5/3/18

Recomendacións en Radioleiros: 2 marzo 2018

https://youtu.be/w37_Rt8nG-I
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1239170- Infantil (nenas-os a partir de 5 anos):
"O oso e o piano" de David Litchfield. Editado por Hércules.
Un día no bosque un osiño atopou algo que nunca vira. -Que será esta cousa tan estraña? –pensou. Con medo, tocouna e saíu un son raro. Co tempo, despois de insistir diariamente, conseguiu que os sons desa cousa estraña fosen fermosos. Cando tocaba sentíase feliz e os sons transportábano a terras afastadas e marabillosas...
Estupendo álbum ilustrado, cunhas fermosas e entrañables ilustracións que nos fala do fundamental que é a perseverancia e o traballo diario cando queremos conseguir algo, pero tamén da importancia que ten a infancia para toda a vida e o lugar onde unha persoa pasa esa etapa da súa vida.
Esta obra foi galardoada co Premio Libro Infantil de Waterstones 2016 polas súas ilustracións.

- Mozas-os e adultas-os:
"A nena do abrigo de astracán" de Xabier P. DoCampo. En Xerais.
Excelente novela que narra os acontecementos dos últimos meses de 1947 en Ribadaínsua ou relacionados con persoas que vivían nesta localidade. A propia vila é a narradora do que vai sucedendo. Preséntanos como era a vida nunha localidade pequena e illada neses anos do franquismo e o control social da poboación. Está dividida en  sete capítulos nos que cada un deles leva o título dunha película.
A principal protagonista é Susana, unha nena de doce anos que se ven a vivir cunha familia desta localidade. Como á señora que a acolle lle gustaba moito o cine pero non vía correcto ir ela velo, manda á nena (co permiso do cura) para que ela lle conte despois as películas: Historias de Filadelfia, Luz que agoniza, O mago de Oz, Rebeca, A ponte de Waterloo, Como era
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1322947verde o meu val e A Loba. Son sete títulos clásicos moi escollidos polo autor, para o que antes visualizo un gran número de filmes e foi seleccionando.
Paralelo a isto iremos asistindo a diversos acontecementos dramáticos que van sucedendo na localidade. Don Amancio, o crego que todo o controla, os fascistas que non permiten que ninguén sexa ou pense de forma diferente, Agustina que pretende organizar o destino dos que a rodean, etc. Pero ao mesmo tempo tamén asistiremos como a un realismo máxico da nena que fala cun espello, dos mortos que viven nos faiados, das voces que se escoitan... Seremos testemuñas do silencio e do medo da poboación, do escurantismo no que se vivía, da violencia dos fascistas, da insensibilidade diante a dor, da impunidade en determinados sucesos tráxicos.
Na presentación que fixo o autor na Coruña comentou que a orixe da obra foi no ano 2002 cando o chamaron para ser pregoeiro das festas de Rábade, o concello onde naceu, e agasallárono cun libro de fotografías antigas onde aparecía unha nena pequena sentada que vestía un abrigo de astracán e que Xabier cando a viu dixo “Que nena máis triste!”. A mesma foto que escolleu para ilustrar a cuberta do libro e na que se basea o personaxe de Susana. De aquí naceu esta novela que lle levou 15 anos elaborala. Nesta presentación Xavier tamén falou da valentía de mulleres  que queren controlar a súa vida como por exemplo Engracia, ou de persoas que son diferentes como Isidoro.
Unha novela moi interesante que nos fai coñecer mellor o noso pasado, reflexionar sobre el, ao mesmo tempo que é unha homenaxe ao cine.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario