11/2/13

Exposición "Syra Alonso & Francisco Miguel" en Santa Cruz

Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro sita en Santa Cruz podes contemplar a mostra titulada “Syra Alonso & Francisco Miguel”, dentro do ciclo de exposicións relacionadas con mulleres ilustres que tiveron relación co Concello de Oleiros, e que formarán parte do Roteiro Cultural e Literario que xa se levou á práctica o curso pasado e se repetirá este ano con mulleres como Syra Alonso, Fanny Garrido ou Francisca Herrera, e nalgúns casos coas súas parellas.
Syra Alonso procede dunha familia da burguesía comercial coruñesa. Casa co pintor Francisco Miguel no ano 1920, cando acaba de cumprir 21 anos.
Viaxan a París, Cuba, a súa familia medra, teñen tres fillos varóns, e por fin recalan en  México onde as relacións co muralista David Alfaro Siqueiros e a poeta Blanca Luz Brum marcarán as súas vidas. Francisco Miguel retrata a Syra unha morea de veces, pinta tamén cadros onde se adiviña a súa relación coa Coruña que deixaron atrás. E por fin o 10 de novembro de 1933 regresan a Galicia, aquí establecen a súa residencia na parroquia de Liáns (Oleiros), nunha vivenda do Porto de Santa Cruz, a que chaman a “Casa da Felicidade”, que sempre sería recordada por Syra con cariño e nostalxia polas vivencias, tan felices pero tamén tan duras.
O 3 de agosto de 1936 a Garda Civil detén a Francisco Miguel acusado de actuar contra o rexime militar golpista. Syra visítao por derradeira vez o 28 de setembro, nesa mesma noite tres balas asasinan a Francisco Miguel logo de que fracasasen todas as desesperadas xestións desenvolvidas pola súa muller. O 30 de setembro será enterrado no cemeterio da parroquia de Bértoa despois de que lle amputaran as mans que tantas obras pintara.
Neste intre Syra comeza a escribir un diario no que recolle o período de desesperación e de represión hacia a súa persoa e a obra do seu home en Galicia (pechan unha exposición que ela organiza pouco despois da súa morte), ata que conseguiu saír cos seus fillos de novo para México vía Lisboa. Despois de vivir en Actopán, reside en distintos domicilios de Cidade de México e Cuernavaca. Os últimos anos pásaos en México D.F., ata a súa morte producida por un cancro de ósos.
No ano 2000 chegan a Galicia os Diarios de Syra Alonso (Colección Mulleres, A Nosa Terra) despois de máis de medio século de exilio. O seu fillo Juan Ramón Fernández enviábaos desde México e descúbrenos un dos máis extraordinarios memoriais da represión desatada despois de 1936. Syra Alonso escribira a primeira parte dos seus diarios en Tordoia, e a segunda na localidade mexicana de Actopán, en 1945. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario