14/2/25

Recomendacións en Radioleiros: 14 febreiro 2025

"En terra allea" de Pepe CarballudeRecomendacións en Radioleiros: 14 febreiro 2025 - Público xuvenil:
"En terra allea" de Pepe Carballude. Editado por Galaxia.
Unha fermosa novela que achega o tema da migración, dos problemas que teñen moitas destas persoas: explotación laboral, dificultades para atopar vivenda, etc,  
Paralelamente, visibiliza colectivos minoritarios que reivindican o valor da diferenza e rachan cos prexuízos, como poden ser os xitanos ou as parellas homosexuais.
Esther e a súa filla Paula emigraron desde Venezuela a Galicia. A ONG Fides búscalles diversos traballos e facilitoulles un piso para vivir, pero a causa de varios problemas que tiveron con outros emigrantes, trasladáronse á reitoral de don Fidel. Paula estuda no instituto, onde coñeceu a Amanda. As dúas mozas acuden cada tarde a uns penedos situados ao lado do paseo marítimo para contemplar a beleza do mar e celebrar o xúbilo da vida e o amor...
Unha narración, cunha lectura áxil que atrapa, que fai reflexionar e que fala das relacións humanas, da imposición e a tolerancia, da colaboración e a solidariedade, destacando algunhas actitudes negativas da sociedade, así como as discriminacións e as diferenzas entre as persoas, pero na que impera o amor.
Recomendámola para todas as persoas a partir de 12 aproximadamente, pero principalmente para adolescentes e público xuvenil.

"Abril es un país: los heroísmos desconocidos de la Revolución de los Claveles" de Tereixa Constenla
- Mocidade e persoas adultas:
"Abril es un país: los heroísmos desconocidos de la Revolución de los Claveles" de Tereixa Constenla. En Tusquets.
Un libro que a modo de crónica, entrevistas, ensaio e historia, presenta a Revolución dos Caraveis (Revolução dos cravos) en Portugal, cos obxectivos de lembrar o Golpe de Estado militar do 25 de abril de 1974 e de dar voz aos seus protagonistas.  
A Revolución dos Caraveis tivo lugar o 25 de abril de 1974, e rematou (pódese dicir que de forma incruenta) cun réxime ditatorial que durante 42 anos someteu ao pobo portugués, baixo as ordes dos ditadores António de Oliveira Salazar e Marcelo Caetano. 
Explica como o levantamento militar, liderado esencialmente polos mandos intermedios, principalmente capitáns descontentos co goberno, non só veu determinado polo esgotamento da ditadura salazarista, senón tamén por unha política colonial marcada por numerosos abusos e golpeada polas guerras de independencia (trece anos de guerras en África). En 1974, Portugal era un país empobrecido, embarcado en guerras coloniais sen futuro e cunha oposición interna que cada vez contaba con máis apoio social. Este alzamento marcaría o inicio do proceso que levaría a Portugal ás súas primeiras eleccións democráticas libres (un ano despois da revolución) e á restauración da democracia tras case medio século de ditadura.
Céntrase principalmente no capitán Salgueiro Maia, un heroe indiscutible deste episodio, pero tamén noutras persoas que, con idealismo e coraxe, o arriscaron todo para conseguir o final da ditadura, destacando o compromiso de xenerosidade e ética deses militares e de toda unha xeración de resistentes políticos que loitaron contra a ditadura e que pagaron un alto prezo por iso.
Tamén relata diversos aspectos como por exemplo: 
Que se chama Revolución dos Caraveis porque cando as tropas estaban na rúa, un soldado pídelle un cigarro a unha moza. Como ela levaba caraveis para a celebración dunha festa no restaurante no que traballaba, deulle un caravel. O soldado colocouno no canón e os demais puxéronnos nos fusís que portaban, como sinal de que non desexaban disparar as súas armas, estendéndose a acción ao resto da poboación por toda a cidade e xerando o nome co que a revolta pasaría á historia.
A escoita na radio da canción Grândola Vila Morena, interpretada por José Afonso, era o sinal para que os militares se puxeran en movemento. 
Unha interesante obra sobre a Revolución dos Caraveis que lle recomendamos a todas as persoas que queiran saber algo máis da historia do país veciño.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario