11/5/23

Recomendacións en Radioleiros: 12 maio 2023

- Infantil (a partir de 9 anos):

O neno de lume, de Ledicia Costas con ilustracións de Iván R.

Premio Merlín de Literatura Infantil no 2021
Premio Follas Novas do Libro Galego no 2023


Unha novela infantil que conta unha historia, acontecida hai preto de dous séculos, sobre un neno especial chamado Morgan. De bebé apareceu diante da casa dunha señora, cunha caixa de mistos e unha nota que dicía: «Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son o neno de lume», algo que ela non entendeu. Gardou a nota e a caixa, colleuno no seu colo e pensou en como se pode abandonar unha criatura así. A Sra. Culpepper quixo adoptalo pero puxéronlle tantos impedimentos legais que o neno tivo que pasar o primeiro ano de vida nunha casa de acollida, o que si puido foi darlle o seu apelido. Por ese motivo, o gobernador tivo a orixinal idea de organizar un sistema de adopciónsingular. Todos os anos, o 1 de xaneiro, farían un sorteo. O neno viviría cada mes nunha casa distinta, así tería ducias de pais e nais e nunca se sentiría só. Para garantir que o ían tratar ben o concello daríalle unha boa dotación económica a cada unha das familias agraciadas no sorteo. 

A partir dos 10 anos, as cousas comezaron a complicarse, porque Morgan sempre tiña sobre o seu ombro dereito unha especie de chama, de nome Luminaria, que nunca se apagaba e que só el podía ver. Os primeiros problemas aparecéronlle na escola, debido a que non é doado ser un neno que fala cunha chama invisible e que cada mes vive nunha casa distinta. Iso fai que entre a formar parte do grupo dos raros, dos diferentes...

Por todo isto, a Sra. Culpepper pensou en que era hora de resolver o enigma da nota que acompañaba ao neno de bebé, e a partir de aquí acontecen unha serie de aventuras fantásticas...

Estamos ante unha narración de fantasía e de aventuras, cunhas fermosas ilustracións, que fala de nenos adoptados, da busca da propia identidade, da amizade e da diversidade.

- Xoves e persoas adultas:


Unha biografía divulgativa sobre Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas deste ano, un escritor e intelectual que desenvolveu un traballo fundamental de difusión da cultura galega e principalmente do galeguismo cultural durante o século XX. Destacado membro do Seminario de Estudos Galegos e da xeración de intelectuais que xurdiron arredor do Grupo Nós. Unha ponte esencial entre a cultura galega de antes de 1936 e as posteriores xeracións galeguistas, pero tamén entre o galeguismo do exterior e o do interior do país. Membro fundador da editorial Galaxia en 1950 e da Fundación Penzol en 1963 da que foi director. Ingresa na Real Academia Galega en 1960, sendo presidente desta institución de 1997 a 2001. Entre algunha das súas iniciativas salienta a de crear en 1963 o Día das Letras Galegas. Unha persoa de traballo constante e silencioso, ao mesmo tempo que un importante intelectual. 

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario