8/3/16

As “8 Marías” da cultura galega

As Nacións Unidas estableceron o 8 de marzo como “Día Internacional da Muller” para conmemorar a loita feminina pola súa participación igualitaria no mundo do traballo, a política e na sociedade en xeral.

Vense “celebrando” en todo o mundo dende o ano 1975. Pero a loita das mulleres por un mundo máis equitativo está presente en todos os séculos da nosa historia.

Dende a Biblioteca e Centro de Documentación da Muller “Rosalía de Castro” presentamos 8 exemplos de mulleres galegas que destacaron, ao longo da historia, nalgunha faceta da vida.
1ª María Balteira - S.XIII
A máis sonada soldadeira da época medieval.
As soldadeiras eran mulleres adscritas á Corte que tiñan como oficio cantar e bailar e

recibían por iso unha soldada, de aí o nome.
María Balteira aparece en varias cantigas de escarnio e maldizer.
Debeu ser un personaxe moi popular, pois é citada en 15 cantigas
 

2ª María Castaña - S.XIV
Unha rebelde do século XIV que se converteu nunha lenda popular.
María Castaña, encabezou unha revolta contra o señor feudal, frei Pedro López de Aguiar, bispo de Lugo.
Un episodio máis das numerosas loitas que as mulleres levaron a cabo no mundo feudal na defensa do pan, da alimentación dos seus e da paz.
 

3º María Soliña- S.XV
Condenada pola Inquisición, converteuse no símbolo do sufrimento do pobo.
As mulleres tamén defendían as costas dos ataques piratas e moitas veces foron violadas e torturadas, ademais de roubadas. Posteriormente a estes feitos varias das mulleres que organizaron a resistencia nas costas do Morrazo foron acusadas de bruxería ante o Tribunal da Inquisición. Deste xeito, querían facerse coas súas pertenzas. María Soliña foi unha destas mulleres. Foi detida e morreu a causa das torturas, converténdose así nun símbolo do sufrimento do pobo.
 

4ª María Pita - S. XVI
Heroína da defensa da Coruña contra os ingleses. En 1589 a Armada Inglesa, dirixida polo

corsario Francis Drake, asediaba A Coruña, abriron unha brecha na muralla e comezaron o asalto da cidade vella, dirixidas por un alférez que portando a bandeira logrou subir á parte máis alta da muralla. María Pita matou ao alférez inglés, segundo a tradición berrando "Quen teña honra, que me siga", cousa que desmoralizou a tropa inglesa provocando a súa retirada.
 

5ª María Vinyals - S. XVIII
A Marquesa Vermella (1734-1808). Foi coñecida como Marquesa Vermella polas súas ideas progresistas.
Firme defensora dos dereitos das mulleres: defende a elevación do seu nivel intelectual, reclama para elas o dereito a voto e reivindica a igualdade xurídica de homes e mulleres.
María Vinyals foi unha adiantada do seu tempo, e en 1906 a Real Academia Galega nomeouna académica correspondente.
 

6ª María Dios - S. XIX
Unha independente e polifacética mestra.
Natural da Pobra do Caramiñal, trasládase a Santiago para formarse en pintura, música e francés. Exercerá como docente de debuxo na Escola de Artes e Oficios da Pobra.
Abandeirada  nunha época en que as mulleres estaban circunscritas ao coidado da casa e ás obrigas matrimoniais e a pesar dos prexuízos sociais existentes daquela e do seu vínculo familiar cun sacerdote, decidiuse a ser nai solteira.
 

7ª, 8ª As Marías - S. XX
Mulleres de luz nunha Compostela gris .
Cando Maruxa e Coralia, “as dúas en punto”, “as dúas Marías”..., saían á rúa a pasear vestidas coa roupa feita na casa, con teas de cores, alegres e vivas coma elas, os

estudantes chamábanlles “liberdade, igualdade e fraternidade”. Pero tras a sublevación militar franquista de 1936, coa súa represión feroz, a súa familia sería represaliada. Chamábanlles “roxas”, tratábanas de “putas”. A fame estivo presente diariamente nas súas vidas a partir de entón. Pero elas conseguiron crear un mecanismo de defensa para sobreviviren: tolearon.
Na biblioteca podes atopar información máis detallada sobre cada unha delas.
Durante todo o mes de marzo e periódicamente neste blog iremos aumentando a información sobre estas 8 “Marías galegas” e as súas vidas.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario