15/4/23

Recomendacións en Radioleiros: 14 abril 2023

Recomendacións en Radioleiros: 14 abril 2023
- Infantil (crianzas a partir de 5 anos):
"Esperando o amencer" de Fabiola Anchorena. Editado por Kalandraka.
Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados 2022
"Esperando o amencer" de Fabiola AnchorenaUn fermoso libro que presenta ás nenas e nenos máis pequenos o problema dos incendios forestais.
As primeiras páxinas teñen un fondo negro e moi pouco colorido. Nelas vemos os animais que están moi preocupados porque hai tempo que non ven o amencer e tampouco a lúa e as estrelas. Pregúntanse se o sol fuxiría, se estará canso de deixarse ver. Hai rumores de que se agocha no máis fondo do bosque, polo que todos os animais se poñen en movemento na súa busca, ata que chegan a unha zona na que vai moita calor. Mais ese non é o amencer que esperaban, porque esa calor queima. Senten medo e tentan fuxir, ata que coa choiva chega a calma e o seu fogar aparece de novo. Entón as ilustracións cambian e contemplamos unhas páxinas radiantes de colorido e de beleza cos bosques e os distintos animais felices agardando que o sol non volva a desaparecer e tampouco o verde da natureza.
O proxecto desta obra naceu na mente da autora a raíz do medo que sentiu en 2019 cando a Amazonía ardía a causa dun dos peores incendios dos últimos anos. 
Está dedicada a todas as persoas que aman os animais e que protexen os seus fogares.
"Castillos de fuego" de Ignacio Martínez de Pisón
- Xoves e persoas adultas:
"Castillos de fuego" de Ignacio Martínez de Pisón. En Seix Barral.
Novela coral que amosa Madrid nos anos posteriores á Guerra Civil, entre 1939 e 1945. Uns anos terribles, a guerra acabou, pero non para todos. Son uns anos convulsos. Homes e mulleres loitan por seguir adiante nunha España marcada pola fame e a penuria.
Atopámonos con Alicia que traballaba vendendo entradas nun cine, pero quedou embarazada e para poder criar o fillo terá que buscarse a vida. Matías que trafica con obxectos requisados. Eloy, un mozo cunha discapacidade, que milita no Partido Comunista. Balbino que colabora con el. Basilio, un profesor de universidade que non comprende por que lle sacaron a súa praza de docente, e a súa filla Gloria. Ballesteros, outro profesor, pero que apoiou a sublevación e polo tanto non ten problemas. Rosalía que imparte clases de inglés nunha academia. Valentín que quere montar un estanco e anda pedindo favores.  Amancio que ten a muller embarazada e non desexa que o metan en problemas, principalmente se o que pregunta é Valentín. Como di Maite, a sogra de Amancio, “están dando nomes, non te podes fiar de ninguén, calquera podería ser o chivato”. Mª Luisa que perdeu a súa casa nun bombardeo e están deixándoa vivir nunha fábrica. Asistimos a todo tipo de persoas normais, de distintas idades e clases sociais, pero que viven nuns anos de terror e medo. Debido a que son anos violentos, cunha represión terrible, as súas vidas tamén están sacudidas pola violencia.
Cunha boa documentación histórica o autor presenta unha serie de personaxes de ficción nunha cidade devastada pola Guerra Civil, pero tamén fala doutros reais como Serrano Suñer ou Dionisio Ridruejo.
Estamos ante unha novela histórica, de cerca de 700 páxinas, que reflicte moi ben toda unha época marcada pola miseria moral e económica, con heroes e viláns, onde hai que aceptar as normas dos vencedores e na que a traizón pode estar en calquera lugar e momento.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario