ser unha estrela televisiva e, en lugar de seguir o insípido guión do programa, aplica os seus coñecementos científicos á comida de forma que imparte ao seu público, na súa maioría amas de casa, clases de introdución á química.

A medida que o seu éxito aumenta, van aumentando tamén os seus inimigos porque Elizabeth non só ensina ás mulleres a cociñar senón que tamén as empodera e as desafía a rachar cos límites que lles impón unha sociedade que as menospreza.

Unha novela moi divertida que denuncia, con humor e  ironía,  as inxustizas sociais e profesionais sufridas polas mulleres.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario